Libia: unha perigosa “odisea” occidental

Apartados xeográficos África ARCHIVO
Idiomas Galego

Baixo o paraugas da protección á poboación civil, a resolución 1.973 do Consello de Seguridade da ONU na que se aplicaba unha zona de exclusión aérea en Libia que deu paso a unha serie de bombardeos por parte de EEUU, con apoio dalgúns países árabes europeos, entre eles España, considera un punto de inflexión sumamente estratéxico dentro da crise libia que estoupou a finais de febreiro cunha aberta confrontación armada entre as tropas leais ao presidente Muammar al Gadafi e as forzas rebeldes, principalmente asentadas na rexión oriental da Cirenaica.

A resolución da ONU e os bombardeos dunha coalición conformada apresuradamente de feito, ocorreu nun momento en que as tropas de Gadafi preparaban o asalto final de Bengasi, bastión das forzas rebeldes. Pero a implicación internacional a través da zona de exclusión aérea encamiña a Libia a un destino similar do presentado en Iraq entre 1991 e 2003, que levou ao illamento internacional contra o extinto réxime de Saddam Hussein e a materialización dun proceso de “balcanización” e separación territorial nese país árabe.

O dobre raseiro da ONU e de Occidente

O visible apresuramento occidental por propiciar unha inmediata resolución de forza contra Gadafi desestimou calquera iniciativa de negociación internacional orientada a solucionar a crise libia, tal e como se presentou a mediados de febreiro por parte do presidente venezolano Hugo Chávez, e que contou coa anuencia do propio Gadafi e dalgúns países latinoamericanos e árabes.

Igualmente, non semella existir unha concreción absoluta de intereses entre a Unión Europea e a OTAN á hora de propiciar os mecanismos básicos para centralizar e dirixir as operacións militares contra Gadafi, denominada “Odisea ao Amencer”. Diversos países, como Noruega, Alemaña ou Turquía, amosaron a súa disconformidade cos bombardeos e o uso da forza militar en Libia.

A resolución adoptada pola ONU o pasado 17 de marzo foi defendida por países como o Líbano, Francia, EEUU e Gran Bretaña, pero contou coa abstención de Rusia, China, Brasil, India e Alemaña. Esta resolución tamén contou co apoio de países árabes aliados de Occidente, como Catar, Arabia Saudita, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos, algúns deles incluso dispostos a intervir militarmente en Libia baixo o paraugas dunha coalición internacional. Incluso, a Liga Árabe terminou aceptando a zona de exclusión aérea e a apertura de sancións contra Libia.

Compre así observar unha perspectiva de “dobre raseiro” por parte da ONU e de Occidente á hora de tratar a crise libia en comparación con outras crises, como a presentada en Bahrein, brutalmente reprimida polas forzas oficiais con apoio militar saudita. A diferenza do que sucede en Libia, as monarquías petroleiras do Golfo Pérsico, severamente atemorizadas ante a perspectiva de expansión da rebelión popular árabe nesa rexión, contando cun tácito apoio da ONU á hora de non condenar a represión en Bahrein.

Nin Washington nin a ONU emitiron resolucións de condena contra esta represión, timidamente abordada por unha opinión pública internacional mediatizada polo desastre natural e nuclear en Xapón. No contexto interno, a preocupación occidental se limita á posibilidade de observar en Bahrein un experimento de reformas democráticas que afecte o equilibrio xeopolítico e as alianzas estratéxicas, especialmente ante a eventualidade dun conflito aberto no Golfo Pérsico entre Arabia Saudita e Irán, erixido este como o defensor das comunidades xiítas.

No marco da discusión na ONU sobre a crise libia, diversos medios especularon con que Washington non estaba completamente convencido de aplicar unha solución militar contra Gadafi. De feito, e a diferenza de Francia, EEUU non recoñeceu ata agora oficialmente aos rebeldes libios contra Gadafi como unha entidade politicamente lexítima, aínda que si amosou a súa conveniencia en atacar ao líder libio.

Esta perspectiva de ataque estaba presente na adopción da resolución da ONU, tal e como precisou o embaixador ruso ante a ONU, Vitaly Churkin, queixándose do marcado linguaxe militarista utilizado para defender a zona de exclusión aérea e a utilización da forza en Libia.

Como sucedera en Iraq xusto fai 20 anos, o eixe actualmente conformado entre  Washington, Londres e París está decidido a reproducir un escenario similar agora en Libia. Pero, contrario ao que sucedeu coa zona de exclusión aérea en Iraq e a posterior invasión militar contra ese país en 2003, nesta ocasión Washington coidou moito en garantirse o apoio da ONU a esta zona de exclusión aérea e, potencialmente, á intervención militar en Libia.

Compre tamén observar que o apresuramento da intervención da ONU en Libia contrasta con escenarios igualmente identificados como crises humanitarias, como Sudán, nas que a reacción internacional tardou considerablemente en aplicarse. Este exemplo cuestiona severamente a posición da ONU e Occidente ante calquera iniciativa orientada ao concepto de “responsabilidade de protexer” e da “intervención humanitaria”.

A puxa polo control enerxético libio

Tras certificarse a resolución da zona de exclusión aérea, EEUU, Francia e Gran Bretaña iniciaron o pasado 19 de marzo unha serie de bombardeos “quirúrxicos” específicos contra as posicións militares das forzas de Gadafi, que contarían co apoio da OTAN, a fin inicialmente de evitar unha sanguenta batalla en Bengasi e, posteriormente, recuperar as posicións dos rebeldes, principalmente na rexión oriental de Cirenaica.

Precisamente, a clave para Occidente dentro da actual conxuntura se enfoca en propiciar unha separación de facto de Libia en dúas entidades, moi probablemente establecidas en torno ás rexións de Tripolitania e Cirenaica, retrotraendo neste territorio a división iraquí entre o Kurdistán ao norte, o eixe sunnita con epicentro en Bagdad, e a preponderancia xiíta ao sur do país.

O factor enerxético ocupa un papel primordial, debido a que a Cirenaica e, especificamente, a conca de Sirte, concentra o 80% do cru e das reservas petroleiras probadas de Libia, que ten en Europa ao seu mercado máis estratéxico, debido a que recibe o 79% do cru libio.

Libia posúe as maiores reservas probadas de África, con 44.000 millóns de barrís de petróleo e 54 billóns de pes cúbicos de gas natural. Antes de presentarse a actual situación de confrontación armada interna e a intervención militar exterior, Libia producía 1,6 millóns de barrís diarios de petróleo, sendo Italia, Alemaña, Francia, España, China e EEUU os seus principais socios enerxéticos.

Velaí a necesidade occidental de acabar co réxime de Gadafi e propiciar aos rebeldes a capacidade política de dirixir os destinos do país. Non resulta casual que o presidente francés Nicolás Sarkozy recoñecera a mediados de febreiro unha reunión en París, a lexitimidade do Consello Libio de Transición Nacional (CLTN), a plataforma que aparentemente agrupa aos rebeldes contra Gadafi, pero que amosa diversidade de posicións políticas sobre a Libia post-Gadafi e unha eventual intervención estranxeira nese país.

Precisamente, unhas semanas antes, un comando británico foi descuberto polas milicias rebeldes cerca de Bengasi, un aspecto que afectou considerablemente a posición de Londres dentro do conflito libio. Outras fontes aseguran de contactos políticos e militares entre Francia e Gran Bretaña cos rebeldes libios, momentos inmediatamente posteriores á materialización da rebelión contra Gadafi.

Por iso, a zona de exclusión aérea e a eventualidade de bombardeos e ataques militares contra Gadafi, que se realizan dende bases da OTAN e as flotas estadounidenses e británicas no Mar Mediterráneo, terán como obxectivo clave inicial a defensa de Bengasi, importante bastión estratéxico non só para os rebeldes senón para o control da Cirenaica e dos seus centros petroleiros e de gas natural.

Deste modo, e tal e como sucede co Kurdistán iraquí desde 1991, a Cirenaica libia pode converterse no territorio de paso cara Occidente do necesario subministro enerxético, unha vez a actual intervención militar occidental en Libia propicie o reforzamento da CLNT como marco político lexitimado. Velaí a necesidade primordial de frear o avance nos últimos días das tropas leais a Gadafi, que propiciaron o actual cerco militar en torno a Bengasi.

Sobrevivirá o réxime de Gadafi?      

Non obstante, resulta unha incógnita clarificar se a zona de exclusión aérea finalmente logrará evitar os ataques de Gadafi contra a poboación civil, tal e como argumentan o eixe Washington-Londres-París e os seus aliados.

Nos casos precedentes de exclusión aérea occidental de Iraq en 1991 e, posteriormente, de Bosnia entre 1993 e 1995, non se materializaron cunha operación militar eficaz para frear os ataques contra a poboación civil: entón, Saddam logrou masacrar a kurdos e xiítas, igual que o desaparecido líder serbio Slobodan Milosevic logrou facelo co respecto aos bosnios musulmáns, masacre de Srebrenica incluída.

Á espera do que poida suceder co caso libio, a crise actual tamén certifica unha notoria falta de visión estratéxica por parte de Occidente. Confiados da eventual  disolución do réxime de Gadafi ante o avance rebelde, o contraataque do líder libio e a perspectiva (non exactamente verídica), de que controlara os focos de rebelión na Cirenaica, motivaron a unha urxente resolución de forza por parte da ONU, orientada a frear e posteriormente desestabilizar a Gadafi.

Marcando os pasos da zona de exclusión aérea, EEUU e os seus aliados ansían dobregar militarmente a Gadafi e illalo economicamente, a través dun proceso progresivo de “acoso e derribo” que comezou a comezos de marzo coa condena por parte da Corte Penal Internacional contra Gadafi e a súa familia.

Non obstante, en diversos círculos políticos en Washington cuestionan a posibilidade dunha caída inmediata de Gadafi, incluso sorteando escenarios dunha prolongada confrontación interna en Libia, a materialización de feito dun proceso de balcanización interna entre dúas entidades separadas (Tripolitania e Cirenaica) e a posibilidade de que Gadafi sega no poder a curto e mediano prazo, incluso propiciando o definitivo ascenso político do seu fillo Saif el Islam, a quen a actual crise semella identificalo como o “home forte” do réxime, a tenor das súas constantes aparicións públicas.

Cunha resolución da ONU na man e un persistente proceso de bombardeos que obrigarán a Gadafi a manifestar unha e outra vez diversos ceses ao fogo na Cirenaica, os intereses occidentais darán curso a un proceso de illamento militar, político e económico contra Gadafi, á espera de reconducir posibles levantamentos e rebelións internas contra o líder libio e a súa aínda poderosa estrutura de poder. Co escenario actual, Washington e os seus aliados europeos e árabes concentraron os seus esforzos en propiciar os mecanismos legais para intervir militarmente en Libia baixo auspicios da ONU.

Non obstante, a pretendida coalición internacional contra Gadafi pode intensificar diversas fisuras internas: países como Alemaña ou Noruega negáronse a participar nos bombardeos, así como aliados estratéxicos claves para Occidente como Turquía, cuxo peso no actual contexto xeopolítico dentro das rebelións no Magreb pode supoñer unha alternativa interesante.

Paralelamente, a intervención occidental en Libia considera a alta probabilidade de que EEUU e os seus aliados se mergullen nunha espiral de tensións no mundo árabe que demanden unha maior implicación e un tratamento mais equitativo, tomando en conta a inconclusa crise en Bahrein, as tensas transicións en Tunisia e Exipto e as tensións que actualmente están presentándose en Iemen, coa deserción de altos mandos militares e a posibilidade de activarse unha rebelión popular contra o presidente Alí Abdalá Saleh. 

O resultado pode ser a prolongada agonía do réxime de Gadafi, así como a previsible disolución do Estado libio, fragmentado nunha “balcanización” de rivalidades de clans familiares e tribais nas que Occidente pode verse perigosamente atrapado, a tenor dos receos entre diversos sectores rebeldes por apoiar unha intervención estranxeira en Libia e da aparente ausencia de consenso político entre os diversos actores sobre qué futuro se deparará para este país.