chitec2005 stand samsung

De igual a igual

 Chitec 2005, clic para aumentar
Cando se cumpren case trinta anos de crecemento a unha media próxima do 10% anual, China volvese máis esixente. Os novos regulamentos sobre a inversión exterior, publicados no pasado mes de novembro, oriéntanse a optimizar a estrutura do capital estranxeiro, favorecendo as industrias de alta tecnoloxía e alto valor engadido, co obxecto de incrementar a súa capacidade científica e técnica e reforzar a competencia das empresas chinesas na innovación e na creación. (Foto: Posto de Samsung na 8ª edición do Mercado Chino da Tecnoloxía (Chinese Technology Market, CHITEC) 2005).
 

Sopran novos aires en China. Tres expresións concretas indican que as autoridades do xigante asiático apostan por un novo modelo de crecemento que teña en conta parámetros diferentes aos aplicados nas tres últimas décadas. Trátase dunha nova política en relación a tres aspectos significativos e importantes: os investimentos exteriores, o ambiente e as relacións laborais.

En efecto, cando se cumpren case trinta anos de crecemento a unha media próxima do 10% anual, China volvese máis esixente. Os novos regulamentos sobre a inversión exterior, publicados no pasado mes de novembro, oriéntanse a optimizar a estrutura do capital estranxeiro, favorecendo as industrias de alta tecnoloxía e alto valor engadido, co obxecto de incrementar a súa capacidade científica e técnica e reforzar a competencia das empresas chinesas na innovación e na creación. Os investimentos estranxeiros serviron para impulsar o desenvolvemento socioeconómico do país a un ritmo continuo e acelerado. Durante os últimos quince anos, China ocupou a primeira posición entre os países en vías de desenvolvemento en canto a captación. Agora propón un reaxuste que teña en conta o seu interese en converterse nunha potencia económica de primeiro nivel e menos dependente e vulnerable.

No que se refire ao ambiente, un dos aspectos máis sacrificados no proceso de crecemento dos últimos anos, a evidencia dos danos causados por unha política enormemente cega neste aspecto, urxen os chamados do poder central ás autoridades locais para descartar aqueles investimentos que non dispoñan dos mínimos ambientais, alén de promover esta industria como un ámbito prioritario que abre oportunidades ao sector a nivel internacional.

En canto ao novo modelo de relacións laborais, existe unha pugna intensa e soterrada entre as grandes multinacionais e as autoridades chinesas, que propoñen unha nova lei de contratación laboral, a ser aprobada na sesión que o Parlamento celebrará en marzo próximo. O borrador establece estándares mínimos, instituíndo formalmente dereitos laborais e prácticas sindicais que son habituais en moitos outros países: dende as indemnizacións por despido ata a institucionalización da negociación colectiva, resaltando o poder dos sindicatos oficiais. Paradoxalmente, algunhas transnacionais de países que denuncian o dumping social en China premen para manter a actual situación, caracterizada por baixos salarios, escasa seguridade, e recoñecemento mínimo de dereitos humanos básicos, desmentindo a interesada tese de que son elas as que elevan os niveis de dereitos sociais e laborais nos países en vías de desenvolvemento.

Así pois, China reparte novas cartas na súa relación cos poderes económicos e empresariais do exterior, co propósito de deixar de ser, en poucos anos, o “taller do mundo”, circunstancia que en pouco beneficia a fortaleza da súa propia economía. A aposta por un novo modelo de relación ten unha lectura política: a China do futuro ambiciona gozar da autonomía suficiente para falar de igual a igual con terceiros, por moi poderosos que sexan. Eses poderosos que agora mesmo lle critican que nos seus investimentos exteriores, en especial en África, prescinda da sensibilidade ambiental ou laboral, perseguindo o mesmo lucro fácil e rápido de que gozan aínda os empresarios occidentais nesta China que xa se percibe o suficientemente forte como para poñer sobre a mesa as súas propias condicións.