A delegación do CCCM encabezada pola súa presidenta, Carmen Mendes, contaba con persoal técnico do Museo e doutorandas e doutorandos en estudos asiáticos, de Portugal, China, India ou España, que o CCCM financia. Durante toda a semana a delegación desenvolveu unha intensa axenda de traballo en diferentes cidades galegas —Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo— para fortalecer os lazos institucionais, académicos, e culturais entre a Galicia e Portugal. As actividades enmarcáronsense dentro dun proxecto de mobilidades do Erasmus+, financiado pola Unión Europea.
Desde o IGADI enmarcamos o programa das actividades, na intersección das nosas liñas de traballo en -Paradiplomacia, -Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS) e -Observatorio de la Política China (OPCh), así como no seguimento e promoción da Lei galega de Acción Exterior e Cooperación e Desenvolvemento (2021) e a Lei Paz Andrade (2014).
Ao longo da semana desenvolvimos trece actividades, grazas a Visitas institucionais á Xunta de Galicia, aos Concellos de Pontevedra e Ferrol e ás tres Universidades galegas, na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, así como cinco Obradoiros temáticos, que atravesaron as relacións da Unión Europea e China, España e Portugal, así como os papeis orixinais nestas ecuacións de Macau e de Galicia.
Para a participación nos Obradoiros convidouse a todas as entidades e institucións que fan parte do Consello de Acción Exterior e do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, órgaos consultivos da Xunta de Galicia, polo que contamos coa colaboración desinteresada de ducias de persoas e entidades. Así as cousas, nas actividades participaron desde a Confederación de Empresarios ao xornal Economía Digital Galicia, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á Juventude Unida dos Países de Lingua Portuguesa, da Academia Galega da Lingua Portuguesa á Rede Galabra ou a Cátedra José Saramago.
Sintetizarei brevemente algunhas das ideas fortes que a secuencia de actividades nos deixou, no ánimo de resumir abruptamente o moi rico balance dos Obradoiros, así como, unha vez máis, apostar por unha Acción Exterior de Galicia máis coordinada e coherente, que aproveite todas as súas potencialidades.
A Policrise e o mundo que vén
Os Obradoiros producíronse no mundo do 2025, determinado pola incerteza, os riscos globais, a ruptura das normas internacionais do 1945 ou a transformación das alianzas tradicionais na xeopolítica planetaria. Nos últimos anos, popularizouse a idea da Policrise, para facer referencia a este novo entorno, no que se solapan emerxencias ambientais, disrupcións tecnolóxicas, tensións xeopolíticas ou desigualdades crecentes. Esta acumulación de riscos está a transformar os equilibrios internacionais e obriga a pensar en novas vías de diálogo, cooperación e posicionamento estratéxico para as próximas décadas.
A Unión Europea eIberoamérica
Nun mundo en transformación acelerada, a Unión Europea segue o seu camiño para definir unha Autonomía Estratéxica, tan desexada como por agora ausente dun perfil vigoroso. Trala guerra comercial e a crise de seguridade desatada por Donald Trump coa chegada do seu segundo mandato, o proxecto europeo está a procurar solucións de curto, medio e longo prazo, que preserven o seu modelo democrático ao tempo que defende o seu modo de vida e benestar colectivo.
España e Portugal, contan con atributos propios dentro do proxecto europeo que deben ser postos en valor, para a defensa dos seus intereses nacionais. Entre os variados elementos de converxencia entre España e Portugal no contexto europeo e mundial, Iberoamérica emerxe como un espazo intercontinental onde a diversidade cultural, forza demográfica e recursos naturais, convértena nunha área xeopolítica con potencialidades orixinais para un renovado protagonismo na gobernanza mundial.
Galicia, multiplicador de Iberoamérica
Galicia, situada no extremo atlántico europeo, non é allea a estas dinámicas globais e pode exercer un papel que vai máis alá do que tradicionalmente se lle atribuíu, para mellorar o seu modelo de desenvolvemento e polo tanto, maximizar as posibilidades de benestar colectivo para a sociedade galega.
Como a Estratexia Galega de Acción Exterior de Galicia 2025-2029 da Xunta de Galicia, pon en valor,Galicia posúe unha singularidade pouco replicable: é o espazo natural de encontro, de ponte, entre o universo lusófono e a comunidade hispanofalante, un espazo de converxencia entre ambas as dúas grandes familias lingüísticas que compoñen Iberoamérica. Esta posición—resultado da historia, da cultura e das relacións establecidas no tempo—permite pensar Galicia como ponte e catalizador entre mundos con potencialidades para afrontar os desafíos globais de maneira conxunta.
Ordenar as autoestradas globais de Galicia
A posta en valor do perfil internacional de Galicia non é un exercicio retórico, é un compoñente esencial do seu modelo de desenvolvemento, para hoxe e para o futuro. Nun escenario no que os territorios compiten por atraer talento e investimento, Galicia conta, de coidar a súa Acción Exterior, con atributos propios para facer o territorio máis competitivo, no marco español, ibérico, europeo e mundial.
A internacionalización da nosa economía e cultura, é parte do camiño para construír resiliencia nun mundo incerto. As relacións con Asia e África, grandes polos emerxentes das transformacións mundiais en curso, precisan dunha mirada renovada, e nese sentido, as relacións con Macau e Portugal (non só a Eurorexión) poden ter un papel propulsor.
Dotar dun mínimo de coordinación e coherencia aos esforzos internacionalizadores xa en marcha en Galicia, da Xunta, ás cidades e as Universidades, sería con certeza unha garantía para navegar o mundo actual cun perfil competitivo moito máis sólido. Galicia conta cun marco normativo excepcional para facelo posible, fai falla determinación para pasar do papel aos feitos, das oportunidades ás posibilidades reais. Non temos que gastar máis, hai que ordenar o que xa estamos a facer.

