taiwan strait

Entre chinos

 Estreito de Taiwán, clic para aumentar
Son moitos os que contemplan con malos ollos e maiores reservas a posibilidade dunha Gran China que controle un estreito tan decisivo para a economía mundial como é o de Taiwán. Jiang Zemin, con ocasión do cincuenta aniversario da proclamación da China Popular, situaba o limite da unificación de toda China no final do século XXI. É tempo dabondo e de máis para que se produza. Antes, mentres poida, haberá quen intente fixar condicións para que a súa realización sexa aceptable. Ou non será. E por iso sobrarán riscos aínda. (Foto: Zona costeira no Estreito de Taiwán).
 

A habilidade con que Hu Jintao deu a volta ao que foi presentado por moitos como un salto cualitativo na dinámica de enfrontamento entre China e Taiwán, isto é, a lei antisecesión que o parlamento chinés aprobou o pasado 14 de marzo, é certamente notoria. A iniciativa continental tivo dúas frontes. En primeiro lugar, Xapón. Por detrás da polémica sobre os manuais escolares e o rexeite da demanda de inclusión no Consello de Seguridade da ONU, China esixe de Koizumi unha actitude máis respectuosa cos compromisos contraídos en relación a Taiwán. O intercambio de visitas de alto nivel e sobre todo, as simpatías expresadas cara o movemento do ex presidente Lee Tenghui, fillo de xaponés segundo algúns, líder hoxe da Alianza Solidaria de Taiwán que aposta pola independencia da illa, provocan un fondo malestar en Pequín. Despois da entrevista do pasado 23 de abril en Iakarta entre os líderes de ambos países, o apoio de Tokío podería quedar máis neutralizado. Con todo, Xapón será sempre o máis prexudicado por unha hipotética unificación e sempre fará por impedila ou retardala.

En segundo lugar, a neutralización de Chen Shuibian, o actual presidente de Taiwán, chega da man desa visita histórica que iniciou o presidente do Kuomintang (KMT) e rival nas polémicas eleccións presidenciais de 2004, Lien Chan. A visita de quen fora vicepresidente con Lee Tenghui, é seguida doutra de James Soong, líder do Partido o Pobo Primeiro (PPP), escisión do KMT, pero tamén partidario do diálogo que conduza a unha hipotética unificación co continente. Entre estas dúas forzas, KMT e PPP, a maioría do Parlamento ou Iuan lexislativo está en mans da oposición e polo tanto, poden impedir que o programa de signo soberanista de Chen se aplique segundo o previsto: inicio da reforma constitucional en maio que alente expresións formais dunha independencia mais acentuada aínda que non declarada.

Esta evolución dos feitos é a probable antesala dunha nova etapa nas relacións entre China e Taiwán, presidida nos últimos anos polo dominio político do PDP na illa, un período de tensión que arranca esencialmente algo antes, canda a vitoria presidencial de Lee Tenghui en 1996, e agravado polas torpezas de China, cunha dirixencia política insegura e temerosa da política taiwanesa, que a levou a privilexiar a militarización do problema, reforzando así a quen pretendía illar. As pontes tendidas cara a oposición, as innumerables redes creadas co mundo empresarial taiwanés, por milleiros residentes no continente e, o máis difícil, a neutralidade das grandes potencias influentes no contencioso (Xapón e, sobre todo, EEUU), son bases moi poderosas para que o diálogo flúa con naturalidade e unha linguaxe común poida afianzarse en pouco tempo.

Pero son moitos os que contemplan con malos ollos e maiores reservas a posibilidade dunha Gran China que controle un estreito tan decisivo para a economía mundial como é o de Taiwán. Jiang Zemin, con ocasión do cincuenta aniversario da proclamación da China Popular, situaba o limite da unificación de toda China no final do século XXI. É tempo dabondo e de máis para que se produza. Antes, mentres poida, haberá quen intente fixar condicións para que a súa realización sexa aceptable. Ou non será. E por iso sobrarán riscos aínda.