agv fervor militar humanitario

Fervor militar… humanitario

Apartados xeográficos África ARCHIVO
Idiomas Galego

 Bombardeiro B1
A resolución 1973 do Consello de Nacións Unidas, órgao cuxa misión principal é velar pola paz e seguranza internacionais (aínda ben), chega nun momento en que a maior parte dos líderes occidentais se encontran nunha situación extraordinariamente delicada.
 

No final das contas parece que o pobre Gandhi, tan frecuentemente loado en todo tipo de tribunas, foi en realidade pouco escoitado e lido e, en todo o caso, amplamente ignorado. Os grandes valores, os máis altos, ben como as persoas que os representan, son levados en conta e magnificados… até que estorban intereses propios, máis ou menos importantes dependendo da integridade de cada persoa, partido político, medio de comunicación, etc. Pois dicía aquel pacifista, que nunca chegou a recibir o Nobel da Paz, que “non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”. Encontrámonos, non obstante, nunha especie de orxía político-mediática a prol dunha intervención militar en Libia, cuxo réxime político parece que agora interesa derrubar, cando aínda non hai tanto tempo que moitas das autoridades que agora o condenan pelexaban por entrar na famosa tenda do líder africano. Chega a percibirse até orgullo patriótico ao enumerar os aparellos militares e as súas virtudes e eficacia destrutoras, ou a importancia xeoestratéxica das bases militares españolas. Os medios móstrannos magníficos aparellos de última tecnoloxía. Sería interesante que, coa que está a caer, tamén fixesen referencia ao que custa construír e manter tan extraordinarios produtos do excelso esforzo público español en I+D+i.

A resolución 1973 do Consello de Nacións Unidas, órgao cuxa misión principal é velar pola paz e seguranza internacionais (aínda ben), chega nun momento en que a maior parte dos líderes occidentais se encontran nunha situación extraordinariamente delicada debido á crise de modelo económico que, desta vez, tamén azouta os países ricos. É notable a mudanza dos rostros de cartón, amargados por malas noticias económicas e sociais case diarias, por caras de gravidade, de seriedade, de grandes estadistas que anuncian medidas importantes desde a convicción de que teñen recursos máis que suficientes para, neste caso si, solucionar o problema. Gadafi ten armamento occidental, pero non está á altura das grandes potencias, máis aínda se son os mesmos Estados Unidos de Obama, este si con premio Nobel da Paz, os que promoven as accións. Con todo, xa se sabe que as cousas poden ser sempre máis complicadas do que parecen. Ou é que aínda non aprendemos isto? Alguén se preguntou canto diñeiro vai custar esta operación militar? Pero non chegaramos á conclusión de que só cabía cortar gasto público?

Non está nada claro que a intervención militar vaia ter unha repercusión positiva na rebelión social que está en curso en Libia. Gadafi chegou ao poder erixíndose en líder da independencia do país africano en 1969, expulsando as potencias estranxeiras. A intervención pode dar argumentos ao seu favor e debilitar as forzas de oposición. Timidamente, comezan a darse cifras de civís mortos a causa dos bombardeamentos occidentais. Tampouco está claro, pese á monolítica mensaxe dos medios maioritarios, que as contestatarias e contestatarios de Libia quixesen unha intervención exterior, e moito menos ao nivel a que se está a producir. A Liga Árabe, que se nos presentaba como firme apoiante da resolución, parece que xa non o é tanto. Tamén desde Tunisia se ten aseverado que é o movemento rebelde libio o único lexitimado para depor a Gadafi.

Oxalá, en todo o caso, este fervor defensor dos Dereitos Humanos se traslade a conflitos ben máis antigos, con moitísimas máis vítimas e escándalos, non en forma de intervención militar, senón de esixencias serias por parte da comunidade internacional. De paso, oxalá que leve tamén a esixir aos Estados Unidos, Israel, Marrocos… que ratifiquen o Estatuto de Roma, que establece a Corte Penal Internacional.