Malos tempos para o Sahara

A cuestión saharauí está no epicentro da carraxe de Rabat. As relacións entre os Reinos de Marrocos e de España atravesan un momento extremadamente delicado. A retirada sine die do seu Embaixador en Madrid, M. Abdeslem Baraka é a culminación dun desencontro longamente anunciado. Pese ás mensaxes da diplomacia española, non hai lugar para a estrañeza.

A espiral de agravamento das relacións bilaterais iniciouse na primavera última, cando se plasmou a non renovación do acordo pesqueiro coa Unión Europea. Como cabía esperar, as ameazas de Aznar non sentaron nada ben en Rabat. O ministro de exteriores alauíta, M. Benaïssa, lembrou entón que catro anos antes anunciaran que non habería máis acordos e que unicamente estaban dispostos a establecer negociacións sobre periodos máis curtos e con condicións máis vantaxosas en materia de desembarco das pescas e de transformación no propio país.

A chegada de máis de seiscentos inmigrantes clandestinos en pateiras ás costas andaluza na fin de semana do 19 de agosto, motivou un novo enfrontamento. Lembremos que daquela o Ministerio de exteriores español recabou a presencia do embaixador de Marrocos para lerlle a cartilla. Como estaba de vacacións o titular, á Praza da Provincia acudiu o encargado de negocios que foi recibido… por un director de departamento. A resposta marroquí chegou uns días máis tarde en forma de suspensión, “por motivos de saúde”, do encontro previsto entre os secretarios de Estado Fassi-Fihri e Miquel Nadal.

No pasado mes de Outubro, o ministro Piqué desprazouse a Marrocos en dúas ocasións. A primeira, a Rabat, para entrevistarse co monarca, quen lle adiantou persoalmente o seu incomodo polo deterioro das relacións bilaterais. A segunda, en Agadir, no marco do Forum euro-mediterráneo. O día 26 de outubro Mohamed VI recibía a Josep Piqué e o domingo 28 anunciábase a retirada do embaixador en Madrid, unha medida de considerable gravedade na dinámica diplomática que deixa paso unicamente á ruptura de relacións. Cómpre sinalar ademais que a medida foi adoptada polo propio monarca, pois as relacións exteriores, como a seguridade interna, os asuntos relixiosos e a xustiza son ministerios do soberano, é dicir, son nomeados directamente por el e a el lle rinden contas, non ao primeiro ministro.

O asunto central que motiva a actual situación de aspereza non é a pesca, nin o tránsito de productos agricolas, nin tan sequera as pateiras, senón o futuro do Sahara Occidental. Rabat está testando a Madrid unindo tres contenciosos territoriais: Sahara, Sebta e Mélilla e Xibraltar. Piqué negocia co Foreign Office o estatuto de Xibraltar, Aznar recibe na Moncloa aos alcaldes de Ceuta e Melilla, pero a respecto do Sahara o goberno español, din en Rabat, mantense inamovible, utilizando dúas varas de medir. Ahmed Chater, pregúntase en Le Matin, por qué Madrid non pide un referendo para Xibraltar e si para o Sahara.

Cando no Forum euro-mediterráneo, París insistiu na necesidade de recoñecer o dereito marroquí sobre o Sahara e Madrid expresou as súas reservas, rachouse a baralla, acusando entón a España de veleidades de vasalización e de protectorado sobre o Sahara Occidental. Rabat non quere referendo e acusa ao veciño do Norte de obstaculizar os traballos da Cuarta comisión da ONU que debate un acordo defendido por James Baker e Kofi Annan no que preconizan a volta á estratexia anterior, é dicir, a pura e simple ocupación, baseada na constatación de argumentos históricos, xurídicos e culturais que ilustrarían a pertenza do Sahara a Marrocos. Rabat equipara a unha operación desestabilizadora o intento de crear un novo Estado independente no seu flanco sur.

Neste contexto, a celebración dunha consulta popular en Andalucía, promovida pola Plataforma Cívica de Apoio á causa saharuí, cun resultado natural e apabulladoramente favorable á independencia, pero tamén a substitución de Jorge Dezcallar en Rabat por quen en pleno tardofranquismo proclamaba na ONU encendidos discursos belicistas contra a Marcha Verde, non favoreceron a serenidade.

A decisión de Rabat e a viaxe de Mohamed VI ao Sahara en días pasados indican ás claras que este asunto vai partir as augas nas relacións entre España e Marrocos e os problemas persistirán en tanto Madrid non se decante apoiando as súas teses nos organismos internacionais e reducindo os apoios á causa saharauí no seo da sociedade española.

Na nova situación internacional, o apoio dos países musulmáns á coalición occidental é un asunto de primeira importancia. Rabat comprendeu que era o momento de poñer prezo. Co precedente socialista de expulsión da Fronte Polisario e habida conta que Rabat é un socio inexcusable e un actor clave no Magreb, o pobo saharauí ten motivos dabondo para estar preocupado.