“Enroques” en Caracas

Son cada vez mais perceptibles os síntomas de asunción dunha etapa de reestruturación dentro dos actores que gravitan na política venezolana. Coa previsible desarticulación do diálogo entre goberno e oposición, o aprazamento sine die das eleccións rexionais e a desactivación de feito do referendo revogatorio, o 2017 anuncia enroques e incluso recambios tanto na composición dos liderados como nas estratexias políticas a mediano e longo prazo tanto no goberno como na polarizada oposición. Nesta ás veces confusa correlación de equilibrios internos intúense diversos escenarios, particularmente enfocados no paulatino deseño de hipotéticas candidaturas con perspectiva de posicionarse de cara ao horizonte electoral presidencial 2018. Paralelamente, amósase un contexto de crecente escepticismo por parte da cidadanía sobre a viabilidade dos próximos procesos electorais como factor de resolución da prolongada crise política venezolana. 

Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos América Latina
Palabras chave Venezuela crise política
Idiomas Galego

Son cada vez mais perceptibles os síntomas de asunción dunha etapa de reestruturación dentro dos actores que gravitan na política venezolana. Coa previsible desarticulación do diálogo entre goberno e oposición, o aprazamento sine die das eleccións rexionais e a desactivación de feito do referendo revogatorio, o 2017 anuncia enroques e incluso recambios tanto na composición dos liderados como nas estratexias políticas a mediano e longo prazo tanto no goberno como na polarizada oposición. Nesta ás veces confusa correlación de equilibrios internos intúense diversos escenarios, particularmente enfocados no paulatino deseño de hipotéticas candidaturas con perspectiva de posicionarse de cara ao horizonte electoral presidencial 2018. Paralelamente, amósase un contexto de crecente escepticismo por parte da cidadanía sobre a viabilidade dos próximos procesos electorais como factor de resolución da prolongada crise política venezolana. 

Os cambios na correlación de actores políticos iniciouna o goberno de Nicolás Maduro, focalizado no recente “enroque” do seu gabinete gobernamental (3 de xaneiro). Destaca aquí a entronización de Tareck El Aissami como novo vicepresidente executivo. Observado dende diversos ángulos, a designación de El Aissami anuncia un preventivo enroque político estratéxico manifestado para fixar posicións dentro das igualmente perceptibles faccións políticas existentes no “post-chavismo”.

Paralelamente ao enroque gobernamental, a oposición agrupada na plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD) debeu igualmente adaptarse a este contexto de reestruturación de actores e de estratexias. Tras elixir a Julio Borges como novo presidente da Asemblea Nacional (5 de xaneiro), a MUD con maioría parlamentaria acelerou o pulso político contra o goberno tras aprobar vía lexislativa a facultade de declarar a Maduro en “abandono do cargo presidencial”.

Toda vez, crecen as expectativas sobre posibles cambios internos na composición da MUD, nun enroque político que igualmente semella ter en mente o horizonte electoral 2018.

Un sucesor para Maduro?

Descendente de inmigrantes sirio-libaneses, El Aissami (42 anos), quen ata a súa designación como vicepresidente fora gobernador do estratéxico estado Aragua (centro-occidente do país), é considerado un fiel aliado de Maduro instalado na “á civil” do “post-chavismo”.

Beneficiado pola recente reestruturación gobernamental, El Aissami ampliará agora un radio de poder político xa anteriormente consolidado a nivel estatal e dentro da cúpula do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV). No seu novo cargo como vicepresidente executivo, El Aissami comandará unha serie de facultades e atribucións de carácter económico, orzamentario, político e de seguridade, que lle colocan nunha posición política estratéxica dentro do “post-chavismo” ante calquera tipo de eventualidade política ou electoral.

A pesar da súa cada vez maior improbabilidade, a realización dun referendo revogatorio contra Maduro lle permitiría a El Aissami ocupar a presidencia venezolana ata finalizar o actual mandato en 2019, en caso de perder Maduro este plebiscito. Velaí que a entronización política dunha peza chave como El Aissami anunciábase como un imperativo estratéxico, principalmente á hora de equilibrar os intereses do sector “madurista” no cometido de permanecer no poder ante calquera eventualidade política ou electoral, así como para reforzar as posicións dos sectores mais radicais existentes no “post-chavismo” que premen pola “troika madurista” instalada no poder, e que agoa poden sentirse circunstancialmente representados en El Aissami como un liderado oportuno.

Os escasos índices de popularidade de Maduro e a gravidade da crise socioeconómica tramitan diversas expectativas dentro do PSUV, así como nas bases populares do “chavismo”, en particular ante as expectativas de sufrir unha severa derrota electoral, sexa no revogatorio ou nas presidenciais. As frecuentes presións políticas, algunhas incluso de cariz insurreccional, que seguen manifestando algúns sectores opositores mais radicalizados, ben puido influír a que diversas cúpulas e sectores do PSUV premeran a Maduro para designar un líder mais enérxico e radical, como pode ser o caso de El Aissami.

Esta perspectiva debe inevitablemente focalizar a atención nos equilibrios e a correlación de forzas que se están observando dentro do “post-chavismo”. O fortalecemento da “opción El Aissami” consolida dalgún xeito a estratexia “madurista”  de feito orientada a neutralizar as opcións políticas de Diosdado Cabello dentro da troika “post-chavista” no poder desde 2013. Con todo e a pesar da súa fidelidade ao presidente, El Aissami eríxese igualmente como unha opción “post-madurista” dentro do PSUV, da que pode beneficiarse de cara ás expectativas electorais 2018.

Neste delicado pulso de equilibrios, o enroque ministerial de Maduro busca igualmente preservar a súa facción política, con El Aissami á cabeza. Cobran aquí similar relevancia o mantemento no tren gobernamental de aliados “maduristas” como Elías Jaua (Educación), Aristóbulo Istúriz (Comunas e Movementos Sociais), Érika Farías (Agricultura Urbana), Delcy Rodríguez (Relacións Exteriores) e Eulogio del Pino (PDVSA).

O enroque ministerial deixa igualmente en evidencia a defenestración da familia do ex presidente Hugo Chávez dentro da nova reestruturación de poder. Se ben o seu irmán Adán Chávez foi nomeado no Ministerio de Cultura, o desprazamento do poder gravitacional dos familiares do falecido ex presidente quedou patente coa súbita saída do gabinete do seu xenro Jorge Arreaza, quen con anterioridade tamén ocupara o cargo de vicepresidente executivo (2013-2016)

Con El Aissami investido en poderes cuase extraordinarios para o seu cargo, as tensións seguirán determinando o pulso político venezolano, incluso cunha preocupante incidencia exterior. Dende Washington se ten sinalado a El Aissami de presuntos vínculos co narcotráfico así como con movementos islamitas (Hizbulá). Este aspecto pode cobrar impulso de confrontación con Donald Trump na Casa Branca, particularmente coa presenza de “falcóns” anti-islamitas provenientes do Pentágono, sendo particularmente visible o caso do ex marine John Kelly como encargado de Seguridade Nacional.

A presión exterior pode intensificarse contra El Aissami, cuxa xestión antinarcóticos amosa igualmente canais de cooperación coa Interpol. Durante a súa xestión como gobernador, El Aissami contribuíu a colocar en prisión a uns 75 xefes internacionais do narcotráfico, así como a importantes incautacións antidrogas: en 2011 foi de 42 toneladas de estupefacientes.

Pero todo son expectativas en torno a El Aissami. Son notorias as súas conexións con organizacións de esquerda radical en América Latina e Oriente Próximo (Siria, Iraq, Irán), toda vez con anterioridade ocupou cargos estratéxicos na estruturas de poder “chavista”, en particular a Policía Nacional Bolivariana, o servizo de intelixencia (SEBIN) e a oficina de identificación e pasaportes. Cunha eventual estrutura de poder paralela cimentada durante anos de xestión, El Aissami asume un contexto político marcado polas rupturas de canais de diálogo e a previsible radicalización política.

Implosión na MUD?

Consolidado este enroque no “post-chavismo”, unha perspectiva parcialmente similar obsérvase na oposición aglutinada na MUD. Os síntomas de polarización e de reformulación de liderados vense cada vez mais determinantes nunha MUD atomizada polo fracaso político de ver practicamente sepultado o referendo revogatorio, do aprazamento das eleccións rexionais e da insatisfacción das súas demandas (particularmente a liberación dos denominados “presos políticos”) establecidos no igualmente fracasado diálogo co goberno auspiciada polo Vaticano e a misión da UNASUR.

O pulso político reactivouse en xaneiro pasado, cando a Asemblea Nacional declarou a Maduro no “abandono do cargo presidencial”. A reacción presidencial vía Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) contrariando esta medida revela a reactivación do conflito institucional de poderes, no que Maduro semella persuadido a descoñecer a autoridade da Asemblea Nacional como detentora do poder lexislativo, illándoa e marxinándoa a través dun pulso institucional de poderes baixo a prerrogativa do “desacato constitucional”.

Fortalecendo o seu tren executivo co apoio do TSX, Maduro calcula que a tensión entre goberno e oposición seguirá instalada nas trincheiras dos poderes institucionais dentro da arriscada correlación de forzas políticas que se anuncia a curto e mediano prazo. E para iso precisa preparar o terreo político e electoral propicio para buscar garantir unha vitoria estratéxica do PSUV, sexa nas rexionais ou nas presidenciais.

Se ben a designación de Borges como novo presidente da Asemblea Nacional intuía certa diminución no nivel de tensión, o seu antecesor e agora deputado Henry Ramos Allup reorienta as súas expectativas de cara unha posible candidatura presidencial. O contexto, por tanto, luce confuso e atomizado dentro da MUD, a tenor da persistencia doutras eventuais “pre-candidaturas” aparentemente observadas en Henri Falcón, gobernador do estado Lara, e Manuel Rosales, ex gobernador do estado Zulia e ex candidato presidencial (2006), quen veuse recentemente beneficiado pola amnistía gobernamental tras ser arrestado en 2015 unha vez regresara a Venezuela do seu exilio peruano. Moitos sectores de opinión pública en Venezuela especulan con que a súbita liberación de Rosales signifique unha posible estratexia do goberno para eventualmente exercer influencias políticas dentro da oposición.

O clima de fracturas, de polarización de intereses e incluso de estancamento de estratexias que se observa no seo da MUD afectará claramente a súa recomposición de liderados, con especial incidencia de cara á popularidade do seu ex candidato presidencia Henrique Capriles Radonsky. Crecen as especulacións sobre a posible substitución do seu actual secretario xeral, Jesús Torrealba, toda vez sectores mais radicalizados como o partido Vontade Popular (VP) do ex alcalde e preso político Leopoldo López, reinciden nas “accións de rúa” contra Maduro.

Con Trump na Casa Branca e cun posible contexto de radicalización da crise venezolana, Maduro busca igualmente alternativas no plano internacional. Venezuela acaba de obter a presidencia pro tempore dunha UNASUR que busca candidatura a secretario xeral trala saída do ex presidente colombiano Ernesto Samper. Noutras latitudes, Caracas busca fortalecer as súas alianzas exteriores (Rusia, China) que lle permita neutralizar calquera radicalización da crise, particularmente de maiores presións dende Washington.

Complexos equilibrios na FANB

Este contexto reforza a condición da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) como principal epicentro do poder e factor de equilibrio na cada vez mais imprevisible crise venezolana. Neste sentido, as miradas están enfocadas no ministro de Defensa, Vladimir Padrino, quen debe manexar toda serie de complexos equilibrios a fin de manter unha inestabilidade incerta. Con todo, Padrino tamén é sinalado dende diversas fontes de presuntamente fortalecer unha posición política propia por riba das faccións existentes tanto no “post-chavismo” como na oposición.

A renovación da “ofensiva revolucionaria” anunciada por Maduro trala reestruturación do seu gabinete implica igualmente vertebrar a relación da FANB cos denominados “colectivos chavistas”. Compre observar aquí a activación dos Comités Locais de Abastecemento e de Produción (CLAP) que, dende as comunas populares e os colectivos do “chavismo” vense erixindo como mecanismo de distribución paralela de asistencia alimenticia nas zonas populares. A activación dos CLAP coincide coa designación en xaneiro pasado dun “Comando Nacional Anti-golpe” en mans de El Aissami, con poderes extraordinarios, que é igualmente observado dende sectores opositores como unha medida de represión política.

O obxectivo resultante desta estratexia buscaría compatibilizar institucionalmente á FANB coa troika “madurista” instalada nas cúpulas de poder, toda vez fortalece o protagonismo dos colectivos populares “chavistas” vía aceleración das “comunas” como órganos de expresión e de organización social e política. Con isto, búscase conxuntar unha nova estrutura de poder de carácter “cívico-militar” dentro do “post-chavista”, con claras expectativas de recuperar espazos para fortalecer os seus vínculos cos sectores populares, particularmente ante calquera contexto electoral previsto.

Cun diálogo político en fase estacionaria, as FANB vense persuadidas a defender a lexitimidade presidencial de Maduro, toda vez concentra un estratéxico poder revestido de todo tipo de fráxiles equilibrios. Aquí debe sopesar con claridade a súa posición política e institucional, particularmente a súa capacidade como factor de estabilidade e de eventual resolución de conflitos, toda vez o campo político reformúlase con perspectivas de radicalización e de impulso de diversos actores políticos.

Solución “á nicaraguana”?

Paralelamente, crece a sensación na cidadanía e na opinión pública venezolana sobre a posible concreción dunha “solución á nicaraguana” por parte do goberno de Maduro, particularmente de cara ás próximas citas electorais.

A recente reelección presidencial de Daniel Ortega en Nicaragua (novembro de 2016) ocorreu nun contexto de neutralización de partidos políticos opositores vía Tribunal Supremo e Constitucional, un “enroque” que podería persuadir a Maduro a transitar polo mesmo camiño, vía TSX. O visible distanciamento exterior sobre esta situación presentada en Nicaragua pode persuadir a Maduro a realizar a mesma estratexia en Venezuela.

O pasado 8 de xaneiro, o Consello Nacional Electoral (CNE) anunciou a apertura dun proceso de “re-legalización” dos partidos políticos, particularmente dos membros da MUD, a través da vía de recolección de firmas do 0,5% do padrón electoral. Os sectores opositores ven nesta medida unha presunta “movida” de Maduro similar á realizada por Ortega en Nicaragua, destinada a eventualmente procrear unha oposición “domesticada” e dócil, incluso con visos de suspensión vía electoral de diversos partidos políticos opositores considerados como radicais (VP), erosionando e desarticulando a capacidade de acción da propia MUD.

Con anterioridade, o propio Diosdado Cabello deixou entrever a eventual “ilegalización da MUD” nun contexto de descoñecemento da división institucional de poderes, cunha Asemblea neutralizada en fase marxinal. As especulacións neste sentido aumentan ante a desactivación vía xudicial e electoral (CNE) do revogatorio e o aprazamento preventivo dos comicios rexionais ata o segundo semestre de 2017. Un cálculo arriscado que pode estoupar aínda mais a gravidade da crise política e socioeconómica, e que implique unha ruptura do actualmente fráxil equilibrio político e institucional.

Así e todo, con expectativas de neutralizar a súa excesiva dependencia política do estamento militar, Maduro estuda vías alternativas que permitan consolidar ao seu propio círculo de poder e garantir a hexemonía “post-chavista” alén 2019. E aquí semella ir preparando o terreo electoral, incluso persuadido a non presentar candidatura, a través dun cálculo estratéxico no que presuntamente El Aissami ocuparía un papel central. Pero está por ver qué tan factible e decisiva resulta esta opción dentro da tradicionalmente imprevisible crise venezolana.