O próximo 16 de abril está prevista en Xenebra unha reunión da comisión de Dereitos do Home das Nacións Unidas. Para chegar a esta cita, a diplomacia norteamericana está a mover axilmente os seus peóns coa finalidade de conseguir unha condena internacional a Cuba. Isto non tería nada de novidoso se non fose porque está circulando entre as chancelerías de América Latina un documento base fraudulento, atribuído a Perú, cuxa paternidade nega o ministro de exteriores peruano Diego García Sayán.
A pesares do seu enorme interese, EEUU aínda non atopou un patrocinador en Latinoamérica para elaborar un documento que atope un mínimo consenso co que expresar unha condena internacional sobre a situación dos Dereitos do Home. A desesperación dos funcionarios norteamericanos enténdese pola présa que os aguilloa para chegar a tempo da reunión do Grupo de Río, prevista para os días 8 e 9 de abril, na que se pretende acadar un acordo no que participen a maioría dos países latinoamericanos.
Nun dos habituais discursos multitudinarios, acontecido o venres día 5 o chanceler cubano Felipe Pérez Roque, denunciou, en presencia de Fidel Castro, ao Departamento de Estado Norteamericano por ter elaborado un documento fraudulento que se estaría a distribuír outorgándolle a autoría ao Goberno de Alejandro Toledo.
O escándalo diplomático que destapou Cuba, non só sacudiu aos tres países inicialmente implicados, senón que, se achegou ata o Cono Sur, onde o Ministro de Relacións Exteriores Uruguaio, Didier Opertti, amouse indignado diante das manifestacións de Pérez Roque nas que se afirmaba " Uruguai comercia cambiando carne por conciencia".
O Chanceler cubano tería feito estas declaracións o pasado venres, onde tamén asegurou: "Os gobernos de Arxentina, Costa Rica e Uruguai practican un servilismo virtual, mesmo están dispostos a agacharse antes de que llo pidan, permanecendo nunha posición claramente xenuflexa diante dos EEUU".
Pero na praza habanera de Alamar, dende unha tribuna aberta e diante de 150.000 persoas, tamén houbo severos reproches para os EEUU, que non só se centraron no documento de paternidade descoñecida, senón tamén nas actividades de espionaxe e apoio á disidencia feitas dende a oficiniña de intereses dos EEUU, na Habana. Dende onde supostamente se alentaría, financiaría e orientaría as accións dos disidentes. Entre os últimos actos desta oficiña (SINA) estaría a distribución de 500 transistores de radio portátiles, presintonizados con Radio Martí que emite dende Florida financiada polos anticastristas.
Pérez Roque aproveitou para responder ao enfado uruguaio con duras palabras dirixidas ao Presidente Batlle "Non o tomamos en serio porque non ten autoridade moral para falar dos Dereitos Humanos. No Uruguai aínda camiñan impunes violadores e torturadores… e sabemos de moi boa tinta que G. Bush lle compraría máis carne a Uruguai se vota contra de Cuba".
O ano pasado Uruguai, rompendo a súa traxectoria anterior, xa votara a favor da moción na que se lle demandaba a Cuba unha maior observancia en relación cos Dereitos do Home. Este ano, logo do declinamento checo a presentar en Xenebra unha proposta de condena a Cuba, Uruguai comezou a explorar a outros países para tratar conseguir o seu apoio.
A temperatura subiu a tal nivel que o Goberno do Partido Colorado, chamou a consultas ao embaixador de Cuba Estrázulas e pediu unha rectificación pública da diplomacia cubana.
En Lima, ninguén da creto ao acontecido, nin acertan a entender porque se lle atribuíu a Perú a elaboración e distribución do mencionado documento. O Chanceler peruano, en declaracións de prensa, dixo que xa expresara o seu malestar ás autoridades estadounidenses por ter difundido un documento preliminar ou un proxecto de resolución condenatoria contra o goberno de Fidel Castro, como se se tratase dunha proposta do goberno de Lima. Para edulcorar a protesta diante dos EEUU, o presidente do Consello de Ministros Roberto Dañino Zapata aproveitou unha intervención pública, para ser crítico coa illa caribeña " gustaríanos que pronto Cuba estea incorporada ao sistema democrático interamericano".
A protesta verbal diante dos EEUU e as explicación peruanas, deixaron satisfeitas as autoridades cubanas.
O documento que estaba a ser entregado en inglés nas sede das Nacións Unidas e nas embaixadas latinoamericanas, ía acompañado dunha traducción ao castelán e una indicación na que se aseguraba que o proxecto de resolución correspondía a Perú, país ao que se lle agradecía a iniciativa.
O texto apócrifo de tres puntos exhorta ao goberno cubano a que apoie activamente as liberdades fundamentais e estableza institucións democráticas. Tamén se lle demanda que se adhira ao Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e ao Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. Por último, no seu terceiro punto e máis conflictivo, se solicita ao Alto Comisionado dos Dereitos do Home, que envíe un representante persoal que emprenda visita a Cuba, para lograr o establecemento desta resolución.