Flores para Pepe Castedo

Perdeu a guerra civil, na que exercera de lugartenente do “Capitán Félix”. Foi preso e logrou escapar do cárcere. Atravesando os Pirineos, chegou a París. Na capital gala logrou ser inscrito como refuxiado político, presentándose co aval de Julio Just, deputado valenciano de Izquierda Republicana. Tras anos de privacións no exilio na Europa democrática, en 1964 chegou a Pequín para ensinar español ás novas xeracións de chineses nacidos na revolución maoísta, participando na formación de numerosos intérpretes e tradutores, diplomáticos e xornalistas.

Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

Perdeu a guerra civil, na que exercera de lugartenente do “Capitán Félix”. Foi preso e logrou escapar do cárcere. Atravesando os Pirineos, chegou a París. Na capital gala logrou ser inscrito como refuxiado político, presentándose co aval de Julio Just, deputado valenciano de Izquierda Republicana. Tras anos de privacións no exilio na Europa democrática, en 1964 chegou a Pequín para ensinar español ás novas xeracións de chineses nacidos na revolución maoísta, participando na formación de numerosos intérpretes e tradutores, diplomáticos e xornalistas.

Pepe Castedo Carracedo era natural de Ferrol. Din que foi revisor da primeira edición en español do Libro Vermello de Mao e de parte da súa extensa obra. Wu Ruigen, alumno seu, conta que durante a Revolución Cultural expresou o seu desexo de trasladarse dende o Hotel da Amizade, construído polos soviéticos nos anos cincuenta para acoller aos especialistas estranxeiros con algunhas comodidades, para vivir na escola do Instituto de Linguas Estranxeiras (Beiwai, hoxe) e que lle reduciran o seu salario, pasando a compartir o desacougo daqueles anos difíciles en condicións moito peores pero coa satisfacción de ser fiel aos seus ideais.

Ata cinco republicanos ensinaron español nesa universidade: Alfonso Graíño, Ataúlfo Melendo, María Lecea, Quintina Calvo e el mesmo. Eran os equivalentes do grupo que ensinaba inglés, como o afamado David Crook, quen participara tamén nas Brigadas Internacionais, logo acusado inxustamente por Mao de “espía imperialista”. Fixérono, como lembra un alumno seu, Wu Ruigen, sen apenas recursos didácticos, botando man dos xestos e debuxos en encerados. Así foron algúns dos primeiros e esforzados pasos da que hoxe é segunda potencia económica do mundo e segundo socio comercial de América Latina.

O escritor e sinólogo venezolano Wilfredo Carrizales conta que o coñeceu a finais do 1976, amosándolle atesouradas fotos da Praza Tiananmen tomadas por el mesmo a comezos dos anos sesenta onde podían verse camelos bactriáns que chegaban en convoi desde o deserto de Gobi transportando mercadorías procedentes de Mongolia Interior. Pepe Castedo conservaba aínda a memoria das murallas, coas súas impoñentes portas, que rodeaban a capital imperial e cuxas derradeiras seccións foran derrubadas para construír a praza actual, un baldío inmenso de cemento.

O peruano Juan Morillo conta nas súas Memorias de un naufragio que por aqueles anos Pepe era o “Rei” dos expertos estranxeiros asentados en Pequín, con fama de vello extravagante e neurasténico pero en realidade un culto, intelixente e malxeniado galego que vivía rodeado de libros, discos, pezas de porcelana e rolos de pintura clásica de China. O ecuatoriano Juan Andrade Heymann tamén o menciona na súa novela Las tertulias de Sanlitum.

Morto Franco, en 1981 recibiu unha condecoración do goberno español, a orde de Alfonso X O Sabio, polos seus méritos pedagóxicos. Entón xa decidira regresar a España, primeiro a Málaga, onde viviu un tempo coa súa filla, e despois seica a Madrid. A inadaptación e peripecias persoais e familiares levárono pola senda dunha fonda tristura. Un día sacou a pistola que gardaba nun caixón e pegouse un tiro. Os chineses que foran seus alumnos téñeno na súa memoria e devecen por atopar o cemiterio onde poda estar soterrado para levarlle unhas flores.