Cultura atlántica

Cómprenos unha nova mirada do Atlántico. Agora que podemos percibir con maior inmediatez a irreversibilidade dese proceso de ampliación da Unión Europea que vai acentuar, inexorablemente, a nosa condición periférica, é fundamental ser conscientes de que unha das variables esenciais para vertebrar a participación de Galicia en Europa consiste no aproveitamento máximo das estructuras comunitarias vencelladas ás dinámicas rexionais. Pode ser un excelente instrumento para gañar peso político, para mitigar a condición periférica e para activar sinerxias que repercutan positivamente no desenvolvemento de Galicia.

Urxe convertir esta inmensa fronteira co océano nun recurso e nunha potencialidade que impulse a nosa modernización e o progreso. De Portugal a Irlanda, pasando polo Reino Unido e Francia, non resulta complexo identificar preocupacións e aspiracións compartidas, constatar problemas derivados dunha identidade común en moitos aspectos. ¿Que falla? Falla a capacidade de comunicación, de entendemento e de intercambio entre os diversos territorios atánticos. Todos miramos a Bruselas ou ás capitais dos respectivos Estados, pero non existe unha comunicación horizontal o suficientemente intensa como para establecer un grupo de influencia con capacidade suficiente para reivindicar e dinamizar iniciativas e proxectos de interese común.

Limitado per se na súa formulación, o Eixo Atlántico pode activar estratexias nun marco xeográfico e institucional reducido, se ben a súa profundización podería intensificar as relacións de Galicia e do Norte de Portugal. Pero, agora que Galicia ostenta a Presidencia do Buró, é necesario apostar por un salto cualitativo na dinámica do Arco Atlántico, enchendo de contidos o seu discurso, desterrando a idea de que se trata dunha parafernalia administrativa máis, pouco operativa e ineficiente. Hai que creer no Arco Atlántico. E iso significa descobrir as súas posibilidades e interiorizar un cambio de conducta.

Esa nova mirada debe xurdir dos sectores económicos e sociais, das institucións, das entidades máis dinámicas e abertas ós escenarios exteriores, pero tamén debe, necesariamente, impregnar ó conxunto da cidadanía. Soamente dese xeito poderase operar esa toma de conciencia sobre a franxa xeografica e cultural na que asentamos. É o cambio indispensable que precede a calquer outra tansformación.

O mes próximo, cando se reunan na cidade portuaria de Vigo os representantes das rexións europeas, será unha excelente ocasión para que esa reflexión transcenda as inmediacións do Centro Cultural de García Barbón para anegar de conciencia atlántica a política local, galega e europea dos axentes sociais.