20051128barcelona cumio euromediterraneo zapatero

Estratexia Euromediterranea: forma ou fondo?

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
Zapatero no Cumio de Barcelona, clic para aumentar
O Cumio Barcelona + 10 buscou o relanzamento do Proceso e segue mantendo a meta do 2010 para a liberalización comercial. Sen embargo, parece inxenuo pensar que o libre mercado, por si mesmo, pode facer fronte aos desafíos que, a día de hoxe, atravesan o Mediterráneo e, sen as reformas que fagan da área euromediterránea algo real, máis ben estaremos falando dos intereses estratéxicos en seguridade e comercio da UE, e dos beneficios que cobizosamente poderán apañar as elites políticas e económicas do Sur. (Foto: Barcelona, 28/11/2005. Jose Luís Rodríguez Zapatero en rolda de prensa ao remate do Cumio Euromediterráneo).
 

Europa, dende a descolonización, expresou sempre a vontade de manter unha política mediterránea ambiciosa, máis aló das preferencias das potencias hexemónicas que controlaban o planeta. Froito dese desexo foron os proxectos de cooperación que precederon á Conferencia Euromediterránea de 1995, como o Diálogo Euro-Árabe dos anos 70 ou a Política Mediterránea Global dos 80, que definían obxectivos de caracter comercial. Estes acordos, claves, facilitaron o acceso dos produtos deste países ao mercado comunitario de tal xeito que hoxe a UE é o seu maior socio comercial. Como contrapartida, a UE dirixiu cara estes países unha importante cantidade de investimento e, a un tempo, acentuou a dependencia enerxética e recibiu un considerable fluxo de emigración.

A insistencia nesta liña, confirmouse en 1990, cando se adoptou a Política Mediterránea Renovada coa declaración do Consello Europeo de Lisboa en 1992, seguida das iniciativas de Corfú (1994) e Essen (1994), que foron os antecedentes da reunión de Barcelona, en 1995, que fraguou unha estratexia de aproximación conxunta, coa intención de consolidar mecanismos de cooperación estables dentro dun contexto de fragmentación árabe e de recoñecemento da primacía estadounidense en cada recanto do planeta. Non obstante, o feito de optar por encamiñar as relacións euromediterraneas a través dun acordo de asociación, pon de manifesto que este empuxe, vai máis aló dun mero acordo comercial ou de cooperación, estendéndose a aspectos culturais, sociais e de seguridade que requiren unha integración máis profunda.

Hoxe, dez anos despois, de novo en Barcelona, anóvase este proceso e ponse de relevo a necesidade dun impulso político real que deixe atrás os minguados resultados dos anos anteriores.

As ambicións da Declaración de Barcelona 1995

A Declaración de Barcelona foi o froito dunha posición común entre os estados membros europeos que logo foi negociada coa Comisión e os países mediterráneos. O plan, que conxugaba aspectos económicos e de seguridade, nunha dimensión social, humana e cultural, repartíase en tres apartados: unha primeira orientación política tiña por obxectivo a definición dun espazo común de paz e estabilidade, que pretendía axudar á resolución de conflitos, consolidando o respecto das liberdades fundamentais e a construción do estado de dereito. No apartado económico e financeiro, perseguíase a construción dunha zona de prosperidade compartida, baseada no libre intercambio, e na cooperación técnica e financeira encamiñada á creación dunha Zona de Libre Comercio no 2010. E finalmente, unha aposta social e cultural poñía a vista no desenvolvemento das capacidades humanas, o fortalecemento da comprensión mutua entre culturas e o intercambio entre as sociedades civís no marco dunha cooperación descentralizada.

Principais Instrumentos

O Partenariado Euromediterraneo está formado por un enramado de organismos e instrumentos que, dificilmente, conseguen transcender a mera intención e establecerse como auténticos promotores dunha cosmovisión euromediterránea compartida e consensuada entre os cidadáns das dúas beiras do Mediterráneo.

O tronco base do proceso de Barcelona constitúeno os Acordos de Asociación Euromediterráneos. Son acordos bilaterais entre a UE e cada un dos países socios mediterráneos, e preséntanse como condición sine qua non para que os países da ribeira Sur poidan participar na suposta Zona de Libre Comercio planeada para dentro de cinco anos. Estes acordos tratan os variados aspectos que se quixeron incluír nas tres principais cestas da Declaración de Barcelona (económica, política e socio-cultural), pero é o capítulo económico o que, sen dúbida, máis desenvolven, sempre na liña da necesidade de que os países do Sur reestruturen a súa economía co modelo económico neoliberal como rumbo: aplicación de medidas liberalizadoras, supresión de barreiras comerciais, apertura dos sectores produtivos ao capital transnacional, redución da presenza estatal na vida económica, privatizacións…

A día de hoxe xa contan con acordos firmados Tunicia, Israel, Marrocos, Xordania, Exipto, Alxeria, a Autoridade Nacional Palestina, Líbano e Siria. E están ratificados e entraron en vigor, o de Tunicia, Marrocos, Israel, Xordania e Exipto.

O piar financeiro no que se sustenta todo o proceso represéntao o programa de axuda económica MEDA, que pretende ser o temón das reestruturacións necesarias nos estados da beira Sur para que se creen as condicións favorables á implantación do libre comercio na zona, así como servir de bálsamo aos costos socioeconómicos que xa se prevé que terán ditas reestruturacións.

Con esta finalidade, a primeira partida, 1995-2000, contou con 3.435 millóns de euros; e a segunda, 2000-2006, 5.350 millóns e, aínda que inclúen diferentes formas, ao longo do tempo van basculando máis cara a axuda crediticia que cara os fondos non reembolsables. Non é de estrañar, polo tanto, o importante papel que desempeña neste programa o Banco Europeo de Inversións. A súa distribución presenta tamén un marcado carácter bilateral, sendo bastante menor a proporción dirixida á cooperación rexional, o que matiza e mesmo contradí, en certa medida, o declarado espírito euromediterráneo.

Outros instrumentos, de vocación máis multilateral, deseñados durante o proceso son: a Asemblea Parlamentaria Euromediterránea, que pretende unha maior institucionalización do Partenariado; a Carta Euromediterránea, para a Paz e a Estabilidade, aínda non aprobada polas disensións en determinados aspectos como a concepción do terrorismo; o Fondo Euromediterráneo, de Inversións e Partenariado… todos eles, aínda, nunha fase moi embrionaria.

Limitacións

A Estratexia Europea veuse refreada polas relacións con EEUU, que limitan a capacidade de intervención política nunha zona que nunca abandonou e coa que mesmo estreitaron os lazos coa creación da Asociación entre EEUU e Oriente Medio, a IAOM (que forzou a reacción europea promovendo a Asociación da UE co Mediterráneo e Oriente Medio, AEMOM), ou os acordos bilaterais que mantén, por exemplo, con Marrocos, Exipto ou Xordania.

Dous conflictos que, lonxe de ser resoltos, persisten, dexenerando o proceso de integración rexional, son o do Sáhara Occidental e o conflicto palestino-israelí, para os cales o Partenariado Euromed ofrece tan só tímidas solucións. É no propio deseño onde agroman as dificultades, debido á inclusión de Israel nun grupo de países maioritariamente árabes, sen antes resolver os seus contenciosos; algo similar ao que acontece no Magreb relacionado co Sáhara Occidental.

A fin de contas, os resultados do proceso que botou a andar xa hai dez anos, son moi limitados, especialmente nas áreas políticas, sociais e culturais. A fenda económica entre as dúas beiras é hoxe maior ca entón, e o desemprego segue caracterizando ás sociedades do Sur, viradas, case á forza, cara o destino da emigración. As reformas políticas non pasaron de recursos cosméticos cos que manter a continuidade duns réximes autoritarios (pero moi receptivos á estratexia de expansión económica e comercial da UE), e os estereotipos seguen invadindo as relacións entre as sociedades das dúas vertentes. No económico, onde o énfase foi maior, tampouco se conseguiron as metas fixadas: as inversións europeas tardan en ir rumbo Sur, as reformas estruturais discorren lentas, Europa mantén os seus receos a baixar os aranceis en materia agraria…

Conclusión

Polo tanto, o Partenariado Euromediterráneo nace coa pretensión de converterse nun espazo de discusión dos problemas globais que envolven ao Mediterráneo, a través de plans de acción deseñados en conferencias ministeriais e de funcionarios, para afondar na cooperación. Sen embargo, contaba con limitacións dende o nacemento. A falta de autonomía respecto da lóxica das relacións globais, a asimetría dos participantes con diferenzas económicas e sociais alarmantes, a lentitude dos procesos de negociación e de ratificación, e as estruturas negociadoras onde, por un lado, negocia a Comisión en nome dos estados europeos e, polo outro, negocian doce países individualmente, sumiu o proceso de Barcelona na cacofonía, e nunha nova representación dun vello esquema, o desequilibrio das relacións Norte-Sur. Dificilmente pódese falar de cooperación euromediterránea cando as propostas parten da voz única do Norte, acompañada coa cenoura do financiamento, e son asumidas por un Sur dividido, que apenas coopera entre si.

O Cumio Barcelona + 10 buscou o relanzamento do Proceso e segue mantendo a meta do 2010 para a liberalización comercial. Sen embargo, parece inxenuo pensar que o libre mercado, por si mesmo, pode facer fronte aos desafíos que, a día de hoxe, atravesan o Mediterráneo e, sen as reformas que fagan da área euromediterránea algo real, máis ben estaremos falando dos intereses estratéxicos en seguridade e comercio da UE, e dos beneficios que cobizosamente poderán apañar as elites políticas e económicas do Sur. Proba diso foron as prioridades da axenda negociadora deste último cumio: controlar a inmigración e abordar o problema do terrorismo, ambos baixo a preocupación exclusiva da seguridade, enfoques moi estreitos para problemas tan complexos.

Artigo por Lara Barros Alfaro e Xosé Manuel Figueiras