Hong Kong: dun esvarón a outro

A Corte Suprema de Hong Kong pronunciouse recentemente a favor das teses do goberno central en Beijing invalidando a toma de posesión no Consello Lexislativo de dous deputados independentistas que violaron as normas da Lei Básica ao prestar xuramento. O fallo prodúcese despois de que o Parlamento chinés emitise o seu propio ditame. Os xuíces da Corte Suprema aseguraron que a súa decisión sería a mesma sen importar o sentido da intervención preventiva de Beijing. A interpretación que dimana do poder central é vinculante pero mírese como se mire dana a imaxe da autonomía de Hong Kong. 

A Corte Suprema de Hong Kong pronunciouse recentemente a favor das teses do goberno central en Beijing invalidando a toma de posesión no Consello Lexislativo de dous deputados independentistas que violaron as normas da Lei Básica ao prestar xuramento. O fallo prodúcese despois de que o Parlamento chinés emitise o seu propio ditame. Os xuíces da Corte Suprema aseguraron que a súa decisión sería a mesma sen importar o sentido da intervención preventiva de Beijing. A interpretación que dimana do poder central é vinculante pero mírese como se mire dana a imaxe da autonomía de Hong Kong. 

Beijing, visiblemente irritado co proceder dos lexisladores partidarios da independencia da súa autónoma Rexión Administrativa Especial, promoveu unha decisión da Asemblea Popular Nacional (APN) para interpretar o art. 104 da Lei Básica da ex colonia británica, reforzando a condición imperativa do respecto á lei vixente para poder asumir cargos públicos. Varios miles de persoas, incluíndo centos de avogados, manifestáronse en Hong Kong en apoio dos deputados díscolos pero, como era de esperar, serviu de pouco. As posibilidades de rectificación son nulas. 

A intervención da APN na disputa cun pronunciamento urxente e sen esperar ao ditame da Corte Suprema de Hong Kong, deixou en evidencia as présas de Beijing por poñer coto ás posibles dúbidas ou vacilacións. É a primeira vez que as autoridades centrais interveñen nun caso xudicial pendente sen unha solicitude do goberno ou do poder xudicial de Hong Kong.

Esa interpretación da APN deu ás ao temor dunha posta en dúbida da autonomía do territorio e a independencia xudicial, dous alicerces esenciais da fórmula “un país dous sistemas” que é referencia aínda da retrocesión da ex colonia. A rápida reacción de Beijing evidencia a profunda preocupación existente no goberno central respecto dos movementos independentistas. Quere cortar polo san antes de que poida ir a máis. 
Nas conmemoracións do 150 aniversario do nacemento de Sun Yat-sen, a mensaxe do presidente Xi Jinping aos secesionistas de todo signo non puido ser máis contundente: non haberá titubeo algún. Quizá o principal destinatario fose Taiwan, hoxe gobernado polos soberanistas con maioría folgada, pero sen dúbida o enrarecemento da situación en Hong Kong tamén planeaba no ambiente. En Tibet ou Xinjiang impera a sordina.

A situación política en Hong Kong está adquirindo signos de inestabilidade crecente desde a irrupción do “Movemento dos Paraugas” (2014) e o fracaso da reforma electoral. Quizá fose aconsellable avaliar a viabilidade da política trazada e das causas que levaron a isto, non só atribuíbles á instigación dun puñado de mozos críticos coaligados con terceiros países interesados en desestabilizar China. 

A longa crise de Hong Kong tamén ten os seus impactos no liderado do PCCh. Non falta quen remita a Beijing para explicar o atoramento da situación e advertir da ameaza de colapso. O pulso librado en Hong Kong reflectiría unha loita de poder no PCCh que afectaría a Zhang Dejiang, o presidente da APN e responsable último da situación, próximo ao clan de Xangai, con quen Xi estaría insatisfeito; pero tamén ao xefe executivo Leung Chun-ying e ao responsable da oficina de enlace, Zhang Xiaoming. Xi é decididamente partidario dunha maior intolerancia cos chamamentos á independencia, cortando de raíz calquera veleidade neste sentido. 

A comezos dos anos 80, en Galicia, os tres deputados obtidos polo nacionalismo de esquerdas representados no BNG-PSG negáronse a acatar a Constitución, polo que foron expulsados do hemiciclo. Catro anos despois, o seu único deputado non vacilou en corrixir o erro. Quizá tamén os lexisladores hongkoneses débeno pensar mellor.