Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC

Costa Rica e Nicaragua: retos e ameazas para a cooperación

Desde xullo de 2016, autoridades e representantes de ámbolos Estados centroamericanos comezaron a reunirse de forma periódica para tentar impulsar novamente unha axenda común en materia de seguridade e combate contra o crime organizado e o narcotráfico na rexión. A situación xeoestratéxica compartida, que reviste especial atractivo e relevancia para as rutas do tráfico ilícito e dos fluxos migratorios internacionais cara os EUA, configura uns retos e ameazas comúns que requiren esforzos conxuntos, no canto de evitar emular a situación de inseguridade que atinxe ao Triángulo Norte Centroamericano (TNC).  

Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

Desde xullo de 2016, autoridades e representantes de ámbolos Estados centroamericanos comezaron a reunirse de forma periódica para tentar impulsar novamente unha axenda común en materia de seguridade e combate contra o crime organizado e o narcotráfico na rexión. A situación xeoestratéxica compartida, que reviste especial atractivo e relevancia para as rutas do tráfico ilícito e dos fluxos migratorios internacionais cara os EUA, configura uns retos e ameazas comúns que requiren esforzos conxuntos, no canto de evitar emular a situación de inseguridade que atinxe ao Triángulo Norte Centroamericano (TNC).  

Tradicionalmente afastados do clima de violencia e debilidade institucional dos seus veciños do Norte, as estratexias de seguridade destes Estados caracterizáronse, con demasiada frecuencia, pola predominancia de enfoques unilaterais, centrados nos respectivos fenómenos locais. O problema reside en que os principais retos de seguridade que concibe o istmo centroamericano -na súa totalidade- ven definido por unha problemática transnacional, polo que a falta de cooperación e desenvolvemento de estratexias multilaterais non fai senón entorpecer os esforzos de cada un dos Estados implicados.

As continuas flutuacións nas dinámicas do crime organizado e a constante reformulación das súas estratexias, sempre un paso por diante das respostas estatais, terminaron por ameazar a dúas áreas relativamente menos aflixidas – ata o de agora- pola inxerencia do narcotráfico e do crime organizado. O fenómeno empeza a ser tanxible principalmente en determinadas zonas da costa caribeña, influenciadas pola paulatina preponderancia das rutas marítimas da cocaína provinte de Sudamérica.

O fortalecemento de grupos locais e o aumento da súa actividade móstrase ligado á cada vez máis notoria presenza de organizacións mexicanas e colombianas, escenario que certamente fixo saltar as alarmas nos gobernos presididos por Daniel Ortega e Guillermo Solís. Se ben é certo que as relacións entre ambos Estados non teñen sido fluídas(1), configurando de forma intermitente períodos de tensión e distensión, a percepción compartida dunha problemática en auxe parece reforzar os lazos diplomáticos, favorecendo unha cooperación certamente necesaria no canto de evitar a eclosión dun fenómeno funesto para o ámbito socioeconómico de ámbolos estados.

Reorientación transnacional e impulso rexional

Dende o último lustro, comezan a apreciarse cambios significativos no tradicional rol que ocupaban estes países dentro das rutas do narcotráfico, limitados a ser meras zonas de tránsito. En Costa Rica, a súa situación mudou ata establecerse coma “unha importante base operativa do narcotráfico, cunha crecente infiltración dos carteis transnacionais(2). A presenza, e mesmo residencia dalgúns capos pertencentes a grupos mexicanos e colombianos, resulta altamente probada polas autoridades estatais, levándose a cabo múltiples operacións policiais no canto de evitar dita consolidación.

En Nicaragua, a paulatina presenza de membros de organizacións mexicanas de primeiro nivel (Cártel de Sinaloa) nas zonas fronteirizas con Costa Rica, supón unha auténtica inquietude para as forzas de seguridade nicaraguana.

O citado cambio explícase, entre outros factores, pola maior presión e control militar exercido nas zonas marítimas do Norte, especialmente en augas de Honduras que, dende 2012, son custodiadas por un corpo conxunto encabezado pola Mariña norteamericana, dentro do denominado Plan Martillo. Esta situación contribuíu a unha reorientación parcial das citadas rutas cara as costas pacíficas e caribeñas costarricenses e nicaraguanas, cun relevante punto de enlace situado no arquipélago de San Andrés, Providencia e Santa Catalina (pertencente a Colombia).

Paralelamente, e ao albor do impulso outorgado polas organizacións transnacionais, estase a producir un relativo fortalecemento de grupos autóctonos, que actúan en areas costeiras como a provincia de Limón (Costa Rica) e Bluefields (Nicaragua), principalmente como enlaces. Do mesmo xeito, comeza a observarse certa reorientación dos sectores socioeconómicos tradicionais destas áreas, especialmente significativo no ámbito agrario rural e indíxena, cunha proliferación dos cultivos de cannabis.

Coma efecto derivado, a puxanza destes grupos tendeu a traducirse nun aumento significativo dos homicidios, principalmente debidos a axustes de contas entre bandas, que se ben atópanse bastante focalizados(3), engrosan uns índices globais pouco experimentados, especialmente no caso costarricense. En Nicaragua, pese a manter unha continua baixada nos datos de violencia e homicidios durante os últimos anos, e mesmo situarse como a zona menos violenta do istmo, os rexistros nas áreas máis sensibles –como Bluefields- móstranse certamente preocupantes. Se no 2012 o índice nacional era de “13 homicidios por cada 100.000 habitantes, neste municipio elevaríanse ata os 44”(4).

Pese a este preocupante contexto, e conscientes do risco que supón, resulta necesario resaltar que non nos atopamos ante unha situación enquistada e xeneralizada, nin cun escenario de violencia estendido que aflixa ao desenvolvemento socioeconómico estatal, ao menos coma nos casos do TNC ou México. Sen embargo, deben tomarse as iniciativas pertinentes mentres a problemática atópese en fase embrionaria, a fin de evitar que a crecente actividade do crime organizado termine por favorecer a súa penetración nas institucións públicas e derive en dinámicas xa experimentadas en países veciños.

Cooperación bilateral: unha senda ineludible

Conscientes do contexto actual e do futurible, resulta loable o esforzo das autoridades estatais no canto de reconducir unhas relacións non sempre cordiais e coordinar, de forma bilateral, a estratexia de combate fronte ao cada vez máis presente crime organizado.

No último encontro, acaecido en Liberia (Costa Rica) o pasado mes de febreiro, e que toma o relevo do primeiro contacto en Managua (xullo de 2016), avanzouse nun proxecto de colaboración transfronteiriza e de coordinación máis fluída. En primeiro lugar, resaltouse a necesidade de crear vías de intercambio de información e intelixencia de forma asidua e a tempo real -materia pendente no resto da rexión centroamericana e ferramenta fundamental na loita contra actores armados non estatais- sentando as bases para o desenvolvemento dos mecanismos e canles oportunos.

De igual xeito, estipulouse a realización de operacións coordinadas entre os corpos e forzas de seguridade de ambos Estados, especialmente nas áreas fronteirizas de Peñas Blancas e Las Tablillas. Estas zonas revisten de especial importancia ao ser un cruce fronteirizo de enorme afluencia e, consecuentemente, punto utilizado para o tráfico ilícito. Cabe tamén destacar que nestes operativos conxuntos englóbase a loita contra a trata de seres humanos, no referente aos migrantes internacionais que cruzan a divisoria na ruta cara os EUA.

Tamén resulta interesante a cooperación no escenario marítimo, que como vimos anteriormente goza de crecente relevancia. Ao marxe de abrir vías de comunicación entre operativos navais e de compartir información de intelixencia destinada a interceptación de alixos, destaca o desenvolvemento de pautas de actuación coordinadas en áreas sensibles, evitando incidentes entre diferentes axencias e fortalecendo o control e vixilancia naval, tanto na costa caribeña como na pacífica.

O vindeiro mes de outubro, na nova cimeira prevista entre representantes de ambos países, avaliarase o éxito das medidas desenvolvidas ata o de agora e tense previsto a apertura xeneralizada dos mecanismos e canles para o intercambio fluído de información e intelixencia, así como a extensión dos operativos de seguridade conxuntos e coordinados.

Sen dúbida, a cooperación de ámbolos Estados configura a mellor ferramenta para a loita contra as dinámicas que veñen padecendo dende os últimos anos, máis aínda sendo conscientes de que ante unha problemática transnacional non caben estratexias e enfoques enquistados en visións unilaterais. Igualmente, o impulso do diálogo e a apertura de canles de intercambio de información, así como a asiduidade no desenvolvemento de estratexias conxuntas, posibilita o fortalecemento dos lazos de socioculturais e outorga fluidez as relacións interestatais, algo imprescindible dada a interdependencia existente – a tódolos niveis- entre ambos países.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) Teñen sido frecuentes os litixios, disputas e confrontacións en materia territorial, medioambiental e marítima. No ano 2015 a Corte Internacional de Xustiza da Haia dirimiría na disputa pola soberanía da Illa Portillos, fallando a favor de Costa Rica.

(2) MALAMUD, Carlos; GARCIA ENCINA, Carlota “El conflicto fronterizo entre Costa Rica y Nicaragua: ¿medioambiente, soberanía, narcotráfico o mero instrumento electoral?”, Análisis del Real Instituto ElCano (ARI-22/2011). Real Instituto ElCano. Febreiro 2011. [En Liña] https://goo.gl/Hqs268

(3) En áreas concretas e bastante delimitadas, como as citadas da provincia Limón ou Bluefields, e que supoñen un porcentaxe significativo dos índices globais (o 40% no caso de Costa Rica).

(4) PINEDA, Claudia “La cooperación en seguridad desde el punto de vista de Nicaragua”, Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales (FLACSO) – Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID): Seminario Internacional de Cooperación en Materia de Seguridad en Centroamérica (27/09/2012) pp. 2