Tal como anunciaban as enquisas previas, Aleksander Kwasniewski gañou as eleccións presidenciais convocadas o domingo último en Varsovia. A superación do cincuenta por cento dos votos emitidos, cun nivel de participación do 62 por cento, evitoulle a segunda volta. Walesa roldou o 1 por cento.
Se ben longamente anunciado, o trunfo de Kwasniewski confirma as expectativas de apertura dunha nova etapa política en Polonia. En primeiro lugar, confírmase que os gañadores da transición polaca non son os conservadores ou liberais, os movementos próximos á Igrexa Católica ou a Solidarnosc, senón as forzas herdeiras do vello POUP, de Gomulka a Jaruzelski. A Socialdemocracia da República de Polonia, columna vertebral da Alianza de Esquerda Democrática, confirma a súa fortaleza política e electoral.
En segundo lugar, o reordenamento nas forzas de dereita, con consecuencias para o liderato de Marian Krzaklewski, actual Presidente de Solidarnosc e aglutinante da coalición que goberna o país. A tradicional fragmentación das forzas conservadoras, integristas ou laicas, a instalación dos seus líderes en discursos políticos de confrontación e volcados cara o pasado, dificultan enormemente o seu calado entre o electorado. Sen un borrón e conta nova as súas espectativas futuras son moi limitadas.
Por último, non é descartable un adiantamento dos comicios lexislativos. Habida conta das fortes tensións existentes no seo do gabinete que dirixe Jerzy Buzek, actualmente en minoría polo abandono preelectoral da Unión pola Liberdade que, á vista dos resultados do domingo, ben podería insistir nun camiño propio, afondando no divorcio parlamentario, o adiantamento parece inevitable. O seu candidato Andrzej Olechowski quedou en segundo lugar, superando en tres puntos a Krzaklewski. Esa división e o excelente resultado de Kwasniewski poderían propiciar un pronto regreso ao goberno dos socialdemócratas polacos.