Interrogantes cubanas

Tal e como cabía agardar, aprazouse a convocatoria do VI Congreso do Partido Comunista de Cuba. Argumentase como razón a delicada situación que atravesa o país. Non obstante, non parece razón suficiente. Os comunistas, en todo o mundo, teñen realizado Congresos ata na clandestinidade. Cinco congresos en 50 anos de exercicio no poder é unha marca, á baixa, difícil de superar e pouco recomendable. Os problemas do VI Congreso son dous: un, como resolver o problema do secretario xeral, que sigue sendo Fidel, un problema que non debería selo e onde se bota de menos certa falta de coraxe do propio Fidel; e segundo, que liña a aprobar. Abrir outro gran debate nacional, como xa se fixo no outono de 2007, pode conducir a outra canella sen saída. Moitas das esixencias formuladas pola poboación, sen cuestionar o sistema político, requiren un cambio de modelo, pero ese cambio provoca un medo indisimulable en certas alturas. Non é só unha cuestión de ritmos. Nin de tempo.

As declaracións de Raúl o pasado 26 de xullo semellan un auto de fe, comprensible na súa posición, pero que, probablemente, sabe a pouco entre esas novas xeracións invocadas, onde medra a impaciencia e a desconfianza con respecto ao futuro. Pouco ou nada se sabe sobre o cambio ou non de modelo económico, se o asunto está de verdade na axenda. A elección entre o aumento das desigualdades ou o agravamento da pobreza e a ruina constitúe unha tesitura delicada, pero será moi difícil gañar eficiencia sen botar man dos estímulos e os mecanismos mercantís. Por outra banda, os problemas de Cuba afectan á economía, en primeiro lugar, pero tamén ao seu dinamismo político, condicionado por unha institucionalidade moi feble. A clave está en garantir a independencia, como dixo Raúl. Pero unha Cuba soberana precisa unha economía forte e sostible. E para logralo, non bastará con situar a militares nos postos de mando das empresas estratéxicas ou á fronte de provincias onde a xestión é deficitaria para que actúen alí coma nos cuarteis. O problema é estrutural.

Quizais esa anunciada edición dun dicionario de máximas do pensamento do Fidel, a imitación do libro vermello de Mao, indique un camiño, se ben non sabemos se é a antesala dunha radicalización esquerdista do proceso ante a imposibilidade de endereitalo, ou o inicio dun tanteo coa experiencia chinesa, tantas veces citada nos mentideiros políticos pero sempre ninguneada na práctica. O que si non pode Cuba é permitirse o luxo de seguir mareando a perdiz por máis tempo. Os riscos poden resultar demasiado grandes.