Iraq fóra de control

Apartados xeográficos Oriente Medio ARCHIVO
Idiomas Galego

Un xornal, no mesmo día, infórmanos de que os EEUU, nun ataque de precisión contra muyahdins, bombardean Faluya e matan a 19 mulleres e nenos, así como de que líderes sunitas os acusan de seren eles os que están impedindo a liberación dos franceses retidos por certo grupo islamita. E de que Alemaña pide aos seus cidadáns que saian con urxencia de Iraq. Sen esquecer os apresamentos colectivos, verdadeiras redadas , como en Latifiya, e as casas que a aviación converte en lixo.

Un informe feito público a semana pasada polo Centro de Estudios Internacionais, en Washington, sostén que o desemprego, en Iraq, hai que situalo entre o 25% e o 60%, que a metade da poboación vive na pobreza, que a metade dos nenos deixan de ir á escola antes de cumprir o 12 anos e que a corrupción é práctica xeneralizada ata os niveis máis altos do goberno. Por iso, o informe suxire, entre outras cousas, ir pensando nunha retirada honrosa.

Polas mesmas datas, o enviado especial de Le Monde en Bagdad di que os americanos van camiño de perder o control de Iraq e que mentres a resistencia se reforza, os exércitos da coalición son retirados e abandonan territorios enteiros máis alá do triángulo sunita. E conclúe que bombardeos e incursións mortais non abondan para afogar a rebelión.

Así as cousas, non é de estrañar que un importante xefe relixioso manifeste que "é certo que os americanos matan moitos civís… mais estas violencias levan ao pobo iraquí a unirse pouco a pouco á resistencia". De onde se sigue que o principal axente para o recrutamento da guerrilla é o exército americano, que pola súa brutalidade pon á xente nos brazos da rebelión.

O problema é ¿ata cando? A política de terra queimada que, ao parecer, lle ensinaron os israelitas ás forzas de ocupación en Iraq, e que todo indica que vai seguir, e ao mellor nunha grande escalada, non parece que poida levar a ningures. E menos a esa cínica visión de Buh, que ven de declarar que o seu país "quere impulsar a esperanza, o progreso e a liberdade como alternativa aos odios, o resentimento e a violencia", Pois "dixo tamén- "para crear un mundo máis seguro hai que construír un mundo mellor". ¡Meu Deus!