ideaseideaisparasernosnomundo

Galicia no mundo multipolar dos anos 20

Nun mundo máis líquido que o da vella Guerra Fría mais onde as interdependencias e a conectividade son maiores, as alianzas aínda que estables, non solidifican como nos vellos tempos. Nesa nova atmósfera, na UE xeopolítica que está a nacer de maneira desperezada coa invasión rusa de Ucraína, dinamízase un proceso de articulación pendente que debera desenvolverse durante a próxima década, o da súa acción exterior.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Alén da resposta inmediata na guerra, outros mecanismos de distinta natureza foron activados para o medio e o longo prazo por medio de distintas declaracións os últimos meses, que teñen no Exército europeo un elemento nuclear para os escenarios de futuro e para a propia supervivencia do proxecto comunitario. Nesa UE con voz global será imprescindible coordinar os intereses da UE cos intereses nacionais, así como os destes e os intereses particulares das súas rexións máis caracterizadas. E nese dilema de intereses compartidos, dentro e fóra do espazo europeo, xogarase a propia orixinalidade e futuro da UE tal como a coñecemos.

Nesa especialísima escena do futuro que xa é hoxe dunha UE global para a década dos 20, España e Galicia teñen atributos de valor para identificarse cunha UE cun diálogo especial coas Américas e África, mais tamén con pontes de conversa co resto do mundo, facilitando e multiplicando a triangulación virtuosa co portugués e o castelán que en Galicia temos. A conexión galega coas Américas desde a diáspora e a lingua, espállase polo resto do mundo, desde os Países Africanos de Lingua Portuguesa até o Macau da China, ou a vella e a nova diáspora global en calquera recuncho do planeta. Tendo capacidades e traxectoria, e até marcas como o Xacobeo e os Camiños a Santiago, atender con atención o conxunto destas relacións é un bo investimento.

Todo este perfil internacional caracterízanos de maneira singular na UE, como de facto xa acontece coa Eurorexión. Temos un territorio, cultura e potencialidades de alto valor para o mundo que nace, que hai que protexer e valorizar no contexto español e europeo, ligando a nosa propia conectividade internacional co coñecemento e a innovación, as TICS, as enerxías verdes e azuis... Por todo este capital acumulado en Galicia hai unha Lei de Acción Exterior e os gastos en internacionalizar Galicia son ben identificables, indo máis alá do xa inevitable despregamento das administracións públicas para artellarse na Unión Europea, como por exemplo coas convocatorias de axudas para empresas para promover a internacionalización das nosas empresas (especialmente o IGAPE, mais tamén en industrias e galerías culturais, tradución, deportes...) a relación coa emigración e os centros galegos polo mundo, a moi forte aposta turística de todas as administracións galegas (destacando o Xacobeo como proxecto máis voluminoso), os impulsos para desenvolver a Lei Paz Andrade, a rede de lectorados e centros de estudos galegos por Universidades de 4 continentes, as políticas de Cooperación para o Desenvolvemento, a promoción de eventos internacionais, de Congresos a grandes concertos...

Fóra dramatismos, a realidade ameaza con escasez e unha prosperidade común cada vez máis delicada de saúde, así como ameazas novidosas dun mundo hiperconectado. Na Galicia dos anos 20 faise preciso teimar coa necesidade de valorizar un capital altamente sensible e valioso no planeta actual: o capital relacional de Galicia no mundo, así como afinar todo o investimento económico que xa se está a facer na cuestión.

Temos unha nova oportunidade coa próxima Estratexia Galega de Acción Exterior da Xunta de Galicia, que agárdase será negociada nos próximos meses. Máis alá de grandes titulares, a mellor nova sería definir por fin uns compromisos mínimos de coordinación, programación e avaliación, para monitorizar e dar valor a todo o que xa se fai, que é o máis urxente. Sería un salto cualitativo na gobernanza e competitividade da autonomía como nacionalidade histórica para o mundo que vén.