Mercosur frena, Alca acelera e a UE desconecta

Apartados xeográficos América Latina ARCHIVO
Idiomas Galego

O continente camiña a paso decidido cara un Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) que deberá entrar en funcionamento no 2005. O Goberno Bush marcou como prioridade a aceleración do proceso para adiantalo nun bienio, levantando as reticencias do pequeno xigante Brasileiro, que antes prefire consolidar o Mercosur.

A Galicia inserta nesta UE, que mira cara o Leste, debe ollar con preocupación o crecente desinterese europeo cara a América Latina, nun momento crucial para a consolidación de alianzas comerciais. Á convocatoria do Grupo de Río só asistiron dous ministros europeos, ningún deles español.

A decepción expresada polos chanceleres do Grupo de Río, (todos os países de América Latina, agás Cuba), diante da apatía europea na Cimeira de Santiago, non é unha novidade. Reunidos en conclave, durante tres días, tiñan reservado unha xornada para os contactos, ao máis alto nivel, cos ministros da Unión Europea. Ao encontro só asistiron dous europeos: Anna Lindh de Suecia e Louis Michel de Bélxica. Foi precisamente este último o que describiu a crúa situación: "…Se a UE non se abre a unha relación privilexiada con América Latina, a rexión só terá a elección norteamericana".

A creación da Alca é un dos escasos proxectos de política internacional mimados pola administración Bush que recolle a testemuña do seu pai para impulsala, tentando recortar prazos de funcionamento nun bienio. Con este obxectivo ten promovido trámites administrativos que permitan un sistema "Fas Track", polo que os republicanos negocien tratados comerciais, sen o control do Congreso, que non poderá emendar os acordos e que deberá votalos na súa globalidade, non por apartados. Os EEUU saben da momentánea posición vantaxosa fronte a Europa e pretenden dar o acelerón final que deixe descolgado ao Vello Continente, logo de ver con preocupación e indignación o primeiro acordo económico asinado entre os bloques comerciais do Mercosur e a UE en 1996.

O nacemento formal da ALCA, aconteceu en Miami, cando os 34 países das Américas, coa comprensíbel ausencia de Cuba, acordaron principiar procesos de confluencia económica entre todas as economías situadas entre Alaska e Terra de Fogo.

As presas da administración Bush atopan reticencias no pequeno xigante da América do Sur: O Brasil. No encontro que mantiveron Bush e Cardoso durante esta fin de semana constatáronse as diferencias e as dúbidas brasileiras. Mentres Bush insiste en acurtar prazos, Cardoso pon o acento nos contidos. Un acordo da natureza do exposto na Alca, precisa de tempo para que maduren aqueles sectores que van ter que entrar en concorrencia e, ao tempo, pormenorizar as contraprestacións ás posíbeis cláusulas sobre garantías laborais ou de preservación do medio ambiente.

En Brasilia non ven moi clara a reciprocidade do goberno de Washington cando reclama libre comercio, pero pon dificultades a certos productos como os téxtiles, calzados, aceiro ou zume de laranxa. Concordando co posicionamento arxentino, tampouco ven con nitidez cal é a mellor estratexia: Negociar individualmente cada país ou negociar como bloque único dentro dun menos vigoroso Mercosur, debilitado pola crise do goberno De la Rúa.

En medio de tanta incerteza, EEUU non dubida en crear división entre os países do sur e teñen comezado en novembro as negociacións sobre un tratado bilateral de Libre Comercio con Chile, país que tamén posúe un tratado de asociación privilexiada co Mercosur.

En tempos de mudanza, cumpriría unha Política Exterior Galega que estivese alerta sobre os movementos de libre mercado nas áreas xeográficas de especial importancia estratéxica para a economía galega.