A meirande parte dos galegos no exterior habitan no continente americano (77,26%), seguido por Europa (21,59%), Oceanía (0,38%), Asia (0,28%) e África (0,19%). Os países nos que se asentan os galegos no exterior son, con datos da Xunta de Galicia e por orde, Arxentina (180.500 persoas nacidas en Galicia ou descendentes de galegos), Brasil (+50.000), Cuba (case 47.000), Suíza (+41.000) e Uruguay (+40.000). Dentro de Europa, destinos como Francia (case 20.000 galegos), Alemaña (máis de 17.000) e Reino Unido (máis de 15.000) son os destacados tras o país helvético. En Asia, Emiratos Árabes (case 300) e China (200) son os destinos máis numerosos, seguidos por Xapón (163), mentres que en África son Marrocos (case 200), Sudáfrica (181) e Senegal (case 100) os principais lugares de asentamento da nosa diáspora.
Cando falamos de emigración galega normalmente evócase aquel éxodo masivo acontecido especialmente durante o século XIX e principios do XX, consecuencia da pobreza e falta de oportunidades laborais no país. Naquela altura, os fluxos de galegos dirixíronse principalmente cara Arxentina. O país da prata contaba cun rápido desenvolvemento baseado na exportación de produtos agrarios e outras materias primas, o que o convertía en ávido de man obra. O drama da fuga, ademais de humano, supuxo un lastre ao desenvolvemento rexional consecuencia da perda de gran parte da man de obra e dos recursos produtivos. Con todo, a resiliencia dos emigrados permitiu que moitos deles lograsen implicacións positivas para os seus países de destino e para Galicia. Os emigrantes galegos emprenderon e aportaron man de obra en sectores como a construción, a agricultura, a pesca, os servizos domésticos, a industria manufactureira e o sector servizos, ademais de investir en negocios e contribuír ao crecemento económico e á creación de emprego nas sociedades de acollida. Por outra banda, estes emigrantes con frecuencia lograban enviar remesas de diñeiro ás familias en Galicia, o que axudaba a estas non só a aliviar a pobreza, senón en ocasións a financiar proxectos locais. Un exemplo disto sería a onda de alfabetización da que se beneficiaron algunhas zonas de Galicia, como A Mariña, grazas aos investimentos dos emigrados a Cuba na creación de escolas. Ademais, os retornados adoitaban regresar á terra con novos coñecementos e tecnoloxías, o que lles permitía introducilas nas economías locais e lograr vantaxes competitivas.
Xa no século XXI, o drama da emigración non desapareceu. Mais a pesar diso, e froito do desenvolvemento secular da rexión, algunhas mudanzas é posible observar neste fenómeno. A día de hoxe, o volume oficial de emigrados sitúase en arredor dunhas 8.000-9000 persoas anuais. Non nos enganemos, continúan a ser moitos. Mais o perfil do emigrado galego mudou. O perfil do emigrante galego actual é un perfil con estudos superiores. Enxeñeiras, médicas, informáticos, investigadoras e doutoras, enfermeiros, ou profesionais da formación profesional con estudos en mecatrónica, automoción, caldeiraría ou electricidade. Uns recursos humanos nos que se investiron gran cantidade de recursos públicos non aproveitados. Este persoal cualificado ten un enorme potencial para tecer redes no exterior, abrir portas ao empresariado galego a cooperar no entorno internacional, lograr avances tecnolóxicos, e, en definitiva, a innovar grazas ao coñecemento que pode ser compartido. Tanto, que as diferentes administracións comezan a ser conscientes desta realidade, ofrecendo nalgúns casos programas de formación con retorno aos galegos residentes no exterior. Mais iso non é suficiente. Con esa idea de fondo, desde o IGADI levamos a cabo o 24 de xullo o Maratón de Galeguidades. Unha experiencia singular de innovación en liña coa diáspora galega, contactando, visualizando e poñendo en rede a máis de 100 galegos no exterior, de 27 países, nos 5 continentes, grazas ao traballo de 127 colaboradores. Todo un éxito.