España na presidencia europea: retos para Galicia

O proxecto europeo inicia en 2010 unha nova andaina. A aprobación do Tratado de Lisboa polos 27 países da Unión Europea (UE) e a elección dos responsables que exercerán a presidencia e as relacións exteriores abren novas posibilidades para garantir a continuidade e a estabilidade da Comisión Europea e para que Europa fale cunha mesma voz no mundo.

O marco formal está dispoñible, pero será posible? O proceso de elección das dúas figuras máis representativas desa Europa institucional que agora se inicia deixou perplexos aos europeos e a medio mundo, tanto pola tensión vivida ao longo do debate previo como pola controvertida listaxe de candidatos filtrada aos medios. Pero non o foi menos o resultado, toda unha mostra elocuente das dificultades que atravesa o proceso de construción de Europa, a medio camiño sempre entre o éxito, o desespero e a incerteza. O belga Herman van Rompuy, como presidente, e a británica Catherine Ashton, como alta representante da Política Exterior e de Seguridade e vicepresidenta da Comisión Europea, agora as dúas cabezas visibles da UE,  deberán vencer o escepticismo reinante e convencernos do inxustificado do desconcerto suxerido pola sorpresiva elección de ambos, lastrada polo relativo descoñecemento das súas traxectorias políticas, pero non só.

A Europa de Lisboa que agora arranca será a Europa do pragmatismo, din algúns. En realidade, o pragmatismo sempre estivo presente no devalar comunitario, pero será suficiente ese temple para saír do estancamento en que se atopa? Pode representar a Europa no mundo unha comisaria dun país que está fóra do euro e do espazo Schengen, as dúas conquistas máis emblemáticas da integración continental? Poida que, como din outros, a designación de Lady Ashton sirva para implicar máis ao Reino Unido na Unión. Non obstante, atendendo ao criterio manifestado polo primeiro ministro Gordon Brown, sobre todo vai dar ao Reino Unido unha voz poderosa na UE, que non é exactamente o mesmo. Se a voz da diplomacia europea ten un nome tan complicado (alta representante da Política Exterior e de Seguridade, nada menos) é precisamente debido á negativa de Londres, que vetou a denominación, máis sinxela e clara, de “ministro europeo de asuntos exteriores”.

Nun contexto internacional en acelerado proceso de cambio, todos admiten que Europa precisa ambición non só para singularizarse con voz propia (esa sensibilidade está recoñecida) senón tamén para ser efectiva e non un comodín da política occidental ou estadounidense. Cando o epicentro global se traslada do Atlántico ao Pacífico e as relacións transatlánticas perden peso respecto ás transpacíficas, a UE debería esforzarse en afinar o seu proxecto definindo con maior clareza as súas prioridades políticas, maximizando as súas capacidades por riba dos respectivos e lexítimos intereses de cada Estado. Veremos se isto é posible e se a madurez que se predica do proxecto europeo pode transformarse en políticas activas e comprometidas, capaces de respostar coa inmediatez precisa aos desafíos tácticos e estratéxicos que suxire unha realidade mundial tan cambiante.

Neste contexto, a presidencia española terá un papel clave a desempeñar para efectivizar a positiva transformación das dinámicas de funcionamento interno da UE, xa falemos de liñas de actuación, medios e capacidades, pero moi especialmente para transmitir unha nova percepción ás sociedades europeas que non dan moito crédito ás novas posibilidades e mecanismos da UE para acompañar uns cambios internacionais que a van deixando cada vez mais de lado. Sen dar un salto na cultura política e de funcionamento da UE será difícil evitar a reiteración das crises, pese a contar con renovados medios institucionais, humanos e financeiros, de continuar presos dos equilibrios e malabarismos a que nos teñen acostumados os nosos líderes estatal-comunitarios.

Europa reivindicase como un actor global indispensable, pero da a impresión de acusar un considerable desfase entre as palabras e os feitos e de acumular unha falta de enerxía crónica derivada da incapacidade para deixar aparte os protagonismos estatais. Europa, por inoperancia, perdeu creto no mundo. Ninguén dubida da súa boa vontade, pero o baixo perfil dos seus líderes e do seu posicionamento, habitualmente consecuencia dun acordo laborioso e traballado a conciencia, mestura de vetos, negativas e opcións de última hora, debuxan un enorme interrogante sobre a viabilidade desa unidade e fortaleza que se reclama á UE para estar á altura das esixencias dos tempos actuais.

O consenso é parte da democracia, pero transformase en déficit cando se desenvolve nas cúpulas e de costas aos cidadáns. Estes, probablemente, quererían maior decisión e contundencia. Todos quedamos á expectativa do que aconteza nestes primeiros seis meses da presidencia española, que desempeñará un papel clave na instrumentación dese salto cualitativo que debe transcender esa situación tan común no escenario comunitario onde case todo parece collido polos pelos e in extremis. O gran reto para Madrid consiste en por en valor o potencial que encerran os cambios introducidos polo Tratado e vencer as resistencias fácticas que de seguro porán moitos Estados membros. Pero só así, a UE estará en condicións de acompañar o cambio global.

Os retos de Galicia

Para Galicia, o cambio non é menor, aínda que por outras razóns. A perspectiva da redución dos fondos comunitarios a curto prazo abre un horizonte delicado que nos obriga a concibir outra forma de relacionamento coa UE, necesariamente moito mais madura e creativa. Está a sociedade galega preparada? Con independencia das prórrogas que poidan lograr as nosas autoridades para propiciar esa aterraxe suave que amortigue o impacto das reducións, a nosa estratexia debería ter en conta, alomenos, tres eixes esenciais. En primeiro lugar, o acompañamento directo a nivel europeo das transformacións en curso en sectores que nos son de vital importancia na nosa estrutura produtiva, xa falemos do automóbil, da pesca ou da agricultura. En segundo lugar, partindo de que Europa seguirá sendo un viveiro de oportunidades para unha comunidade de reducidas dimensións como a nosa, cómpre multiplicar a nosa presenza, influencia e a nosa capacidade para discernir o valor da información naquelas áreas que nos sexan mais propicias. En terceiro lugar, debemos dotarnos dunha política europea cun dobre enfoque. Primeiro, reforzar a nosa participación na definición da política comunitaria do Estado, a través da Conferencia de Asuntos Relacionados coas CCEE, onde debe materializarse a cooperación institucional que concilie a lealdade reclamada polo Estado coa esixencia de impulso das comunidades autónomas. Segundo, definir actuacións específicas baseadas no desenvolvemento das nosas especificidades, que constitúen un marco de responsabilidade ineludible.

Iso significa tamén que Galicia, no político, debe multiplicar a presencia directa na UE. Non se trata con iso de aventurarse no desenvolvemento dunha política internacional que nos sinale como nación con identidade propia no concerto europeo, senón que, con independencia diso, esa presenza directa debe contribuír, pragmaticamente, á defensa da nosa viabilidade e progreso como comunidade. Nese principio pode radicar a base para un consenso necesario entre as nosas forzas políticas e sociais. Se Europa se retira progresivamente de Galicia, en termos financeiros, correspóndenos agora acompañar directamente as novas oportunidades sen agardar a que as nosas actuacións veñan determinadas polas demandas ou ofrecementos doutros senón como resultado da nosa propia iniciativa.

A relación de Galicia co rexionalismo é moi estreita e debería ser potenciado o noso papel tanto no Comité das Rexións, como xa acontece con ese grupo interrexional centrado na análise da crise do sector do automóbil, clave no noso tecido industrial. A nosa cooperación con outras rexións con competencias lexislativas debería servir para reforzar un lobby hoxe minguado. A cooperación transfronteiriza con Portugal, por outra banda, desempeña un papel que transcende o valor eurorrexional para converterse nun activo de significación europea que debemos aproveitar debidamente.
 
Significa isto que Galicia debe dotarse de liñas estratéxicas e medios institucionais para posicionarse mellor en Europa. Os medios existentes para afrontar con rigor este novo tempo son moi precarios. Promover e aproveitar as redes relacionadas con Europa, tanto en Bruxelas como en Galicia, alentar un maior protagonismo da nosa sociedade nos temas europeos, non só desde o punto de vista epidérmico-político-cultural senón entrando en fariña para gañar presenza efectiva e proxección, son esixencias clave. Neste sentido, a Fundación Galicia-Europa debería asumir un papel moito máis activo na xestión europea en Galicia, ampliando os seus medios e horizontes.

Galicia debe mobilizarse en relación a Europa para adiantarnos e evitar posibles crises derivadas da redución dos fondos, sentando agora as bases dunha nova relación que debe impregnar ao conxunto do goberno e as forzas políticas e sociais. A presencia de Galicia en Bruxelas require tamén dun esforzo adicional que debería xurdir dun amplo consenso, un reto a maiores que deberiamos tomar en serio para madurar e crecer por dentro como país.