A elección, vía consenso político, de Manuel Rosales como candidato unitario dos principais partidos de oposición venezolana cara as eleccións presidenciais do próximo 3 de decembro, determina unha decisiva fase final electoral, enfocada na máis que probable reelección de Hugo Chávez para o período 2007-2013.
Tras meses de incertezas, indefinicións e enigmáticas candidaturas, a elección de Rosales trae aparellada dúas realidades para a oposición venezolana e a súa fase de reconstrución política. A primeira, que este repentino consenso entre líderes políticos claudica a estratexia elaborada pola ONG "Súmate" de celebrar unha eleccións primarias para elixir o candidato unitario da oposición.
Quizais con tilde de certa racionalidade política, os principais partidos e eventuais candidatos opositores preferiron elixir directamente un candidato único a someterse a unha elección popular interna, que ben podería sepultar a carreira política dalgúns dirixentes e colocar a Súmate como referente civil opositor.
Con este revés, Súmate (acusada polo goberno de Chávez de "traizón á patria" e de recibir fondos da estadounidense National Endowment for Democracy), pode estar iniciando un lento período de decadencia no espectro político venezolano, agás que unha nova derrota electoral da oposición puidese reinseríla neste convulsionado escenario.
Cambio de facianas
En segundo lugar, a candidatura de Rosales, de 54 anos, contén determinados escenarios para a oposición a Chávez. A pesar da súa anterior militancia no socialdemócrata e outrora partido hexemónico Acción Democrática, Rosales decidiu lanzar a súa propia plataforma política na rexión occidental e petroleira de Zulia, da cal é actualmente gobernador estadual.
A pesares de ser actualmente gobernador, o Consello Nacional Electoral permitiulle inscribir a súa candidatura nacional sen renunciar á gobernación. Non obstante, Rosales arriscaría a súa carreira política en caso de perder contra Chávez en decembro, tal e como amosan as recentes enquisas.
Rosales constitúe un novo rostro na política nacional, desvinculado da tradicional elite política. Pero ten unha pesada carga nos seus ombros: a súa aceptación, sinatura incluída, do documento que lexitimaba arbitrariamente ao goberno de Pedro Carmona Estanga nos momentos posteriores aos sucesos do 11 de abril de 2002, que desaloxaron por dous días a Chávez do poder, poden potenciar as acusacións contra a súa persoa de apoiar o que se considera foi un "golpe de Estado".
Deste modo, nos sectores opositores parece definida a situación, xa que Rosales deberá medirse a Chávez, esquecéndose da efémera candidatura do xoven empresario Roberto Smith e a mediática e da irónica candidatura do humorista Benjamín Rausseo, popularmente coñecido como "El Conde del Guácharo", para ocupar a presidencia nos próximos seis anos.
Como posible preámbulo á elección de Rosales, unha semana antes o ex guerrilleiro, ex ministro e actual editor dun periódico de oposición, Teodoro Petkoff, anunciara o retiro da súa candidatura, co que abría o camiño á designación de Rosales.
Chávez move as súas pezas
Paralelamente, no sector oficial do presidente Chávez existe unha sensación de seguridade na vitoria presidencial, reforzado por enquisas que lle outorgan unha aceptación popular de aproximadamente 60%. Isto permite a Chávez elaborar con firmeza as liñas directrices do seu próximo goberno.
Neste sentido, e aparentemente alleo á decisións de política internas, Chávez semella máis interesado na situación internacional. Tras do ingreso oficial de Venezuela no MERCORUR, Chávez iniciou unha estratéxica xira por Belarús, Rusia, Irán, Vietnam, Qatar e África occidental.
A xira tivo como finalidade reforzar estratéxicos lazos militares e enerxéticos con Rusia e Irán e abrir canais de aceptación á pretensión de Chávez de incluír a Venezuela como membro permanente na futura reestruturación do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Neste último apartado, Chávez recibiu en Moscova un aberto apoio por parte do presidente Vladímir Putin.
En Teherán, Chávez realizou unha acalorada defensa da revolución iraniana nun momento delicado para o Irán pola súa puxa nuclear con Occidente. Ao tempo, denunciou a agresión israelí contra o Líbano. De regreso a Caracas, mentres activaba un amplo operativo de retorno de cidadáns libaneses e venezolanos afectados pola ofensiva israelí, Chávez anunciou a "seria posibilidade" de romper relacións diplomáticas con Israel, co consecuente retiro mutuo e momentáneo dos respectivos embaixadores.
Dun xeito sorprendente, Chávez realizou un enroque no seu equipo de goberno, unha vez anunciara que o presidente da Asemblea Nacional, Nicolás Maduro, será o novo ministro de Relacións Exteriores venezolano. Maduro, de 40 anos, é considerado un fiel colaborador de Chávez e un membro da "liña dura" do chavismo.
Aberto defensor da revolución cubana e admirador do proceso revolucionario iraniano, Maduro estivo a principios de 2006 en Teherán fortalecendo os sectores estratéxicos de relación co goberno de Mahmud Ahmadíneyad. Nos medios da oposición cualifícano despectivamente de "talibán" e "delfín" de Chávez.
O ascenso de Maduro é tamén unha sinal de Chávez de cara ao comezo da campaña electoral e as súas estratexias políticas a curto prazo. O sábado 12 inscribiuse oficialmente a súa candidatura para a reelección, polo que esta fase final electoral abre os escenarios de definición para Venezuela nos próximos anos.