A rápida transformación de China e a emerxencia de India están a mudar as coordenadas do mundo en que vivimos. En poucos anos, China e India xuntas acumularán a metade da produción mundial. Todos deberíamos prepararnos para ese futuro.
A suma matemática dos datos da o que da. A cuestión é que se poidan sumar. Bush, de visita recente na India, porá todo o empeño en dificultar a operación. E as diferencias entre os dous grandes de Asia certamente non son poucas: a independencia enerxética, a conquista de mercados nos países desenvolvidos e emerxentes, as loitas pola influenza nos pequenos países veciños. Ambos estados buscan competir no mercado internacional e rivalizan por lograr unha maior participación na política mundial.
Pero se as contas non fallan nin a historia se torce, China terá, en 2035, o PIB estadounidense (en números absolutos) e India, o PIB xaponés. A priori, China pode ter algunhas cousas máis fáciles. Por exemplo, en 2035 dependerá só nun 75% dos aprovisionamentos de petróleo, mentres que a India dependerá nun 95%, xa en 2015. Quizais por iso, ambos rivalizan intensamente por lograr acceso ao petróleo e gas birmano.
Hai quen considera que unha das razóns que poden dificultar a consolidación dun polo alternativo en Oriente é o déficit de preparación científica. Non obstante, nos últimos anos, entre China e India licencian cada ano dez veces máis enxeñeiros que EEUU. China, volcada na carreira espacial, ven de anunciar que o proxecto de tren de alta velocidade entre Beijing e Shanghai será desenvolvido con tecnoloxías propiamente chinas en máis dun 70%. É a primeira vez que nun gran proxecto de infraestrutura se dispón explicitamente a reducción da participación estranxeira. O goberno aposta por fortalecer a innovación (2% do PIB ata 2010 e 2,5% en 2020) para que, á volta duns anos, deixe de ser o taller do mundo. En 2005 investiu o triple dos 11.300 millóns de dólares do 2000. As habilidades dos competidores asiáticos van en aumento. China quere outro destino de seu.
Todo ese proceso vese favorecido ademais pola expansión en China dos centros de I+D, atraídos pola enorme cantidade de persoas con talento e os baixos custes. Nos últimos catro anos, o número de centros pasou de 200 a 750, a pesar da feble protección que ofrece este país ás patentes e os dereitos sobre a propiedade intelectual. Hoxe a India pode levar vantaxe no eido informático, pero non se pode ignorar que China licencia cada ano tres veces máis enxeñeiros que a India. De aquí a dez anos, o choque entre India e China neste sector será inevitable, como tamén, probablemente, na biotecnoloxía.
A ausencia dunha política de control de natalidade na India, outórgalle certa vantaxe relativa no eido demográfico, pero o seu sistema educativo segue a ser moi elitista: soamente o 53% dos nenos reciben máis de cinco anos de estudo, mentres que na China o 98% dos cativos teñen unha escolarización máis ou menos normal. Quédanos o risco político, reducido na India a un cambio de maioría, mentres na China, cambio é sinónimo de mudanza de réxime, o que implica maiores incertezas.