O capital, agora dispón dunha nova plataforma ou modo de produción na nube (máis alá do hardaware necesario), polo que a plusvalía non se obtén só a través do traballo asalariado, senón a través da explotación gratuíta e case invisible das persoas usuarias que alimentan as plataformas dixitais con cada interacción. Desta maneira, as novas elites tecnolóxicas controlan as infraestruturas que organizan a vida pública, creando un sistema onde a cidadanía, de novo desde a ollada máis extrema da metáfora, convértese en servos involuntarios.
O paradoxo, cada vez máis visible, é que a pesar de que as grandes tecnolóxicas promoven un discurso de liberación e progreso, a súa relación cos usuarios está repleta de contradicións. Son simultaneamente captadores de atención e fabricantes de desexos, pero tamén responsables dunha nova forma de dominación e estrés social. Así as cousas, o tecnofeudalismo non se limita a ser unha reconfiguración do mercado; é un proceso de concentración de poder onde as corporacións tecnolóxicas teñen a capacidade de modelar as estruturas sociais e políticas a través do control da información.
As eleccións estadounidenses do 2024 e o vilán futurista Elon Musk
Neste escenario, a figura de Elon Musk coa compra de Twitter en 2023 e as transformacións que introduciu na plataforma ilustran de maneira palpable como os actores tecnolóxicos estanse a converter en novos centros de poder. Musk, co seu enfoque empresarial e tecnopolítico, representa unha das caras máis visibles destas novas dinámicas. A súa capacidade para influír nas eleccións estadounidenses de 2024, ao modificar as dinámicas de comunicación e moderación de contido, na antiga Twitter e agora X, non só reforza o poder das corporacións tecnolóxicas senón que tamén evidencia a súa influencia nas esferas políticas. Ao modificar as regras do espazo público dixital fundamental non está simplemente xestionando unha empresa; está participando na redefinición do poder político na era dixital. Isto acotnecía xa cos grandes medios de comunicación de masas desde había décadas, mais agora, a descentralización de información, multiplica exponencialmente as campañas de desinformación, en todas direccións
Non é casualidade así que o tecnofeudalismo tamén se entrelace cunha nova xeopolítica da globalización, onde os actores non son só os estados, senón tamén as grandes corporacións, agora de maneira máis directa e clara que os antigos traballos dos lobbies das grandes multinacionais.
A guerra dixital entre potencias como Estados Unidos e China, por exemplo, reflicte como o control das infraestruturas tecnolóxicas se converte nun eixo central da loita pola supremacía global. O exemplo da prohibición a Huawei durante o mandato de Trump, e as políticas continuadas pola administración Biden, non só foron un movemento económico, senón tamén un reflexo da importancia estratéxica das grandes tecnolóxicas no escenario internacional. Neste novo xogo de poder, a innovación e o contra-ataque tamén xoga un papel, como a chinesa Deepseek demostrou esnaquizando a bolsa de New York, sendo capaz de construír un chat-bot de intelixencia artificial sen as barreiras dos chips estadounidenses…
A intelixencia artificial na toma de decisións dos gobernos: do miudo ao oceánico
Non é casualidade que a nova administración Trump, co novo departamento de eficiencia gubernamental que dirixe Elon Musk (DODGE) integrase desde o primeiro día bots e sistemas de intelixencia artificial, como o GSAi, para automatizar tarefas dentro da administración pública. O obxectivo é mellorar a produtividade e a eficiencia dos recursos dispoñibles, atacando as estruturas tradicionais da administración pública. Sen dúbida, o risco é que os algoritmos que controlan estas decisións, non só toman decisións baseadas en datos, senón que tamén moldeen a forma en que o poder se exerce. As fronteiras entre o público e o privado, o gobernamental e o corporativo, difumínanse…
Así as couas, o Trump 2.0, non só está a rachar o escenario das relacións internacionais da sociedade global desde a fin da 2ª Guerra Mundial, se non que impulsa de maneira decidida unha transformación profunda do funcionamento da administración, ao apostar masivamente polo uso da IA para tomar decisións. Sen dúbida, os riscos de sesgo das IA, afectarán estes procesos. O experimento, sen dúbida, haberá que seguilo de perto.
Alén da xestión cotiá de procedementos administrativos por IA ou o control do traballo dos empregados públicas, no horizonte, como en tantos outros ámbitos, a IA pode espallarse desde as funcións de policía ou xustiza á decisión do uso de armas letais ou decisións xeopolíticas. No contexto da Policrise, ao fondo, vémonos xa nun futuro onde os riscos fanse cada vez máis exponenciais.
A singularidade ao fondo?
Mentres as grandes corporacións tecnolóxicas se consolidan como novos actores de poder, a singularidade, ese momento en que a intelixencia artificial se fai indistinguible da intelixencia humana, asoma como un horizonte inquietante. A IA, que agora xoga un papel central na reconfiguración das nosas estruturas sociais, podería, nas súas versións máis distópicas, acabar por superar a capacidade humana de xestionar as súas propias creacións.
Elon Musk, co seu papel na creación e consolidación destas novas infraestruturas tecnolóxicas, non é só un «villano futurista», senón un síntoma dun cambio máis amplo nas estruturas de poder, nos Estados Unidos e arredor do planeta. A súa influencia nas eleccións, a súa participación no desenvolvemento de novas tecnoloxías e a súa capacidade para transformar a dinámica política a través das súas plataformas son só un reflexo dun novo tipo de gobernanza que está emerxendo no século XXI. Un novo feudalismo dixital onde a loita é por controlar a información e, en última instancia, o poder.

