Dous días antes das eleccións do 1 de outubro, a directora de pesquisas da campaña, Marisol Recamán, detectaba como Geraldo Alckmin candidato do Partido da Social Democracia Brasileira, chimpaba espectacularmente nas expectativas de voto ate o 39%.
As excelentes perspectivas electorais comezaran a virarse cando o presidente Lula, contra do criterio dos directores de súa campaña, decidira non presentarse ao debate televisivo con Alckmin. Ningún dos asesores estaba en condicións de asegurarlle que repercusións tería a súa asistencia ao debate nas porcentaxes de voto, mais todos estaban en condicións de asegurarlle que acontecería no caso de non asistir… Neste caso, con certeza, habería segunda volta.
A decisión do presidente non era doada. Lula non era partidario de centrar a campaña electoral no tema da corrupción, de polemizar con candidatos saídos das propias entrañas do PT, como Helena Heloisa quen fora expulsada do partido e aglutina unha boa parte dos sectores de alta formación intelectual máis críticos coa política posibilista. Tampouco quería enfrontamentos con outro candidato, o seu ex-ministro de educación Cristovão Buarque.
Lula prefería dar as costas ao linchamento mediático e predicar sobre o seu balance presidencial. Segundo a prestixiosa Fundación Getulio Vargas o nivel de pobreza extrema reduciuse significativamente nos tres primeiros anos do mandato petista. Só entre os anos comprendidos entre 2003 e 2005, aqueles brasileiros que viven con menos de 45 euros mensuais, minguaron do 28,2% ate o 22,7%.
O seu antecesor e acérrimo inimigo político, Fernando Henrique Cardoso, durante o seu mandato presidencial que transcorreu dende do 1995 ao 2003, deixou a situación de pobreza extrema exactamente nas mesmas porcentaxes que cando entrara.
A segunda parte da carreira presidencial comezara, segundo as sondaxes dos xornais de maior tirada, case empatada: 52% para Lula e 48% para Alckmin. Pero tras do penúltimo debate televisivo do 23 de outubro, as mesmas fontes sitúan a distancia ao redor dos 20 puntos.
O luns ambos apareceron en pantalla coincidindo no traxe escuro, camisa branca e garabata vermella. Ambos coincidiron en centrar o debate na corrupción, pero agora foi Lula o máis incisivo ao referirse á época do PSDB: "Acabou no Brasil a era em que as coisas eram varridas para debaixo do tapete". "Se você não tivesse bloqueado 69 Comições de investigação em São Paulo, talvez tivesse mais escândalos do que no governo federal".
O ex-líder sindical tamén conseguiu irritar ao candidato do PSDB coa súa afiada ironía, cando o seu adversario acusou ao PT de ser un goberno ao servizo dos grandes intereses bancarios: "Esses banqueiros são ingratos porque ganham de mim e votam no Alckmin".
Se non acontece nada extraordinario o próximo día 1 de xaneiro, non haberá cambio de inquilino no Palacio do Planalto.
A segunda parte do mandato presidencial xa non precisará de duras políticas monetarias e fiscais para afrontar unha herdanza económica envelenada: O risco país é hoxe dez veces menor que no ano 2002 cando se situaba nos 2400 puntos, o real mantense estábel logo da súa revaluación, a bolsa de Sao Paulo mantén tendencias alcistas, as exportacións acadan os 107.000 millóns de euros, máis do dobre que na era Cardoso. A inflación prevista para o 2006 está ao redor do 4%, dividindo por tres a do 2002.
O ministro de Facenda anuncia una nova era menos restritiva e máis expansiva. Por tanto, na segunda parte do Goberno de Luíz Inacio da Silva, haberá marxe para afondar nas políticas sociais. Seguir mantendo as Bolsas Familia que na actualidade reciben 11 millóns de familia máis pobres e comezar a abordar materias sociais pendentes: reforma agraria, reforma educativa, protección da Amazonia…
Son moitos os Brasileiros que esperan que as segundas partes sexan mellores.