Galicia e Portugal: relacións “interinas”

Como pode afectar a última crise portuguesa ás relacións con Galicia? Os últimos tempos teñen sido especialmente nefastos para a dinámica institucional das relacións transfronteirizas. Dende a dimisión do gabinete Guterres como consecuencia do fracaso socialista nas eleccións locais, á indefinición, primeiro, do responsable da Comisión de Coordinación da Rexión Norte (CCRN) e a posterior designación, efémera, de Arlindo Cunha, por mor do seu inesperado nomeamento ministerial e o subseguinte baleiro de poder, ata a recente dimisión de Durao Barroso e a reformulación do gabinete do PSD, as relacións bilaterais veñen atravesando momentos delicados. Así as cousas, a solución Sampaio, obviando a convocatoria de novas eleccións anticipadas, pode ser a mellor se é seguida dunha rápida designación dun novo responsable da CCRN. Quen levará ao ánimo de Pedro Santana esta prioridade?

As relacións entre Galicia e o Norte de Portugal dispoñen xa dende hai tempo dunha dinámica propia, consecuencia da multitude de vínculos e lazos que relacionan a ambas comunidades en diferentes ámbitos. A cobertura institucional ofreceu sempre, coas limitacións que se queira, un paraugas contextualizador, obrigado non soamente a dar fe da boa marcha das cousas, senón tamén a adiantarse a ese futuro que agora comeza a ser parte do noso presente: o horizonte problemático do acceso aos fondos comunitarios que van ser obxecto dunha merma considerable nos próximos anos como consecuencia do alargamento.

A febleza institucional da parte portuguesa, non querida pero irremediable en virtude da indecisión ou de crises imprevistas como a actual, agravada de vello pola asimetría político-administrativa, propicia un parón que afecta á posta en marcha de proxectos que se demoran de mais e condiciona o pensar o futuro das relacións bilaterais, preocupación que hoxe debía formar parte da axenda bilateral prioritaria.

Pero non nos enganemos, esa carencia é consecuencia doutra máis fonda aínda: a escasa vertebración da sociedade civil con capacidade de presión respecto dos poderes públicos para evitar marasmos e aguilloar impulsos. Os vínculos desenvólvense por inercia, sen lobby, en contextos segmentados, sen visión de conxunto, o cal resulta hoxe claramente insuficiente.

Nese contexto, o que nun tempo significou a actualización histórica do vello anceio galeguista de estimular as relacións con Portugal, animado agora pola versión transfronteiriza da construcción europea, corre o risco de inadaptarse aos novos tempos da limitación e progresiva ausencia de fondos comunitarios, como se ese interese fose o único modulador posible para relacionar ambas comunidades. Pero non basta con crer que a eurorrexión pode existir sen fondos comunitarios, senón que esa crenza hai que dotala de contidos e liñas de actuación; moitas delas están formuladas xenericamente, e reclaman disposición activa dos poderes públicos para implementalas. Coido que Galicia está disposta a tirar dese carro.

As relacións con Portugal constitúen un asunto esencial para a nosa Comunidade; e outro tanto acontece con Porto respecto a nós. Pero urxe pasar desa convicción aos feitos, dunha banda, superando tanto "interinato"; doutra, artellando mecanismos institucionalizados, á marxe do poder público, que cun sentido plural e aberto, participativo e bilateral, saiban tomar o pulso a cada momento animando as políticas e iniciativas que deben adiantar ese novo tempo que reclama o encontro entre as dúas beiras do Miño. E o tempo, xa se sabe, ou se aproveita ou se perde.