Liechtenstein: Entre Populismo e Monarquía

O pasado 5 de febreiro, os electores do Principado de Liechtenstein foron ás urnas para elixir un novo parlamento. Como noutras democracias occidentais, as forzas denominadas correntemente como “populistas” teñen gañado posicións neste pequeno país alpino: a agrupación Die Unabhängigen (“Independentes”) cumpriu a meta de aumentar a súa cota actual de 4 dos 25 escanos parlamentarios, pasando a 5 e aumentando un 3,1 na porcentaxe de votos ata acadar o 18,4% do total, minando aínda máis o poder dos dous partidos tradicionais que, xuntos, teñen rexido Liechtenstein dende a Segunda Guerra Mundial.

Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

O pasado 5 de febreiro, os electores do Principado de Liechtenstein foron ás urnas para elixir un novo parlamento. Como noutras democracias occidentais, as forzas denominadas correntemente como “populistas” teñen gañado posicións neste pequeno país alpino: a agrupación Die Unabhängigen (“Independentes”) cumpriu a meta de aumentar a súa cota actual de 4 dos 25 escanos parlamentarios, pasando a 5 e aumentando un 3,1 na porcentaxe de votos ata acadar o 18,4% do total, minando aínda máis o poder dos dous partidos tradicionais que, xuntos, teñen rexido Liechtenstein dende a Segunda Guerra Mundial.

Sen embargo, mentres o ascenso do populismo no microestado está na liña coas tendencias rexionais, ademais disto, existen poucas semellanzas coas políticas dos países veciños. Principalmente, debido ao tamaño do país, a política en Liechtenstein é moi diferente das grandes democracias europeas. Moito diso ten que ver co papel do príncipe  de Liechtenstein, que é un dos monarcas politicamente máis poderosos do continente.

O sistema político do Liechtenstein pode ser descrito como dualista, no senso de que o poder é constitucionalmente compartido entre o príncipe e o pobo. Os cidadáns son representados por un parlamento electo e un goberno, mais tamén hai unha gran variedade de instrumentos de democracia directa. Como o príncipe actual, Hans-Adam II, afirma con orgullo, o Principado é realmente o único país do mundo que combina a institución da monarquía, a democracia representativa e a democracia directa.

Dentro deste sistema, o príncipe ten un papel moito máis forte do que os seus homólogos teñen noutras monarquías constitucionais en Europa: pode cesar ao goberno, disolver o Parlamento, vetar os resultados dos referendos e ten un papel importante no nomeamento de xuíces. Non é de estrañar, polo tanto, que o papel do poderoso fora criticado repetidamente por organizacións internacionais, en particular, polo Consello de Europa.

Con todo, mentres os observadores internacionais expresan de xeito habitual a súa desaprobación perante a monarquía de Liechtenstein, o resultado de varios referendos e votacións populares revela que entre dous terzos e tres cuartos do electorado  de Liechtenstein apoia a posición constitucional do príncipe. De feito, tras os conflitos entre Hans-Adam II e os políticos electos que provocaron unha crise constitucional na década de 1990, preto do 65 por cento dos votantes aprobaron as propostas de reforma do poder do príncipe nun referendo constitucional en 2003, facendo incrementar o poder da monarquía.

A situación presenta cuestións complexas acerca da natureza do réxime de Liechtenstein: pode un país considerarse unha democracia cando a maioría dos electores outorgan voluntariamente poderes significativos para un gobernante non elixido? Preguntas deste tipo fixéronse recorrentes en 2011, cando o príncipe, antes dun referendo sobre a liberalización da lei do aborto, declarou que ía vetar un resultado de corte liberal, anulándose de feito todo o referendo. E un ano despois, noutro referendo organizado por activistas pro-democracia, máis do 75% dos electores rexeitaron unha proposta para limitar os poderes de veto do príncipe.

Os principais partidos políticos de Liechtenstein apoian o papel do monarca, aínda que iso limite a súa propia autoridade. Dende a Segunda Guerra Mundial, Liechtenstein foi gobernado por coalicións entre o partido FBP, “os negros", a VU, “os vermellos”, dous partidos conservadores, economicamente liberais e pro-monarquía que teñen esencialmente unha plataforma política similar.

Reflicte a dimensión reducida de Liechtenstein o feito de que o apoio a estes partidos ven determinado tradicionalmente por vínculos familiares, e polo seu clientelismo favorecendo aos seus propios membros mediante postos de traballo e outros elementos. Na década de 1990, unha nova formación ecoloxista, pro-democracia e socialdemócrata, a lista FL ou “os brancos”, xurdiu mais nunca ten obtido máis do 15% dos votos e nunca ten formado parte do goberno.

Apesares do notable aumento dos Independentes nas elección de 2013 e 2017, axudados tamén por un discurso que algunha veces roza a xenofobia,  a FBP e VU aínda recibiron este ano ao redor do 70% dos votos. Así, a primeira vista, a política en Liechtenstein semella caracterizarse por unha estabilidade notable e un forte consenso. Con todo, tal conclusión sería ignorar o feito de que a poboación do Principado está moi dividida sobre o papel da monarquía, que é un tema que ten un papel moito maior na sociedade que nos debates parlamentares.  

Neste senso, téñense producido fortes discusións nas familias, entre amigos, veciños e compañeiros de traballo, creando divisións que chegan a derivar nunha exclusión social das persoas que se expresan críticas sobre o príncipe, afrontando certa marxinación e chegando a ser denominados como “outsiders”. Como noutros pequenos países, Liechtenstein ten unha sociedade unida e altamente cohesionada que non sempre é tolerante con individuos que expresan opinións diverxentes. A monarquía é vista como un elemento definidor da identidade de Liechtenstein e criticala adoita ser incluso ata repudiado.

Hans-Adam II, que é amplamente coñecido pola súa oratoria agresiva, ten habilmente explotado estes sentimentos, referíndose aos seus adversarios como "inimigos". Facendo uso dunha retórica demagóxica, o príncipe chama aos políticos electos "oligarquía", e defende a limitación dos seus poderes para que poida el gobernar conxuntamente  co pobo. Neste senso, o príncipe afirma que os membros do parlamento e do goberno só pensan no curto prazo, buscan aumentar os seus poderes e están inclinados cara a corrupción. Tal é así, que ten repetidamente ameazado abandonar o país se os seus poderes son limitados.

Con todo, a maioría da xente en Liechtenstein segue apoiando ao príncipe, e o FL é o único partido que está a expresar críticas á monarquía e apelando a un sistema máis democrático. O aumento dos Independentes representa un grao de desencanto coa elites partidarias, pero certamente non co príncipe: de feito, sondaxes de opinión indican que os partidarios deste novo partido son altamente favorables á monarquía. Como resultado, a maior cuestión na política de Liechtenstein - o papel da monarquía - é improbable que se vexa afectada nesta nova lexislatura recentemente iniciada.