Máis que manobras

As manobras que realiza o Exército Popular de Liberación en augas do Estreito de Taiwán non teñen como principal destinatario as autoridades de Taipei senón a administración norteamericana. A China aínda non se conformou coas “explicacións” ofrecidas pola Casa Branca a respecto da destrucción da súa legación diplomática en Belgrado e medra a súa indignación fronte a presión e animosidade de Washington en materias sensibles (o “informe Cox” ou a negativa a desbloquear a súa entrada na Organización Mundial do Comercio). A insistencia de Washington no proxecto de creación dun sistema de defensa antimíseis que incluiría a Xapón e Taiwán ou a posible venda de submarinos a Taipei indignan ós dirixentes de Beijing. O deterioro das relacións chino-estadounidenses repercute no sempre delicado diálogo entre as dúas Chinas que se ven arrastradas a unha dinámica belicista que pode influir moi negativamente nas eleccións presidenciais de Taiwán previstas para o ano próximo. Se Washington insiste na utilización de Taiwán como moeda de cambio nas relacións bilaterais estamos ás portas dunha nova carreira de armamentos en toda a rexión de Asia-Pacífico.

Despois de recuperar Hong Kong e tamén Macau no próximo mes de decembro, a China non renunciará a Taiwán. A designación de Qian Qichen, antigo ministro de asuntos exteriores, como responsable máximo dos problemas relacionados coa unificación do país, alentaba unha nova estratexia baseada na prevalencia de fórmulas negociadoras. Se nos comicios presidenciais de 1996, as manobras militares crisparon o debate político-electoral, nas lexislativas de decembro pasado, Beijing optaba por enviar á provincia rebelde toda unha lexión de observadores civís para tomar contacto directo con todas as forzas políticas, incluídos os independentistas do PDP. Cómpre insistir nesa vía. Beijing debe quebrar as actuais tendencias e levar a iniciativa na procura do establecemento dun ambiente de confianza que dunha vez por todas permita o abandono da ameaza do uso da forza. A unificación debe producirse “vencendo sen loitar”, como no seu día ensinara o filósofo e estratega Sun Tzu.