Os homes que hoxe dominan o Pentágono e o Goberno mesmo dos EEUU senten noxo da democracia, do exercicio da arte política, dos chamados dereitos humanos, e, pola contra, son devotos da violencia, pensan que a tortura é arma lexítima de investigación "eles mesmos deciden, á marxe da lei, que torturas son as que acaen en cada caso" e non aturan sequera a idea dun Tribunal Penal Internacional. Porque eles serían os primeiros candidatos a seren xulgados por el. Ou sexa, son fascistas, sinxelamente.
Mentalidades tenebrosas as de Rumsfeld, Wolfowich, Cheney, Perle, Rice e outros moi coñecidos, mestura de relixiosidade beateira e primaria, de pensamento fanático, de ignorancia absoluta sobre o mundo e de borracheira de poder e de avascallamento imperial. Sen esquecer, claro é, os seus intereses petroleiros, de moita entidade nalgúns casos. Macarthy, o da caza de bruxas, era, á beira deses, un anxo do ceo.
Pero son fascistas que teñen un poder inmenso, incluído o poder militar. Un inmenso poder militar como nunca houbo na historia da humanidade. Saben que o teñen, saben que poden exercelo e tratan de que se vexa que o exercen. Son, pois, un claro perigo para toda humanidade, incluído o seu propio país. Hoxe hai o risco evidente de que o fascismo poida dominar o mundo dende os EEUU. Penso que non estou esaxerando nada.
É certo que algo está cambiando naquel país. E que a guerra de Iraq pode chegar a determinar moitas cousas. Pero, por agora, o que está cambiando non abonda, pois trátase de cambios, senón minoritarios, ó menos máis ben restrinxidos. Por exemplo, hai moitos políticos republicanos que se avergonzan do que ocorre en Iraq e do desprestixio do seu país en todo o mundo. Pero iso non abonda.
Unha cousa está moi clara: esta xente non ten nada que ver con Jefferson, nin con Kennedy, nin co pensamento e cos valores que eles, entre outros moitos, representaron. A pregunta é se o pobo americano se está decatando desta realidade e, admitido isto, se será quen de botalos do poder. A resposta non é miña, que é só deles. Pero aquí, entre nós, o pobo soubo despedir a unha caricatura de fascista que tan emparentado se sente con eses conxéneres do Pentágono e do Goberno dos EEUU. É, ó menos, un antecedente. E un alivio.