Horas baixas

A socialdemocracia europea non semella capaz de levantar cabeza. Coa honrosa excepción da Grecia dos Papandreu, onde o PASOK saíu amplamente vitorioso nas eleccións do pasado 4 de outubro e da vitoria pírrica de Sócrates en Portugal, en Alemaña, Francia, Italia e, en breve, no Reino Unido, os partidos socialistas aventuran unhas expectativas claramente derrotistas, o que leva a non poucos a pensar se estamos ante unha crise pasaxeira ou, pola contra, tan fonda como para revolucionar o mapa político europeo.

Nas lexislativas do pasado 27 de setembro, o SPD apenas superou lixeiramente o 23% dos votos, o resultado máis mediocre da súa historia recente, confirmando a tendencia que se ven afirmando nos últimos anos na UE, marcada por ese signo do afrouxamento do peso político da socialdemocracia. Mentres os conservadores (33,8% dos sufraxios) confirman a nova alianza cos liberais do FPD (14,6%), o sucesor de Franz Müntefering á fronte do SPD, Signar Gabriel, medita unha aproximación a Die Linke, formación xurdida da fusión entre os post-comunistas da Alemaña do Leste e os disidentes de esquerda do SPD liderados por Lafontaine. Die Linke obtivo o 12% dos votos, e seguen coa súa tendencia á alza, cun electorado fidelizado.

En Francia, a derrota socialista nas eleccións europeas de xuño (16,48% dos votos) non semella influír na superación dunhas tensións internas no socialismo galo que semellan non ter fin, erosionados pola dereita e pola esquerda, con escasas posibilidades agora mesmo de proxectar un candidato que poida facer fronte a Sarkozy en 2012, correndo o risco de non pasar a unha hipotética segunda volta, que sería disputada polo centrista Francois Bayrou.

En Italia a situación é moito peor aínda. Walter Veltroni dimitiu en febreiro da presidencia do Partido Demócrata, despois de colleitar varios reveses electorais. O seu actual substituto, Dario Franceschini, asume un mandato transitorio. A incerteza sobre o futuro é total. Os problemas de Berlusconi non son coa oposición.

No Reino Unido, o primeiro ministro Gordon Brown foi dilapidando pouco a pouco o capital electoral residual que lle puidera ter deixado Tony Blair, xa en franca decadencia no momento de abandonar o 10 de Downing Street, e todo indica que unha severa derrota marcará o seu enfrontamento con David Cameron nas próximas eleccións lexislativas.

En tempos de crise económica, algúns analistas sinalan que os electores tenden a escorar cara a dereita, capitalizando esta os exercicios de “responsabilidade” das formacións socialdemócratas, como aconteceu con toda nitidez en Alemaña. Non obstante, vinte anos despois da caída do muro de Berlín, a socialdemocracia parece sumida na ambigüidade dun discurso que tanto combina as tradicionais mensaxes de protección social como acepta o desenvolvemento de políticas económicas dificilmente compatibles co seu ideario ou amósase incapaz de ofrecer propostas suxerentes que permitan superar o actual marasmo comunitario nun tempo en que a a sociedade internacional estraña a súa ausencia. Controvertidas decisións (como o apoio a Durao Barroso para un segundo mandato á fronte da Comisión Europea) contribúen á natural confusión entre un electorado que reclama e agradece claridade, cohesión e coherencia.