Dúas mulleres, dúas historias: Tsai Ing-wen non quere ser Wu Zetian

A asunción dunha muller, Tsai Ing-wen, como presidenta da República de China ou Taiwan supón certamente un fito histórico. Tsai, no entanto, quere ser máis presidenta de Taiwan que da República de China. Explícome. A República de China une o destino da vella Formosa ao continente e ao relato histórico que reivindica a existencia dunha soa China no mundo. Nese duro proceso de desmembramento territorial que China viviu a partir das guerras do opio, a illa de Taiwan foi cedida a Xapón a finais do século XIX tras unha breve contenda que perdeu a última dinastía imperial, os Qing. Desde entón, durante máis de cen anos, salvo o breve interregno entre 1945 e 1949, o lapso que vai desde o final da Segunda Guerra Mundial á conclusión da guerra civil chinesa, Taipei non estivo baixo dominio do goberno continental, que o KMT quixo restaurar a sangue e lume cos seus exércitos vencidos. Para Beijing é un asunto pendente e a última das grandes feridas históricas que ansía reparar.

Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

Seguindo o discurso da República de China, o único paralelismo posible con Tsai no mundo chinés é o de Wu Zetian, quen foi tamén emperatriz de China entre os séculos VII e VIII e a única que reinou como soberana, chegando a proclamar a súa propia dinastía. Os moralistas confucianos eran máis que reticentes e quizá por iso Wu fomentou o budismo como alternativa para dar lexitimidade ao seu mandato. A lexitimidade de Tsai reside nun apoio igualmente histórico ao seu partido, o Minjindang ou Democrático Progresista, que varreu aos nacionalistas do KMT, ata no lexislativo, onde se atopa na oposición e sen posibilidade de bloquear o goberno de Tsai. A maioría do Minjindang non ten parangón na recente historia taiwanesa.

A soberanista Tsai non alberga interese algún en ser a presidenta dunha posible China democrática asentada en Taiwan e con vocación de proxectarse alén do Estreito. O Minjindang, a diferenza do Kuomintang, non alberga tampouco interese algún na reunificación co continente; pola contra, aposta por manter o actual statu quo de separación de feito e por avanzar cara ao recoñecemento da existencia independente de Taiwan. O problema radica en que as circunstancias non lle son propicias e que o só intento de formular ese obxectivo representa un casus belli para Beijing. 

O mandato que agora inicia Tsai Ing-wen estará inevitablemente condicionado por esa especie de disociación. Aínda que non o queira, terá que exercer como tal, á vez como presidenta de Taiwan e como presidenta da República de China, coidando de preservar os equilibrios precisos para non inclinarse demasiado nin a un lado nin a outro. Poida que en tal disxuntiva acabe por defraudar aos sectores máis soberanistas do seu partido pero o risco de tensar as relacións co continente podería resultarlle aínda máis custoso. 

A xestión de tan delicada tesitura representará un dos seus maiores desafíos, tanto que podería condicionar largamente o ton do seu mandato. A memoria do seu antecesor no cargo Chen Shui-bian (2000-2008) resulta pouco atractiva e si algo debe temer é a repetición dos seus erros.