Esperando a gobernanza

A recente axitación nos mercados financeiros subliña a natureza extremadamente fráxil da actual recuperación económica global e amosa a necesidade de impulsar unha auténtica coordinación política capaz de acelerar as reformas da gobernanza económica global. Tense falado moito delas nos últimos anos, pero con escasos avances prácticos, tanto que todo fai temer unha repetición, agravada, de escenarios pasados.

Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

A recente axitación nos mercados financeiros subliña a natureza extremadamente fráxil da actual recuperación económica global e amosa a necesidade de impulsar unha auténtica coordinación política capaz de acelerar as reformas da gobernanza económica global. Tense falado moito delas nos últimos anos, pero con escasos avances prácticos, tanto que todo fai temer unha repetición, agravada, de escenarios pasados.

 O ministro de finanzas xaponés, Taro Aso, dixo recentemente que as repentinas oscilacións nos mercados de divisas non eran desexadas, dando a entender que a súa carteira interviría no mercado para contrarrestar a rápida apreciación do yen en caso de ser necesario. E non só é Xapón. Todos os países con capacidade para iso, en maior ou menor medida vense tentados nun momento de desafío económico a adoptar políticas que poidan conter potencialmente un efecto de propagación. Xapón adoptara xa a acción infrecuente de taxas de interese negativas que, sen embargo, só fixo caer temporalmente o tipo de cambio do yen. Os mercados especulan sobre posibles accións semellantes por parte do Banco Central Europeo e tamén suxírese a posibilidade de que o Sistema da Reserva Federal de EUA podería ter que reverter as súas alzas nos tipos de interese. As consultoras din que os mercados están perdendo a confianza na habilidade dos bancos centrais para perpetuar a levitación dos activos de risco. E os cidadáns hai tempo que perdemos a confianza na vontade reguladora dos poderes públicos.

Toda esta situación salienta a necesidade de coordinación política e de esforzos globais que eviten depreciacións monetarias competitivas. As volatilidades reflicten as debilidades fundamentais no sistema monetario e financeiro internacional actual. As políticas enfocadas ao plano estatal son claramente insuficientes para condicionar a evolución nun mundo de compañías, divisas e fluxos de capitais globais. É un mantra que se repite ata a saciedade….

A necesidade de abordar esta situación xa quedou de manifesto ao inicio da crise de 2008 e cada día que pasa é mais urxente establecer respostas políticas que teñan en conta o feito de que os mercados están cada vez mais entrelazados e as economías son cada vez mais interdependentes.

Moitos dos desafíos recentes conducen ao desaliñamento dos ciclos monetarios globais ditados polo dólar e as condicións económicas dos mercados emerxentes. As reformas deben ter en conta ambos aspectos. O dólar como moeda soberana e como moeda internacional non sempre son compatibles. Por outra banda, a gobernanza económica global debe reflectir mellor o peso crecente das economías en desenvolvemento. Son dous escollos importantes para que as reformas avancen.

Os fundamentos económicos dinse sólidos e as oscilacións do mercado obedecen mais a nerviosismo que a feitos concretos, asegúrase. Non obstante, varios economistas consideran que a seria situación das institucións financeiras en Europa, sumado á posibilidade de que a Reserva Federal de Estados Unidos pospoña unha subida das taxas, desemboque nunha recesión económica global e un posible derrube bursátil similar ao de 2008.