20090216 a habana alvaro colom e raul castro

Citas en Cuba

 Martín Torrijos e Raúl Castro; clic para aumentar
Rafael Correa e Raúl Castro; clic para aumentar
Cristina Fernández de Kirchner e Raúl Castro; clic para aumentar
Michelle Bachelet e Raúl Castro; clic para aumentar
Álvaro Colom e Raúl Castro; clic para aumentar
No inicio de 2009 chegaron á Habana, de maneira sucesiva, os presidentes de Panamá, Martín Torrijos; de Ecuador, Rafael Correa; de Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner; de Chile, Michelle Bachelet; e de Guatemala, Álvaro Colom.
 

Cuba ven recibindo nos últimos meses numerosas e importantes visitas presidenciais. Nesta Habana non soamente é común a presenza de aliados como Chávez ou Morales. A finais do ano pasado, Raúl Castro recibiu ao presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, así como ao chinés, Hu Jintao, e ao ruso, Dimitri Medvedev. No inicio de 2009 chegaron á Habana, de maneira sucesiva, os presidentes de Panamá, Martín Torrijos; de Ecuador, Rafael Correa; de Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner; de Chile, Michelle Bachelet; e de Guatemala, Álvaro Colom. Para esta primeira semana de marzo está anunciada a chegada do presidente de Honduras, Manuel Zelaya, e queda por concretar a visita do mandatario mexicano Felipe Calderón. Actualmente, e como consecuencia dos cambios políticos rexistrados en América Latina, a illa, máis desbloqueada ca nunca, ten relacións normalizadas con todos os países da zona, a excepción de El Salvador.

A motivación e o resultado destas visitas, máis que económico, é político, porque reafirman unha clara mensaxe para Obama, quen se reunirá cos líderes de América Latina e o Caribe, nun Cumio que se realizará en abril en Trinidad e Tobago. Todos os xefes de Estado que pasaron pola illa, especialmente os latinoamericanos, pediron a Washington terminar co bloqueo e reanudar as relacións comerciais e políticas con Cuba. En decembro pasado, presidentes e xefes de Estado e de Goberno de Latinoamérica e o Caribe que se reuniron en Salvador de Bahía, Brasil, pediron a Washington eliminar o bloqueo mantido durante dez administracións para intentar colapsar o réxime cubano. Son todas eles fortes sinais que reclaman un xesto do presidente Barack Obama urxíndolle un cambio na política de Estados Unidos cara Cuba.

Raúl Castro cumpriu o seu primeiro ano na presidencia. Os anuncios de cambio, "estruturais e de concepto" que prometeu, seguen agardando concrecións que avanzan a un ritmo propiamente caribeño, é dicir, cunha lentitude ás veces desesperante, agora coa escusa dos danos económicos de tres furacáns que causaron danos por valor de 10.000 millóns de dólares. Á espera do congreso do Partido comunista cubano, anunciado para o segundo semestre de 2009, os maiores éxitos de Raúl producíronse no eido externo, con esa listaxe de visitas, a integración no Grupo de Río e as misións en Rusia, Alxeria e Angola. Esa ancoraxe internacional sitúao en excelentes condicións para negociar coa Casa Branca un cambio de rumbo, tal como o propio Obama insinuou durante a campaña electoral. Ambos os dous gozan aínda de certo período de graza e farían mal en desaproveitalo.