Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"

En Baiona, nas orixes, por Luis Carlos de la Peña

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Otros
Palabras chave IGADI Baiona internacional
Idiomas Galego

Lonxe de interpretacións milagreiras ou providencialistas da Historia, o feito de radicarse o IGADI en Baiona contou, entre outras circunstancias, coa personalísima de atoparse Xulio Ríos aveciñado na Real Vila do Miñor. Ás veces as persoas e as nosas visións de futuro precisan das condicións e caldos de cultivo propiciatorios, dos catalizadores que fan cristalizar proxectos que noutros ambientes e horizontes, noutras cargas referenciais non só históricas, apenas pasarían da categoría compracente e mol, mais insuficiente, dos soños. Foi así que a presenza e inquedanza intelectual de Ríos, a perspectiva atlántica de Baiona e a pegada que a historia con todas as súas derivadas foi deixando nas pedras, nos brasóns, as paisaxes e o rueiro da antiga Erizana, como o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional agromou nun atestado apartamento do Rompeolas, no beizo sur da baía baionesa, encomezando a súa andaina, hai xa 30 anos.

Non son quen para trazar o perfil biográfico de Xulio Ríos nin tratar de desentrañar as voltas e reviravoltas do seu proceso reflexivo –xerminador- e de maduración do Instituto ao longo do tempo, pero non quero deixar pasar a ocasión de sinalar o carácter de proxecto singular e anticipatorio que tivo o IGADI. Singular porque si ben coñecíamos da existencia de observatorios, centros de pensamento e outros grupos de investigación dos asuntos internacionais, case que todos formando parte de organigramas institucionais de carácter público e polo tanto servindo ás demandas e intereses da acción exterior dos gobernos respectivos, Xulio Ríos e o xermolo inicial do IGADI adoitaron unha posición extramuros das axendas e urxencias dos gobernos para tentar o arriscado camiño da autonomía na toma de decisións e a independencia nos vieiros a seguir. Xunto a esta singularidade posicional importa sinalar o carácter anticipatorio do obxecto mesmo do Instituto.

Fai 30 anos tiña xa caído o muro de Berlín e con él o derrubo definitivo do bloque comunista polarizado pola antiga URSS. O mundo daba por casi pechado o “curto” século XX, tomando con liberdade a referencia de Hobsbawm, namentres o liderado modernizador de Deng Xiaoping e a crueza dos sucesos da praza de Tiananmen abrían sucesivos e contraditorios interrogantes na aínda casi descoñecida e exótica China. Nestas coordenadas o IGADI asume o compromiso fundacional de investigar e aportar argumentos para a mellor comprensión do mundo, dun mundo que mudaba os seus valores referenciais do século XX, un esforzo que anticipa a nova prioridade xeopolítica -do mundo atlántico ao do Pacífico-, a consolidación do feito relixioso islamita como un elemento máis no taboleiro político, a aparición de novos Estados tras a implosión do bloque soviético e o incremento xeralizado das relacións políticas, comerciais e financeiras dentro da teoría da globalización. E todo elo dende unha perspectiva de país, Galicia, finis terrae europeo, fiestra aberta a outras realidades e suxeito político de seu con intereses estratéxicos que plantexar e defender.

Coñecedores do rigor e a seriedade argumentativa de Xulio Ríos e seducidos pola idea de dispoñer en Baiona dun centro investigador e promotor das relacións exteriores que puideran, no seu caso, dar pulo e acrecentar a vontade relacional da nosa Vila co novo mundo da América Latina, aproveitamos unha fiestra de oportunidade política no goberno local para estreitar as relacións entre o IGADI e o propio Concello baionés. Daquela, primeiros anos do presente século XXI, o Instituto era xa unha realidade dinámica onde investigadores, bolseiros e invitados internacionais atopaban en Galicia un país necesitado de proxección exterior e en Baiona unha base de operación con importantes reminiscencias históricas ligadas ao mundo da colonización, mais tamén ao da emigración cara a América ou do exilio por razóns políticas.

O goberno local baionés non podía permanecer alleo á consolidación do IGADI nin á comprensión e xenerosidade ofrecidas por Xulio Ríos para que Baiona tivera o seu papel como lugar de encontro das distintas perspectivas históricas de Galicia, de España e América; de debate das experiencias de uns e de outros e, tamén, da apertura de novos vieiros que permitiran albiscar escenarios de futuro. Resultado de todo elo foi a creación do Foro Iberoamericano no 2004, como marco dun posicionamento específico arredor das relacións euroamericanas e, no mesmo ano, a organización no Parador de Baiona do Curso “El renacer económico y político de América Latina”, da Universidade Internacional Menéndez y Pelayo –UIMP-. Lembro agora, entre nós e en diversos actos, ao catedrático Rubén Lois, aos economistas Fernando González Laxe, Joaquín Estefanía ou Guillermo de la Dehesa e, en varias ocasións, a Carlos Malamud, investigador do Real Instituto Elcano, confirmando coa súa presencia e coñecemento a capacidade de atracción que o IGADI e Xulio Ríos en particular, eran capaces de despregar así como amosar as mutuas vantaxes da colaboración entre o Instituto e o Concello de Baiona.

Dóeme, claro, repasar agora o estado actual de estas relacións e lembrar tamén as tristes datas do traslado do Instituto fóra do noso Concello. Foron xornadas vividas por moitos baioneses como unha auténtica amputación; unha absurda perda de capital intelectual, relacional e simbólico que o tempo, quizais, será capaz de reparar.

Agora, transcorridos 30 anos dende os incertos primeiros pasos do IGADI, é unha boa altura para tomar consciencia do logro que supón celebrar este aniversario, un longo camiño de proxectos. Uns, os máis, consolidados e feitos realidade; outros, os menos, que agardan por circunstancias, propias e alleas, máis favorables. Todos eles cumprían e compren con varias premisas que estaban no cerne do Instituto: a primeira, a intelixencia intrínseca ós mesmos, o capital argumental ben acaído que aglutinaba as propostas. A segunda, a consideración da “perspectiva do outro”, que ben podería sintetizarse na xenerosidade de Xulio Ríos. E terceira, a indeclinable vontade de servizo a Galicia, ás súas institucións e persoeiros.

No meu desempeño anterior como alcalde de Baiona, pero sobre todo como veciño e cidadán necesitado de atopar argumentos para entender o que nos pasa, teño ao IGADI e a Xulio Ríos, no seu papel de primeiro Director/impulsor do mesmo e intelectual ávido de ofrecernos moreas de razóns, diálogo e tolerancia, na singular categoría dos pequenos milagres ou privilexios que a vida ofrécenos en moi escasa medida. De aí o seu enorme e senlleiro valor e, en consecuencia, a dimensión do noso recoñecemento e agradecemento.

Sobre o autor: Luis Carlos de la Peña nace en Eibar (Gipuzkoa) no ano 1958. Economista de formación (USC), ten un postgrado en  “Urbanismo y Gestión de la Ciudad” pola Universidade Oberta de Catalunya (UOC). (2015) e é Experto en Compliance Penal (2016). 

En 1984 inicia a súa carreira profesional, primeiro como asesor do Grupo parlamentario do PSdeG-PSOE en Santiago e xa en 1986 abre despacho de consultoría empresarial. En 2005 incorpórase á empresa pública, primeiro como Delegado en Galicia de TRAGSA (2005-2007) e despóis como Xerente do Grupo a nivel nacional no período 2007-2009. Neste mesmo ano foi nomeado Director Xeral do ADIF (2009-2011).

Foi alcalde de Baiona nos anos 2003-2004 polo PSdeG-PSOE, presidente da Asociación empresarial de Baiona (1999-2002), fundador e presidente da Fundación Miñor e coordinador dos Encontros no Liceo, espacio para o diálogo cultural dende 2019.

Ten colaborado como articulista en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e diversas publicacións do Val Miñor. Na actualidade ten unha columna no Faro de Vigo e en Onda Cero Radio. Ten publicado varios libros: “El plumaje del tamarindo” (2008), “Diario de Madrid” (2011), “Papeles de Loureiral” (2019) ou o recente “El pintor Rafael Alonso en el Parador de Baiona” (2021).