Nas terceiras eleccións presidenciais celebradas na República de Xeorxia, dende que recuperou a independencia en 1991, volveu ser elixido Eduard Xevernatze. As previsións cumpríronse e o que fora Ministro de Exteriores da "perestroika" obtivo preto do 70% dos votos. En segundo lugar situouse, con algo menos do 20%, o líder do Partido Comunista de Xeorxia, Tziumber Patiaxvili. As presidenciais do pasado domingo foron unha repetición das anteriores, tanto na distribución dos sufraxios como no contendentes.
Encerellada na "guerra do petróleo" que se está a desenvolver, durante a última década, na área, Xeorxia é a República do sur do Cáucaso que máis está a padecer as consecuencias da tensións petroleiras entre as grandes empresas rusas e as occidentais. O oleoducto do sur, que acerca o petróleo e o gas dende o Caspio azerí, atravesa case toda Xeorxia ata o porto de Batumi no Mar Negro, e tense convertido na rota natural en detrimento da do norte que chega ata o porto ruso de Novorsiik, tamén no Mar Negro, atravesando Chechenia. A construcción do novo oleoducto que dende Bakú leve o "ouro negro" a través de Turquía ata o Mediterráneo foi considerado polas grandes compañías rusas como unha intromisión xa que se ven prexudicadas na disputa polo control da extracción, conducción e comercialización destas enormes reservas enerxéticas. A perda da rota xeorxiana e as dificultades na chechena supoñen un golpe excesivo aos intereses rusos. Nestas claves, amais das loitas internas polo poder en Rusia, deben ser interpretadas tanto a Segunda Guerra de Chechenia como a presión de Moscova sobre Xeorxia á quen tentou de involucrar no conflicto checheno. Tanto a tese da recomposición do "espacio ruso" como a nova "doutrina de seguridade" que conforman a estratexia "putiniana" teñen moito que ver co petróleo do Caspio e as rotas do Cáucaso. Durante o anterior mandato Xevernatze non deixou de reclamar, con escaso éxito, a incorporación de Xeorxia á Europa occidental e mesmo a integración na OTAN, posibilidade esta que sería considerada tanto polo Kremlin como polo Exercito ruso como un ataque á súa seguridade, pois teñen establecido como "liña vermella" que a OTAN non podería pasar a das repúblicas ex soviéticas. Entre o abrazo do oso ruso e as garras da aguia mericana movese a Xeorxia actual.
Dende a independencia, 1991, a república transcaucásica viuse sometida a fortes tensións bélicas. O primeiro presidente, Gamsaxurdia, tivo que abandonar o poder despois de ser derrotado nunha guerra civil. Os lideres da rebelión chamaron a Xevernatze quen asumiu a xefatura do estado, posteriormente foi elixido presidente e agora confirmado no cargo para un segundo mandato.
Nestes anos, dous novos conflictos teñen estourado en Xeorxia. O de Abxazia e o de Osetia do Sur. As tropas xeorxianas sufriron unha humillante derrota ante os rebeldes abxazos e na práctica, aínda que se ningún tipo de recoñecemento internacional, funciona como un territorio independente; o mesmo se pode dicir de Osetia do Sur, autonomía situada ao norte de Xeorxia e limítrofe coa República de Osetia do Norte, integrada na Federación Rusa.As loitas internas tampouco se detiveron. Xevernatze xa é coñecido como o "inestoupable" despois de dous atentados. Durante o seu anterior mandato a pobreza e a corrupción non se detiveron aínda que no seu haber compre apuntar un certo control da inflación que en 1994 era do 7.000%.
A pesares desta situación, non había alternativa. A principal, a do líder do Partido Comunista de Xeorxia, estaba atrapada no pasado e mesmo foi víctima dunha coincidencia planeada, as eleccións celebráronse o 9 de abril, aniversario das mortes ocorridas cando as tropas soviéticas reprimiron, en 1989, unha manifestación independentista en Tbilisi. Daquela Patiaxvili era o máximo dirixente do PCUS e da República.
Xevernatze seguirá apostando pola aproximación a Occidente mais os amigos que fixera nos anos ao fronte da diplomacia soviética están afastados do poder e son de escasa axuda, mesmo a recente visita Papal semella pouco efectiva, Woitila xa non é o que foi. É previsible que o dilema no que se moveu nestes anos, entre o oso ruso e a aguia americana, siga presente no seu novo mandato.