Mentres os avións aliados bombardeaban posicións serbias e milleiros de kosovares iniciaban a súa particular "longa marcha" como refuxiados, Jiang Zemin, o Presidente chinés, reuníase con grandes empresarios nas capitais de Italia, Suiza e Austria, para animalos a investir na modernización económica do seu país. En Beijing, o voceiro Zhu Bangzao explicaba que a China respectaba a soberanía, a integridade territorial e a independencia de Iugoslavia, subraiando que o problema do Kosovo debía resolverse pacíficamente en base ás resolucións de Nacións Unidas e de conformidade coas normas internacionais.
¿Frío distanciamento diplomático ou máis unha mostra do consabido pragmatismo chinés?
Zhu Rongji, o primeiro ministro, viaxará neste mes a Estados Unidos. Trátase dunha visita importante pois é a primeira dese nivel que se produce en quince anos. Na súa axenda figuran temas de grande interese para a China como o ingreso na Organización Mundial do Comercio ou a venda de tecnoloxía estadounidense de defensa antimíseis a Taiwán. O cumio vai precedido, entre outros, polas denuncias do presunto roubo de tecnoloxía nuclear americana por parte de axentes chineses. Neste contexto, a Beijing importalle máis insistir nunha dinámica constructiva que remexer nos desencontros. Por outra banda, non debemos ignorar que tamén a China ten os seus propios "kosovos": os tibetanos, os uigüres do Xingjiang ou a minoría kazaka son referentes da persistencia do problema nacional no vello Imperio do Centro.
Nese difícil equilibrio entre principios e intereses, a China, membro do Consello de Seguridade e probable superpotencia no próximo século, non deixa de manifestar a súa solidariedade política coa posición rusa. Esta nova discrepancia con Washington permitelle acumular máis activos para a consolidación desa asociación estratéxica que pretende construir con Moscova para favorecer a multipolaridade na nova desorde mundial.