Algo máis de seis meses despois de iniciada, a primavera árabe segue acaparando a atención mundial, converténdose nun factor importante das relacións internacionais á espera de novos acontecementos que propicien a apertura dun tempo post-Gadafi longamente anunciado en Libia e á espreita tamén dese posible recoñecemento do Estado Palestino, feitos ambos os dous de gran significado xeopolítico na rexión. Dous escenarios fóronse configurando neste semestre: un, o africano, cun futuro que vai depender da radiografía final do conflito en Libia; outro, asiático, cunha sorte ligada ao duro pulso que tamén se está a librar en Siria. Nos dous está presente o mesmo elemento de incerteza que fai temer polo fracaso do proceso iniciado coa segunda década do século XXI. Cal é a día de hoxe o mapa da situación? Cales as expectativas? Saímos do punto morto?
O cambio en Tunisia semella solidamente establecido, cun protagonismo da sociedade civil que non recuou e que segue mobilizándose na procura do respecto aos principios e intereses que están no cerne do proceso. En Exipto, en troques, a pesares do celebrado xuízo a Hosni Murabak, se ben a fin da autocracia semella igualmente asegurada, a persistencia dunha represión en alza e do papel clave do exército (o mesmo que lle confiou o poder a Mubarak en 1981) monopolizando a vida política coa esperanza de perpetuarse na súa función tradicional, introduce reservas de fondo calado.
Tunisia e Exipto suman case cen millóns de habitantes, unha terceira parte da poboación total do mundo árabe. Os dous países están hoxe irmandados polo éxito da revolución democrática, un feito que podería pasar a ser excepcional de consolidarse a resistencia doutros autócratas da rexión, especialmente á vista do decisivo papel desempeñado polas respectivas poboacións. En Bahrein, por exemplo, a represión armada neutralizou as mobilizacións. Outro tanto aconteceu no Iemen, en horas nas que o seu presidente anuncia un inminente regreso trala curación das súas feridas en Arabia Saudita. En Marrocos, a nova Constitución promovida pola monarquía mantén o tirapuxa co movemento do 20F, cunhas mobilizacións á baixa que poderían rexurdir en calquera momento se ben con capacidades limitadas de incidencia na axenda política. En Siria, a casta no poder, unha minoría fortemente armada, non dubida en botar man do armamento pesado para reprimir e atemorizar á poboación.
Pase o que pase nas próximas semanas, semella imposible que o mundo árabe regrese á situación anterior. O cambio débese principalmente a factores internos presentes en toda a rexión: a lentitude do desenvolvemento económico, o aumento da poboación e o crecente desemprego, a corrupción e un anhelo socialmente moi estendido de mudar tal estado de cousas. Non obstante, seis meses despois, o estado no que se atopan as diferentes revoltas xustifica a necesidade de xerar unha conciencia sobre o carácter prolongado desta situación. Se os problemas económicos son o substrato destas revoltas, cómpre sinalar que a xeración de dinámicas de desenvolvemento e de creación de emprego carece de perspectivas reais. Segundo as previsións de diferentes organismos, as taxas de crecemento en Xordania, Líbano, Marrocos, Siria e Tunisia baixará do 4,4 por cento de 2010 ao -0,5 por cento en 2011, e a de Exipto podería chegar ata o -0,25 por cento. A inflación na zona podería situarse arredor do 12 por cento a final de ano.
No medio das turbulencias, dispáranse a fuga de capitais e a redución dos investimentos estranxeiros. No primeiro trimestre de 2011 as reservas de divisas de Exipto reducíronse en máis dun 30 por cento. No mesmo período, foron retirados do país uns 30.000 millóns de dólares. O compromiso do capital financeiro e das clases podentes co proceso democratizador está ben á vista. O mundo das altas finanzas estaba a gusto coas ditaduras.
Por outra banda, cómpre ter en conta que Exipto e outros países da zona dependen en boa medida da axuda occidental. Sen embargo, a desaceleración da recuperación económica e a persistencia da crise da débeda en Estados Unidos e Europa fai case imposible que comprometan fondos reais para apoiar os procesos de estabilización e cambio nos países árabes.
Cabe por iso imaxinar un escenario de tensión e conflito prolongado, con diversos tempos e niveis na mobilización popular en función das circunstancias propias, rexionais e globais. As respectivas sociedades decatáronse das súas potencialidades para mudar situacións que parecían inmutables, froito aparente dun destino malévolo obrado por unha providencia insensible ás súas demandas, pero tamén do inxente esforzo que se precisa para conformar e asentar proxectos alternativos que naturalicen outros comportamentos con programas e solucións orientadas a satisfacer o interese xeral.
Este contexto vai contribuír a unha activación significativa da loita política nos próximos meses, alentando un hipotético rexurdir das forzas islamitas, especialmente en Tunisia e Exipto. O partido Ennahdha en Tunisia e os Irmáns Musulmáns en Exipto están á espreita. Os réximes nos dous países fixeron crer a case todos que practicamente tiñan desaparecido. Pola contra, despois de prender aos seus xefes, exilialos, reprimido e torturado a boa parte da súa militancia durante trinta anos, hoxe presentan unha saúde incrible, presentándose reconstituídos e reforzados ante unha sociedade en busca de alternativas. Serán un actor cada vez mais importante do proceso e cabe estar atentos á súa evolución.
As resistencias en Libia e Siria
No norte de África, é por Libia por onde pasa o futuro desta ola de cambios. A repentina presenza das tropas rebeldes na capital, Trípoli, denota o avance dunha ofensiva exitosa contra o réxime do coronel Gadafi. Os seus discursos desafiantes pouco puideron fronte ás milicias rebeldes que co apoio da OTAN fixeron colapsar as súas fortificacións orixinando duros combates. As tropas oficiais viron cortadas as liñas de abastecemento polos ataques aéreos da Alianza quedando imposibilitadas, sen combustible nin alimentos, para defender as súas prazas, a pesares de estar mellor preparadas. Esta mesma táctica é a que pretende reproducir Gadafi para zoscar aos rebeldes. As forzas que aínda lle son leais demostran algunhas capacidades pero non semella posible que poidan reverter a actual correlación, agrandada por unha implicación crecente dos especialistas da OTAN e das tropas de terceiros países nas operacións terrestres.
Agora que en Libia se perfila unha nova era post-Gadafi, o país enfrontará os múltiples retos derivados da reconstrución e unha morea de serios problemas políticos e socioeconómicos. A interrogante máis urxente a resolver consiste en saber quen ocupará o baleiro de poder resultante do colapso gobernamental, con capacidade e liderado para curar as feridas abertas nunha poboación de 6,4 millóns de persoas, seriamente fragmentada nas súas lealdades. Pese ao tempo transcorrido, nunca puidemos constatar aquí a existencia de movementos sociais masivos similares aos rexistrados en Tunisia ou Exipto, en Iemen ou en Bahrein, incluso na propia Siria pese a censura oficial.
O principal grupo rebelde, o Consello Nacional de Transición (CNT) amosa fendas importantes. Dende a morte do comandante Abdel Fatah Yunis a finais de xullo, diversos conflitos internos puxeron en dúbida a súa capacidade para exercer un liderado alternativo. O presidente do goberno transitorio, Mustafá Abdul Janil, ata febreiro ministro de xustiza de Gadafi e executor da prohibición do idioma bereber, semella unha figura de transición de dubidosa consistencia. E a pesares de que o CNT, que xa promove a bandeira e himno da impresentable monarquía de Idris (1951-1969), comprometeuse a convocar eleccións e a transformar Libia nun país plural e democrático, non falta quen advirta do perigo de velo convertido nunha nova Somalia, dadas as súas múltiples tribos e clans que o habitan, circunstancia que dificultará o entendemento e pode derivar en consecuencias impredicibles, incluíndo un agravamento da catástrofe humanitaria, a división do país ou mesmo a aparición de novos líderes autoritarios.
O futuro de Libia vai depender tamén do papel que desempeñen as potencias estranxeiras e as organizacións internacionais na condución do proceso, especialmente todas aquelas que coa súa implicación directa son parte responsable do balance de vítimas civís e traxedias humanitarias, todas contrarias ao espírito da resolución do Consello de Seguridade sobre Libia. O nivel de implicación asistencial destes países para lograr unha reconstrución a favor dos intereses do pobo libio dará a medida da sinceridade da súa actuación, desmentindo con feitos o hipotético interese polo control das reservas de petróleo, denunciada como causa esencial do interese do mundo desenvolvido en derrocar a un Gadafi pouco dado á submisión. Pero todo fai pensar que o novo goberno ampliará o monto dos investimentos dos países aliados no sector do petróleo sen descartarse pugnas de avariciosos intereses como acontecera no Bagdad post-Sadam.
A guerra durou o que durou (e veremos se remata tan axiña como tantas veces teñen anunciado) a consecuencia da intervención occidental que tamén se valeu dos rebeldes para satisfacer os seus obxectivos estratéxicos. O desenlace final desta situación afectará, sen dúbida, aos países da zona. Esa vitoria da estratexia da OTAN vai debuxar un arco renovado de estabilidade en toda a rexión. Occidente recuperará o seu papel determinante na zona tralo desconcerto inicial provocado por unha revolta popular contra os seus protexidos. O compromiso militar será lido en clave de apego e defensa das querenzas das maiorías sociais, se ben, claro está, é inseparable da importancia de garantir a estabilidade dun entorno rexional do que boa parte do mundo depende para cubrir as súas necesidades enerxéticas, procurando garantir ao custe que sexa que non se interrompa o abastecemento.
Terá influencia a derrota de Gadafi en Libia no impulso democratizador en Iemen, Bahrein, Marrocos, etcétera? Os dous principais países árabes que apoiaron aos rebeldes foron Qatar e Emiratos Árabes Unidos, dúas tiranías petro-monárquicas que tamén se implicaron a fondo na represión de Bahrein. Cabe imaxinar que aquí, como en Arabia Saudita, a OTAN non se esforzará para que os seus autocráticos aliados atendan as demandas de maior democracia e respecto aos dereitos humanos.
Sen embargo, non é descartable unha intensificación da presión internacional sobre Siria. Actuará a OTAN contra Damasco para “protexer a poboación civil”? Caso de optar por esta alternativa, probablemente non contará desa vez cunha resolución lexitimadora do Consello de Seguridade. Á marxe dos condicionantes xeopolíticos, o elevado custo da implicación en Libia podería moderar o intervencionismo occidental, dando azos ás resistencias que con cambios cosméticos tratan de conter e encarreirar as demandas democráticas.
En 2003, Gadafi desfíxose das armas de destrución masiva que posuía, capitulou fronte a Occidente nos eido económico e político, pero aínda así non se librou da reprimenda militar. Esta lección será tida moi en conta por aqueles países (Irán, Venezuela, Corea do Norte, etcétera) que desenvolven unha política hostil aos intereses occidentais, prestando crecente atención á súa seguridade.
Unha comunidade internacional ambivalente
En África, só Senegal expresou claramente o seu apoio aos insurxentes libios. A maioría dos países africanos e do mundo árabe apostaron por unha saída negociada co propio Gadafi para por fin á guerra, pero os países occidentais rexeitaron toda solución conciliadora que non contemplara a saída de Gadafi e os seus. Turquía avalou tamén esta posición. Pola contra, China acabou recoñecendo aos insurxentes, aos que prestou axuda humanitaria, pero negouse a romper con Gadafi. Ao igual que Rusia, tamén distanciada da OTAN, pediu a fin dos combates e a apertura de negociacións e apresurouse a reclamar a salvagarda dos seus ambiciosos proxectos no país ( uns 50 por un importe de case 20 mil millóns de dólares) diversificados entre o petróleo e as infraestruturas. Os demais países de Asia e de América Latina non se pronunciaron.
En moitas das capitais non afectas ás teses do mundo occidental, Libia pasa a formar parte da longa ringleira de intervencións, de Vietnam a Iraq, xustificadas unicamente por intereses estratéxicos e non por razóns humanitarias, por moito que se diga o contrario. De ser este o caso, como se afirma oficialmente, a protección da poboación civil estaría máis xustificada aínda noutros países da zona nos que primou a complicidade coa represión (Bahrein) ou a mera multiplicación de declaracións de condena (a propia Siria) acompañadas de sancións de dubidoso efecto. Seguimos á espera, por outra banda, de que as capitais occidentais reclamen ás súas ditaduras aliadas do Golfo Pérsico un compromiso básico coa democracia.
Nin Rusia, nin China, nin Brasil nin a Liga Árabe apoian aos opositores nin secundan as declaracións de EEUU e da UE que denuncian a perda de lexitimidade de Bachar al-Assad, apelando a ese pobo sirio que se manifesta pacificamente nas rúas a dicir a última palabra. Tal diagrama dos posicionamentos revela con claridade que non estamos unicamente ante a elección entre democracia ou ditadura, unha fórmula simple en exceso chamada a calmar conciencias, senón ante unha larvada guerra de influencias estratéxicas en áreas dun interese xeopolítico inocultable. Os mesmos países occidentais que avalaron as ditaduras máis represoras son agora os paladíns máis intransixentes dos valores democráticos…. Cantos líderes occidentais deberían acompañar a Hosni Mubarak na súa comparecencia ante a xustiza?
Risco de patinar
As primaveras árabes corren un serio risco de patinar entre a absorción nos problemas internos que sacoden a sociedades como a tunisiana ou a exipcia, o triunfo da represión en países como Iemen, Bahrein ou Siria, a post-guerra en Libia, a pugna estratéxica entre os países occidentais e os seus detractores, a dicotomía entre inxerencia e soberanía que se superpón á tradicional controversia entre estabilidade e democratización, sinalando visións marcadamente diferenciadas entre as institucións do mundo occidental (OTAN, UE) e dos países en vías de desenvolvemento (Liga Árabe, Unión Africana).
A expectativa de celebración dunhas eleccións democráticas en Exipto e Tunisia non significa en modo algún que o proceso teña acabado. Os perigos asumirán a partir de entón novas facianas e dimensións con mapas políticos complexos e unha situación interna que a nivel social e económico tenderá a agravarse. A hipótese de celebración de eleccións multipartidistas en Libia en oito meses, tal como anunciaron os rebeldes, semella imposible de cumprir neste contexto de volatilidade extrema.
A fin das ditaduras norteafricanas suxire unha evidente satisfacción pero a calidade dos réximes resultantes vai depender da capacidade última para manter a mobilización e presión popular. As sociedades dos países árabes, contra unha opinión bastante estendida, demostraron a súa firme vontade de abrir un novo tempo político; agora deben crear as novas institucións e asentar a democracia conquistada evitando a súa usurpación polas castas tradicionais, habitualmente reprodutoras das vellas dependencias, internas e externas.