Se poñemos o foco nos datos de investimentos e intercambios comerciais entre a Comunidade Autónoma e o xigante chinés, é posible atopar evidencias da crecente influencia do país oriental. Así, mentres o investimento estranxeiro directo (IED) sitúase en valores baixos e é dependente de operacións puntuais en ambos os sentidos, as relacións comerciais reflicten outra realidade.
Nos últimos vinte anos, o crecemento das exportacións galegas a China foi moderado, pero sostido no tempo. E aínda que estas exportacións aínda non alcanzan o 1,5% do total autonómico, é posible observar unha tendencia positiva e expectativas crecentes para os próximos anos, a pesar da guerra comercial UE-China. Por outra banda, a evolución das importacións demostra unha crecente dependencia galega do país asiático, especialmente acentuada tras unha pandemia na que afloraron sucesivas crises de abastecemento (máscaras, semicondutores) tras a política de Covid cero e o peche de portos do país asiático.

Se estudamos os datos territoriais en detalle, é a provincia de Lugo a que mostra maior dependencia do mercado chinés para as súas exportacións, supoñendo este destino arredor do 6% do total de exportacións provinciais. O motivo? A especialización produtiva baseada no sector primario. O mercado chinés demanda a Galicia produtos de alimentación provenientes do mar e derivados lácteos, ovos, porcino e outros produtos de alimentación.
En canto ás importacións, a maior dependencia móstrana as provincias de Pontevedra (forte en sectores como a automoción) e Ourense (con presenza relevante do sector téxtil e a agroalimentación). Na primeira, case 1 de cada 5 euros importados provén de China, mentres na segunda sería 1 de cada 7. Lugo (1 de cada 10 euros) e Coruña (1 de cada 14) figuran a continuación. Así, mentres Pontevedra lidera en sectores como maquinaria e equipos eléctricos, outras áreas presentan un perfil máis diversificado ou menos dependente de China.
A dependencia tecnolóxica galega de China céntrase en bens de equipo, maquinaria, téxtiles e fibras, o que evidencia unha asimetría significativa nas relacións comerciais entre os dous territorios. Este fenómeno revela a importancia de China como provedor clave para sectores estratéxicos, pero tamén expón desafíos asociados a posibles interrupcións nas cadeas de subministración e á necesidade de diversificar as fontes de aprovisionamento. A heteroxeneidade nesta dependencia tecnolóxica entre provincias galegas apunta á necesidade de políticas diferenciadas a nivel territorial e resalta a importancia de reforzar as capacidades locais para adaptarse a posibles cambios nas condicións do comercio internacional, xa sexa mediante investimentos en innovación, desenvolvemento de provedores rexionais ou maior integración en cadeas de valor europeas.
Neste contexto, Galicia debe asumir unha dobre estratexia para xestionar a súa relación económica con China: Por unha banda, consolidar as súas posicións exportadoras en sectores de alta demanda como o agroalimentario, pero explorando tamén nichos de alto valor no mercado asiático; Por outra, reducir a súa dependencia das importacións chinesas en bens estratéxicos mediante a diversificación de provedores e o fortalecemento das súas capacidades tecnolóxicas e industriais.
En definitiva, o equilibrio entre a integración nos fluxos globais e a resiliencia económica local é un aspecto esencial para construír unha economía galega máis robusta fronte ás tensións xeopolíticas. Neste sentido, xorde a necesidade de xerar políticas sectoriais e ancoradas no territorio, con carácter proactivo e que permitan transformar as dependencias actuais en oportunidades de desenvolvemento sostible e competitivo (p.e. en sectores como as enerxías renovables, na innovación medioambiental etc.), co obxectivo de maximizar oportunidades e mitigar riscos nun contexto internacional e global incerto.

