Non ten fortuna Bush no seu empeño por desmelenar todo o seu aparello bélico contra os integrantes do Imperio do Mal. Á par da oferta de Bagdad para recibir nova e incondicionalmente aos inespectores da ONU, a pasada semana, Corea do Norte, se apuntaba un novo éxito ao asinar un acordo con Xapón para iniciar relacións diplomáticas.
A visita a Pyongyang de Junichiro Koizumi, primeiro ministro nipón, desenvolveuse nun clima de sinceridade bastante inédito, non soamente polas décadas de incomunicación senón tamén pola clarificación de episodios escuros dun pasado que ambos países semellan querer deixar atrás.
Xapón, ao igual que Corea do Sur, observan con enorme atención os pasos de apertura interna e externa alentados por Kim Jong Il. As tímidas reformas económicas introducidas en xullo, que lembran as primeiras medidas da “gaige” chinesa, poderían ir acompañadas agora da “kaifang”, é dicir, de iniciativas tendentes a dar facilidades ao capital exterior para investir no país, propiciando unha maior integración na economía rexional e mundial.
¿Inimigo, quen é o inimigo? Xapón e Corea do Sur, ambos os dous firmes aliados de Estados Unidos na zona, o primeiro cun orzamento militar para 2002 que supera aos de Rusia, China e Corea do Sur xuntos, se enfrontan progresivamente ao dilema de Bush: ¿con quen estar: co imperio ou co mal? As oportunidades económicas que brinda o Norte da península coreana son inmensas e os sinais de fin de reinado se emiten dende Pyongyang cada vez con máis intensidade. Pero Estados Unidos, instalado no discurso do ataque preventivo, atribúe ameazas a todo discrepante con tal nivel de dogmatismo interesado que ata os propios aliados incondicionais vailles custar significar puntos de vista propios que atendan aos seus intereses.
A confirmación da moratoria de probas de míseis, o acordo entre os ministros de defensa de ambas Coreas para desminar partes da fronteira e restablecer as comunicacións por estrada e ferrocarril, o arbitrio de maiores facilidades para o turismo e para o reencontro de familias separadas, son mecanismos de seguridade que sitúan a orde rexional en Asia no camiño do diálogo e non da confrontación, unha espiral pacífica que beneficia a Rusia (Putin reuniuse de novo este verán co líder norcoreano) e China, pero que dificulta as aspiracións de Washington por convertila nunha provincia máis do seu Imperio mundial con procónsul en Toquio. Poida que Kim Jong Il sexa máis intelixente do que aparentaba e ogallá que cada quen responda ante as respectivas sociedades.