Xosé Henrique Monteagudo Romero é un sociolingüista galego, profesor da USC desde 1982, Director da Cátedra Castelao da USC e presidente da Real Academia Galega.

Especial Ano Castelao (IX). O recoñecemento simbólico e a «Galicia Universal»

Que pensas da iniciativa para o recoñecemento de Castelao como presidente de Galicia?

Como recoñecemento simbólico, sería positivo. O que pasa é que nestas cousas hai que ter coidado de non reescribir a historia. Lamentablemente, Castelao non chegou a ser o presidente de Galicia. Por tanto, un recoñecemento deste tipo tería un carácter puramente simbólico e, como tal, paréceme positivo, pero sempre que teñamos claro que, historicamente, non o foi. Iso tamén nos convida a pensar por que non foi. A historia ten leccións que temos que aprender. Por máis que retroactivamente poidamos intentar reparar as desfeitas históricas dunha maneira simbólica, tamén é importante que a coñezamos tal como foi, porque as leccións que se tiran dela son importantes, e as leccións temos que tiralas da historia fáctica real que aconteceu.

Castelao foi, evidentemente, a figura da nación do século XX para adiante, o pai da autonomía galega e o pai do autogoberno galego. Non creo que se teña ningunha dúbida diso. Foi o golpe de Estado fascista, a ditadura franquista, o que o condenou ao exilio, o que esmagou o galeguismo e esmagou a democracia, e tamén cortou toda esperanza de aplicación a autonomía galega, políticamente gañada en 1936, que para Castelao constituía o punto de inicio dun camiño cara ao autogoberno.

Castelao estaba destinado a ser o presidente de Galicia, da autonomía galega, grazas á proxección que tiña a súa figura, como demostra o feito de que nas eleccións xerais no ano 36 foi o deputado que tivo a maior votación en Galicia. Isto é bastante indicativo das súas enormes posibilidades para ser presidente da autonomía galega. Polo tanto, ten sentido o recoñecemento simbólico, pero tamén ten sentido saber que realmente non foi presidente de Galicia por unhas determinadas circunstancias.

Como valoras ou que expectativas tes para o «Ano Castelao» por parte da Xunta de Galicia en 2025?

Como sempre que se fai este tipo de conmemoracións, representan unha boa ocasión para impulsar os traballos sobre o maior coñecemento da súa presonalidade, que é moi polifacética, e para unha maior difusión do seu pensamento, da súa figura e da súa obra.

Neste caso, tería sido mellor se estes traballos se programasen con máis antelación. Estou recordando, por exemplo, que, cando no ano 2000 celebramos o seu cincuenta cabodano, fixemos un traballo perdurable, que realmente quedou feito para o futuro: a publicación das súas Obras en seis volumes, que eu coordinei e editou Galaxia. Foi posible facer ese inmenso traballo e editar os volumes das obras en 2000 porque na Fundación Castelao estivemos preparándoo desde catro anos antes.

Agora dáme a impresión de que vai todo un pouco improvisado, un pouco precipitado, e iso dá menos tempo para sacar o rendemento que se podería sacar tanto no plano da investigación coma no plano da divulgación da figura. Por exemplo, na Cátedra Institucional Castelao da Universidade de Santiago de Compostela, que agora dirixo, se tivésemos máis tempo para preparar isto, teríamos elaborado un plan de actividades máis completo, empezaríamos antes, etc. Pero neste país traballamos un pouco así, a impulsos, improvisando. Dentro diso, evidentemente, si que vai dar ocasión para varias iniciativas que espero que algunhas delas sexan perdurables, que non quede só en foguetería de festa e actos puntuais.

O BNG propón o recoñecemento de Castelao como presidente de Galicia, baseándose nunha proposta do Partido Galeguista na Arxentina. Que impresión tes diso e pensas que podería ter viabilidade?

Eu creo que non comezou con bo pé, porque de feito o acto que se fixo no Parlamento de Galicia en novembro do ano pasado, foi a conmemoración do 90 aniversario do Consello de Galiza. Para moitas das persoas que estabamos alí, aquilo resultou bastante frustrante. O acto anunciárase como un recoñecemento por parte do Parlamento da figura de Castelao como presidente do país e, realmente, despois o acto saímos coa impresión de que aquilo fora un pouco falido. Primeiro, foi un recoñecemento máis ben xenérico a Castelao, sen moita concreción, desde logo non como presidente de Galicia. Moita da xente que asistimos ao acto saímos un chisco decepcionados (dígoo por min mesmo e polos comentarios que escoitei á saída), porque, primeiro, non se produciu o que esperabamos e o que se anunciaba, e segundo, porque realmente faltoulle un maior arroupamento institucional e a debida solemnidade. Comezando porque non acudiu o actual presidente da Xunta (o único presidente da Xunta que estaba alí era Emilio Pérez Touriño, non estaban ningún outro presidente vivo), e faltaba unha representación máis ampla das autoridades e representacións das institucións públicas. Estaban a presidenta da Consello da Cultura Galega, o presidente da Real Academia Galega e a alcaldesa de Santiago (pero só ela, se non me engano), pero non estaban os presidentes das deputacións nin os reitores das Universidades nin outros moitos alcaldes, por exemplo.

Notábase unha falta de máis representación institucional á altura do que se pretendía e do que era: unha homenaxe a Castelao como presidente simbólico de Galicia e unha conmemoración solemne do Consello de Galiza en sede parlamentaria. En definitiva, deume a impresión de que se crearon unhas expectativas que logo se viron en boa medida defraudadas, e ademais cun acto que non estaba a altura do que Castelao merece, co que Castelao representa, e do trato que temos que ter, sobre todo no ámbito institucional, cara á súa figura.

Tes unha idea de como podería levarse adiante unha iniciativa así, o recoñecemento real de Castelao, para que non quede nun acto ritual?

Eu creo que o primeiro paso no plano político sería conseguir un consenso das forzas políticas galegas, de forma particular as que están representadas no Parlamento. E o segundo paso sería que, unha vez que se tome a decisión dun recoñecemento deste tipo, ou mesmo se se toma a decisión de facer unha homenaxe a Castelao, hai que estar á altura, hai que planificalo con moito coidado, sabendo a categoría, o plano da representación, na posta en escena e na elección mesmo da música que hai que poñer para iso. Se nos estamos situando no plano do recoñecemento do simbólico, a envoltura é fundamental. A envoltura, que pode non ser tan importante para un acto doutro tipo, é decisiva para un acto que ten unha carga simbólica. Cómpre transmitir unha emoción, transmitir unha convicción, transmitir un respecto pola figura e unha admiración pola figura, iso plásmase en todo o desenvolvemento do acto.

Que pensas que diría Castelao se vise como está Galicia agora?

Eu creo que Castelao pensaría que tiñamos que ter avanzado a autonomía moito máis do que a avanzamos. Quedaría sorprendido de que o que a el lle parecía unha gran conquista, que ía abri moitas portas de futuro e moitas posibilidades de desenvolvemento do país, de benestar da súa ciudadanía, de recuperación da súa identidade, do seu idioma, etc., que eran as esperanzas que el depositaba na autonomía de Galicia… vería que a autonomía de Galicia quedou lonxe de cumplir esas finalidades. Quedaría sorprendido ao comprobar que non se acabaron de materializar as potencialidades, as melloras, que el pensaba que a autonomía abriría para o pobo e a nación galega.

Tes algún desexo para este ano para todos os que forman o que Castelao denominou a «Galicia Ideal»?

Castelao, falou dunha Galicia ideal, unha Galicia que non se cingue ao territorio administrativo da catro provincias ou da comunidade autónoma, senón que inclúe a Galicia da diáspora. O meu desexo é que realmente tivésemos un maior coñecemento mutuo. Por suposto, a Galicia da diáspora ten moito máis presente a Galicia territorial, a Galicia orixinaria, a Galicia do berce, do que a propia Galicia orixinaria ten a Galicia da diáspora. O primeiro dos meus desexos serían que esa experiencia histórica de emigración fose máis coñecida e valorada en Galicia. E o segundo, pero non menos importante é que tanto nosoutros, os galegos que habitamos a Terra, coma esoutros galegos, que están espallados polo mundo adiante (incluíndo os galegodescendentes) e que teñen detrás tantas e tantas historias, que fosemos máis conscientes de constituír unha comunidade, que désemos pasos para reforzar esa comunidade, que esa consciencia de comunidade tivese máis unha plasmación no plano cultural, no plano político, no plano institucional, no plano social, no plano das relacións humanas de todo tipo. Aínda existe unha fonda fenda entre uns e outros. É como se a Galicia territorial ás veces quixese esquecerse da emigración, coma se esta fose unha maldición que nos caeu. E iso é un grandísimo erro, porque Galicia somos os que estamos aquí, pero tamén a Galicia da diáspora. Galicia somos todos.