“Aunque parezca mentira, el fútbol es más complejo que la política”
Mauricio Macri (La Nación, 2011)
Nas últimas semanas, mergulleime nunha nova etapa académica que me levou ata Bos Aires. Aquí comprobei que, en cafés, prazas ou aulas universitarias, as conversas tenden a xirar sempre arredor de dúas paixóns inevitables: a política e o fútbol.
Esa convivencia constante entre Estado e cancha levoume a preguntar por que, na Arxentina, estas dúas esferas semellan inseparables. Que fai que o fútbol non sexa só un xogo, senón tamén unha maneira de mirar, e disputar, o mundo?
Esa inquedanza conduciume a ¿De quién es Boca? Unha historia política do club (2025), de Santiago Allende, unha obra que ofrece chaves dende o interior dun dos clubs máis prestixiosos do planeta. As súas páxinas amosan as tensións, pactos e disputas que marcaron a historia de Boca Juniors, un club fondamente arraigado na identidade de barrio. A Boca non é só territorio futbolístico: é un escenario onde se cruzan lealdades populares, discursos de poder e emocións colectivas.
No libro podemos atopar numerosos momentos nos que fútbol e política se entrecruzan, mais, nos últimos anos, unha das disputas máis visibles foi a que enfrontou a Mauricio Macri con Juan Román Riquelme. Aínda que, en termos máis amplos, sería falar dun choque entre dous modelos: converter o club nunha empresa global capaz de xerar beneficios a partir dos resultados, ou preservar a súa identidade barrial, a proximidade coa bancada e a resistencia á mercantilización.
Macri chegou á presidencia de Boca a mediados dos 90, nun contexto marcado pola paridade cambiaria do “un a un” entre peso e dólar e onde as medidas neoliberais estaban ao orde do día, todo impulsado polo presidente Carlos Menem. Mentres, Mauricio Macri ,un empresario que nunca pisara a Bombonera, transformouse nun dos dirixentes deportivos máis influentes do país. A súa xestión afastouse do arraigo barrial para impulsar unha marca global, europeizada, baixo unha “filosofía ordenancista”: control do gasto, topes salariais e planificación financeira propia dunha corporación. Os resultados deportivos apoiárono: as voltas olímpicas na Bombonera multiplicáronse, e Boca consolidouse como o club hexemónico da Arxentina na década dos 90 e comezos dos 2000. Ese éxito tamén catapultou a Macri á política nacional, primeiro como xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires (2007) e logo como presidente da Nación (2015).
Na cancha, o contrapunto encarnábao Juan Román Riquelme, naceu un día antes de que a Arxentina gañase o Mundial de 1978 e converteuse nun símbolo da identidade xeneize que Macri buscaba diluír. Figura indiscutida dentro e fóra do campo, Riquelme non puido retirarse en Boca por decisións alleas ao seu rendemento e máis vencelladas a quen ocupaba o palco. Nunca estivo afastado do club e, en 2019 regresou como vicepresidente e presentouse como candidato presidencial en 2023.
As eleccións do club do ano 2023 celebráronse nun contexto inusual. Por unha banda, Riquelme e Macri disputábanse o control da institución; por outra, o país elixira meses antes a Javier Milei como presidente da nación a través do apoio que o PRO lle outorgara na segunda volta, e Milei afirmara: «En la vida hay que ser leal. Si Macri tuvo un gesto desinteresado para ayudarme a mí, ¿Cómo no voy a ir yo a ayudarlo?» (Página 12, 2023).. Mais non serviu: Juan Román Riquelme converteuse en presidente do club e o ídolo da afección saltou do campo ás oficinas.
Na Arxentina, o fútbol e a política compartiron sempre un terreo común: ambos funcionan como escenarios de representación colectiva e de disputa simbólica. Boca Juniors ilústrao con claridade. Durante a presidencia de Mauricio Macri no clube, o seu modelo de xestión ordenancista e empresarial non só aliñou a Boca coa lóxica liberal dos anos noventa, marcada polo menemismo e a apertura ao mercado, senón que tamén serviu como plataforma política para proxectar o propio Macri como referente dese espazo ideolóxico. En contraste, a condución actual de Juan Román Riquelme asóciase cunha narrativa máis próxima ao peronismo: reivindica o arraigo barrial, a centralidade da bancada e a resistencia fronte á mercantilización do club, co apoio explícito de sectores vencellados ao xusticialismo nas últimas eleccións. Deste xeito, Boca non só define o seu destino na cancha, senón que tamén reflicte, na súa vida institucional, as tensións históricas entre liberalismo e peronismo na Arxentina.
O libro de Santiago Allende demostra que Boca Juniors é tamén unha radiografía da Arxentina, coas súas crises, disputas e paradoxos. Dende as súas orixes humildes na Boca ata converterse nun xigante continental, o club atravesou momentos que revelan a íntima relación entre fútbol e política. Alí está a lembranza da Bombonera clausurada nos anos 80, cando Boca tivo que xogar como local no campo de River Plate, o seu eterno rival, en medio da decadencia institucional e económica que golpeaba o país. Ou a condución de Antonio Alegre e Carlos Heller —un radical e un socialista á fronte da institución— que tentaron sacar o club da quebra nun contexto de transición democrática. E máis preto no tempo, a era Macri e o seu proxecto liberal fronte á actual dilixencia de Riquelme, cunha maior defensa do arraigamento popular. Con todo isto, cada etapa de Boca é tamén unha páxina da historia arxentina, e no libro de Allende esas páxinas lense como un repaso necesario para entender non só o club, senón a un país enteiro.
Bibliografía
- La Nación. (2011, septiembre 26). Macri: «El fútbol es más complejo que la política». https://www.lanacion.com.ar/politica/macri-el-futbol-es-mas-complejo-que-la-politica-nid1409475/
- Página 12. (2023, diciembre 22). Milei: «Sabía que Riquelme me iba a mandar a escrachar» | El presidente y su curiosa mirada de los insultos que recibió en las elecciones de Boca. https://www.pagina12.com.ar/697485-milei-sabia-que-riquelme-me-iba-a-mandar-a-escrachar
- Santiago Allende. (2025). ¿De quién es Boca? Una historia política del club (1.a ed.). Futurock.

