Sentados nunha mesa que ben puidera ser a Babilonia, comezan a fluír as conversas. Os rapaces, provenientes de multiplicidade de orixes, esfórzanse en comunicar. A maior parte deles chegou a Compostela desde países da África francófona: Malí e Senegal son as principais orixes, mais tamén hai algún procedente de Mauritania. Entre as causas de fondo desta migración, ademais das dificultades de desenvolvemento económico dos países africanos consecuencia do colonialismo, está o desprazamento e abandono de Francia -a súa potencia colonial- no continente. Tras décadas de forte presenza militar na rexión, o crecente sentimento antifrancés e a redefinición das relacións entre as antigas colonias e París exerceron como detonante da actual situación. Mais a Babilonia non remata aí. Ademais dos mozos da denominada como franceafrique, súmanse á actividade algúns acollidos doutras nacionalidades, coma Boubacar de Gambia, ou Jeremiah de Nixeria.
Con este contexto de fondo, un grupo de voluntarios, contando coa supervisión da asociación Rescate e o impulso do Departamento de francés da EOI de Santiago, intercambiamos experiencias para a aprendizaxe mutua das linguas. A idea: favorecer a socialización e integración dos acollidos, ao tempo que avanzan na aprendizaxe do español. A lingua resulta ser un factor clave para cubrir algunhas necesidades primarias do ser humano: socializar e comunicar para poder satisfacer o resto de aspectos básicos (comida, bebida, ou atención profesional nas enfermidades, entre elas). A vontade de aprender e a xuventude da maioría deles contaxia entusiasmo. Os que levan máis tempo en España, arredor dun ano, xa son capaces de comunicarse con certa solvencia. Os que apenas levan un par de meses (a maioría), teñen aínda moitas dificultades. Posiblemente moitos deles, recentemente chegados, non son aínda conscientes das dificultades que terán que enfrontar no seu actual destino tras a fuxida do seu país na procura dun “El dorado europeo” que posiblemente non exista, cando menos da maneira como a eles lles foi comunicado.
Ibrahim, Moussa e Mahamadou levan a mesma chaqueta. No centro de acollida de Mérida chegou unha doazón de roupa para combater o frío e agora esa prenda parecer ser un símbolo de identidade entre eles. Abdullah e outros pasaron antes por Madrid ou Andalucía. Non obstante, o nexo común da inmensa maioría acaba por ser Tenerife como primeiro centro de acollida. Todos afirman que alí os trataron moi ben tras a longa viaxe na súa desesperada fuxida. Pero hai algo sintomático noutro nexo común entre eles: ningún quere falar da viaxe. Teñen medo. Quizais das represalias das mafias que dan soporte ao transporte ilegal de persoas, coas que seguro algúns terán débedas contraídas. Abdoulaye, o único marfileño co que me atopo, ensíname no seu teléfono vídeos para que vexa como é o seu país. A añoranza e a saudade pode verse nos seus ollos. Están moi lonxe das súas familias. O seu caso non é único. Seydou apenas fala wolof, nin inglés, nin francés. Nin sequera pode comunicarse cos seus cinco compañeiros de cuarto e a depresión parece asomar en el. Adama e outros catro dos presentes apenas contan con alfabetización.

Fóra desta actividade, algúns dos rapaces saen en grupo a camiñar pola cidade. É unha recomendación para que perdan o medo e busquen o contacto coa cidadanía local. Adoitan ir en grupo porque a maioría están asustados, non saben como serán recibidos e non coñecen apenas nada da súa nova realidade. Unha realidade na que, non sen certo descoñecemento, parte da poboación local se envorca mediante doazóns de roupa, calzado, ou incluso de material escolar para atender á única hora de formación en español coa que contan a diario.
Cando un lles pregunta a estes mozos que é o que lles gustaría ser, as respostas son do máis variado: traballar na construción, mecánico de automóbiles, chófer, garda de seguridade, xogador de baloncesto… As súas respostas, moitas propias da súa xuventude, non están exentas de descoñecemento da realidade do marco de titulacións do sistema educativo europeo. A pesar da barreira idiomática, das dificultades na consecución de documentación algún, como Modibo, acaban de ser contratados por un empresario local da construción. Son case as oito da tarde. A temperatura exterior apenas acada os dous graos centígrados mentres Modibo nos explica que cousas está aprendendo. A pesar diso, el aguanta o frío fóra do módulo con apenas unhas chanclas abertas como calzado e unha sudadeira doada por algún veciño, por suposto sen abrigo nin chaqueta. Non sei nada do oficio, pero aprendo rápido e traballo moi duro, comenta. E sorrí. Unha luz na escuridade na que se atopan a meirande parte dos refuxiados e acollidos. Só buscan poder gañarse a vida honradamente. Algúns confesan que lles gustaría casar e ter fillos no futuro. Pero a maioría serán movidos a outro centro pola incapacidade de absorción dos mercados laborais locais, por protocolo ou por outras circunstancias. E unha realidade de fondo asoma, a finitude de recursos.
Como secretario do IGADI, a miña intención neste achegamento e intercambio lingüístico e cultural respecto da situación destas persoas era apenas a de contribuír ofrecendo parte do meu tempo e o meu coñecemento para, modestamente, favorecer a súa integración. Eu ía ser o benefactor. Estaba moi errado. O intercambio era moito máis desequilibrado do que eu pensaba, pero en sentido contrario. Gañei eu moito máis coa súa humanidade e coa experiencia. Mais a pesar diso, os nosos visitantes seguen a precisar algunhas cousas básicas, roupa de abrigo, calzado, aveños básicos. Pero, sobre todo, necesitan atoparse no seu camiño con outras persoas amables, respectuosos e, sobre todo, con humanidade.
Santiago de Compostela, a 14/02/2025

