iraq escola bombardeada

Iraq baixo Bush

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego
 Escola bombardeada, clic para aumentar
Coa invasión perdeuse un sistema educativo en funcionamento. Fálase de que un 84% dos establecementos de educación superior foron destruídos, danados ou saqueados.
 

William Blum (que nada ten que ver con Allan Bloom, un dos inspiradores dos neocons,) publicou un luminoso artigo en CounterPunch, que pode ser consultado na rede (www.rebelion.org) no que resume as razóns polas que Iraq está hoxe moito peor que con Sadam. O artigo baséase nunha información dun relixioso xií que ten sona de moderado e que foi facilitada ao corresponsal no estranxeiro de National Public Radio, Loren Jenkins.

Coa invasión perdeuse un sistema educativo en funcionamento. Fálase de que un 84% dos establecementos de educación superior foron destruídos, danados ou saqueados. Miles de académicos fuxiron ao exterior, outros foron secuestrados ou asasinados, e arredor dun millón de xente da clase media máis educada, vital para o país, refuxiouse en Exipto, Siria e Xordania.

Destruíuse e saqueouse o antigo patrimonio do país, pode que o maior arquivo do pasado humano. Na sociedade non rexe a lei e a lei islámica levará a un claro retroceso, pois, fóra da esfera política, había un sistema xudicial laico que din aceptable. Non existen os dereitos das mulleres e os homes poden ser acusados por poñerse bermudas en público.

A invasión fixo que se perdese o sistema de atención sanitaria en funcionamento, ou sexa, a perda da saúde pública. Infeccións mortais, tifos e tuberculose arrasan o país. A rede iraquí de hospitais e centros de saúde, antes admirada no Oriente Medio, quedou practicamente desfeita pola guerra e os saqueos. Respírase uranio empobrecido, que infecta a auga, a terra, os xenes e produce nacementos con deformacións. E foi usado tamén o napalm e o fósforo branco.

Os invasores esforzáronse especialmente na humillación do país nese verdadeiro gulag de prisións dirixidas polo exército USA e o goberno títere indíxena. Unha área "di Blum" de desastre dos dereitos humanos. Máis de 50.000 iraquís foron encarcerados polos invasores e moi poucos condenados. O comercio sexual, antes inexistente, é hoxe un problema. O desemprego ascende a case un cincuenta por cento. Acelerouse a carestía da vida e caeron os ingresos.

O relatorio que fai Blum é mesmo arrepiante. Suxiro que se consulte a xa citada páxina na rede. Aquí só podemos dar un pequeno resume. A conclusión do relixioso xií é contundente: "prefiro ver a Iraq baixo Sadam Husein que tal como está agora".