“La muchedumbre”

Tamén aquí chegou a contemplarse case como inevitable o trunfo do golpe e a imposibilidade do regreso de Hugo Chávez á presidencia. Durante meses foisenos preparando para asumir que máis tarde ou máis cedo a experiencia bolivariana sería afogada polas múltiples resistencias internas e externas. O domingo pola mañán, sen embargo, era difícil saír do asombro ante a firme resistencia de numerosos cargos institucionais e mandos militares e o regueiro inmenso de parias (la muchedumbre) que esixían proseguir a revolta daquela denuncia de Uslar Pietri: o estado é rico e a poboación pobre. A dereita máis rancia estaba detrás dunha trama que con seguridade contaba con complicidades exteriores. O signo dos decretos emitidos en soamente vintecatro horas, as mesmas que durou o efémero mandato do empresario Pedro Carmona ao fronte da súa "cuerda de locos", non deixa lugar a dúbidas: saírse da OPEP, cortar o subministro de petróleo a Cuba, disolver a Asemblea constituínte… todo en interese da Patria, naturalmente, e de Estados Unidos, donde tamén foi evidente o xúbilo inicial: gran celebración en Miami que amosaban a cachón as televisións locais e a propia CNN, cun nivel de parcialidade compartida polos numerosos medios de comunicación afins en medio mundo.

O mal disimulado xúbilo polo éxito da estratexia implementada pola patronal Fedecámaras e a Confederación de Traballadores de Venezuela contrasta sen embargo co esforzo que os medios de comunicación realizan agora para presentarnos a Chávez como un autócrata populista, como un dictador dotado de especiais habilidades oratorias coas que seduce "a la muchedumbre". Mentres todo era comprensión cando Carmona anunciou a demora dun ano na chamada ás urnas, a chamada prensa democrática que evitou cualificar de golpe a interrupción da legalidade constitucional, alude reiteradamente á inexistencia de intención algunha de convocar novas eleccións por parte de Chávez. Todos consideraban normal que o breve Carmona anunciara a celebración dun xuízo ao Presidente como responsable das mortes do 11 de abril, e agora resulta que o trato a Carmona e aos participantes na conspiración cívico-militar vai ser a proba do algodón da pureza democrática do chavismo. Non hai a mínima tregua para celebrar a recuperación da normalidade institucional e un tendencioso vocabulario (depuracións, purgas, destitucións, etc) asoma por todas partes.

¿Intolerancia máxima con Chávez e mínima con Sharon? Esa comunidade internacional que sitúa o respecto democrático como norma elemental da convivencia e das relacións entre os Estados dixire mal que o sistema poida "pervertirse" ata tal punto que poida chegar a ser útil ás necesidades e intereses dos menos favorecidos. Pero se non se pode entender a democracia sen pluralismo "e mesmo alternanci" cómo non admitir a posibilidade de vertebrar expresións diferentes do sistema en función das circunstancias concretas de cada sociedade?

O risco dun conflicto civil non foi superado de todo. O exército e a sociedade permanecen divididos. Non é o momento de expedir cheques en branco a ninguén, pero si de plasmar un mínimo de esperanza. Chávez debe realizar un importante esforzo por recompoñer o seu movemento, con numerosas fugas nos últimos tempos, e alargar a man aos sectores democráticos da oposición, illando aos máis recalcitrantes. Non é unha tarea doada nun país donde a fragmentación política expresa tamén un profundo abismo social no que a pesar de "Petróleos de Venezuela SA", a peor parte é asumida por máis dun 70 por cento da poboación.

A continuidade de Chávez en Venezuela, as esperanzas dun trunfo de Lula da Silva no Brasil e a consolidación de movementos sociais alternativos en Arxentina constitúen hoxe factores de estímulo para xerar un novo clima en América latina, un novo polo de poder, como dicía Chávez ao comezo do seu mandato, para facer valer os seus intereses específicos fronte a ALCAs e outros proxectos de dominio do subcontinente. Tamén esas nubes poden explicar estas chuvias.