A instancias de Marrocos, finalmente aprazouse sine die a viaxe que o presidente do Goberno español tiña previsto efectuar ó país magrebí durante os 7 e 8 de maio. A imposibilidade de que Mohamed VI puidese recibir a Xosé Luís Rodríguez Zapatero nesas datas foi a que levou á Casa Real Alauita a demandar da Moncloa o “pospoñer uns días”, segundo fontes oficiais, a chegada do xefe de Executivo recentemente reelixido.
Como sempre acontece diante deste tipo de tesituras entre os dous países, faltou tempo para que os xornalistas hispanos comezasen inmediatamente a invocar a enésima crise bilateral en virtude do “desplante” de Mohamed VI a Zapatero. Entre as interpretacións aventuradas para explicar unha tal “ousadía” aludiuse, entre outras moutas cousas, a unha sorte de vinganza pola visita dos reis de España a Ceuta e Melilla en novembro, a unha reacción ás condenas de varios parlamentos rexionais –o galego incluído– á política de Rabat no Sahara Occidental ou mesmo a unha conferencia bérber celebrada en Granada onde se verteron duros propósitos ó encontro de Marrocos.
Ninguén valorou nin por asomo que detrás da anulación se atopase, efectivamente, unha cuestión de incompatibilidade de axenda. Ninguén considerou tampouco que Mohamed VI se atopaba nestes intres de xira no Medio Atlas, visitando algunhas das zonas máis encravadas e desfavorecidas do seu país, unha xira, por certo, prevista desde fai meses, moito antes de que o presidente Zapatero fora novamente apoiado polos votos da maioría dos españois e decidise iniciar o seu periplo internacional da nova lexislatura no país magrebí. Ninguén salientou sequera a simbólica chegada a Angfou, pobo tristemente coñecido por ser escenario da morte por frío dunha quincena de nenos, un feito que sobrecolleu a Marrocos fai algo máis dun ano, poñendo ó descuberto as graves carencias do Reino Alauita, valéndolle ó réxime as acendidas críticas de moitos dos seus cidadáns. Nesta orde de cousas, conspiracións e vendetas de lado, a fronte interior obriga.
Interpretacións –malintencionadas ou non– aparte, cunha actualidade dominada sempre polas contrariedades, as relacións hispano-marroquís parecen terse consolidado con Zapatero no poder. Entre os logros, durante a pasada lexislatura acentuouse a cooperación a tódolos niveis, incrementáronse os intercambios comerciais e a inversión directa española, consolidouse a institucionalización política e diplomática coa multiplicación de encontros de todo tipo –a pesares das limitacións amosadas por estes mecanismos en momentos de crise– e mesmo conquerido certos logros nos eidos da seguridade e da xustiza.
Nembargantes, os retos para os vindeiros catro anos son de calado. Primeiramente, a consolidación das dinámicas despregadas, a concreción de proxectos e a aplicación de disposicións xa adoptadas. Ademais, entóxase clave un maior control da inmigración irregular e dos tráficos ilícitos, do mesmo xeito que a loita contra Al Qaeda no Magreb Islámico, que ten feito do norte de África a retagarda para os seus ataques en Europa. Doutra banda, da reanudación das Reunións de Alto Nivel, conxeladas por Rabat trala crise diplomática de finais de 2007, e a consecución de Marrocos dun estatuto avanzado no seo da Unión Europea o vindeiro outono, dependerá tamén en boa medida o futuro inmediato das relacións.