20090410 chisinau moldavia vladimir voronin

Moldavia: na busca do equilibrio

Apartados xeográficos Europa ARCHIVO
Idiomas Galego
 Vladímir Voronin; clic para aumentar
A República de Moldavia, un pequeno país sen saída ao mar que limita con Romanía e Ucraína, vive momentos de tensión máxima tralas pasadas eleccións. Os resultados deron a vitoria, por terceira vez consecutiva, ao Partido Comunista, liderado polo presidente do país Vladímir Voronin (na foto).
 

A República de Moldavia, un pequeno país sen saída ao mar que limita con Romanía e Ucraína, vive momentos de tensión máxima tralas pasadas eleccións. Os resultados deron a vitoria, por terceira vez consecutiva, ao Partido Comunista, liderado polo presidente do país Vladímir Voronin. A pesar de que os observadores internacionais deron por válidas unhas eleccións non exentas de atropelos e censuras, a denuncia dun sector da poboación baseouse na manipulación do censo electoral. Algúns votantes comprobaron sorprendidos, que inscritas no seu domicilio había persoas que descoñecían e que nada tiñan que ver co seu núcleo familiar.

Aínda así, a crise actual ven xa de tempo atrás. Segundo se recolle nun estudo que realicei en Moldavia no ano 2008 para a Unión Europea sobre a Sociedade civil moldava, tres de cada catro mozos moldavos pertence a algún movemento estudantil ou Ong, e a desconfianza no sistema político moldavo é absoluta. A xente nova séntese impotente ante os abusos de poder e control de quen goberna. Afirman non sentirse identificados cos representantes políticos do seu país que sobre pasan os 60 anos de idade, mentres que a idade media da poboación é de 26 anos, e consideran que non atenden as necesidades dunha sociedade moza que aspira a mellorar a súa calidade de vida.

Os casos de corrupción e as especulacións inmobiliarias afectan de cheo aos máximos dirixentes como ao mesmo presidente Voronin e a súa familia, pero o control férreo dos medios de comunicación e unha oposición carente de reflexos provocaron que a xente nova se organizase de forma alternativa por medio do asociacionismo e alentando convocatorias virtuais.

Desde a súa independencia en 1991, Moldavia, con 3 millóns e medio de habitantes alcanzou progresos moi limitados no desenvolvemento dun Estado democrático. Trátase dun país tan grande como Bélxica e de carácter eminentemente agrícola, cunha considerable produción de viños que introduce tanto na Unión Europea como en Rusia, pero aínda así, a súa principal fonte de ingresos provén dos .000 moldavos que traballan nos países europeos e dos 344.00 que o fan en Rusia.

A esta dependencia do exterior, súmase a necesidade que ten Moldavia de importar practicamente todos os recursos naturais e materias primas que consume. Rusia segue sendo o único provedor de gas. Só neste sector, a débeda alcanza xa os case 500 millóns de dólares. Aínda así, moitos pobos do país non reciben regularmente subministro de gas. O inverno pasado, por exemplo, Rusia decidiu cortar sen avisar o subministro de gas por uns días, complicando aínda máis a vida da poboación.

Desde hai anos, os moldavos están á procura da súa identidade, apartándose do legado ruso-soviético de medio século, pero sen adoptar a súa herdanza romanesa. Estes intentos de lograr unha identidade propia cun certo equilibrio ten a súa maior dificultade no conflito interno que padece desde fai case 20 anos. Tras unha breve guerra civil, a rexión de Transnistria, coa axuda do exército ruso, logrou manter o seu status e proclamarse como a República de Pridnestrovia (en ruso), territorio gobernado desde a súa independencia por Igor Smirnov.

Trátase dun Estado non recoñecido internacionalmente pero de facto independente. Cobre o 12% do territorio de Moldavia, concentrándose alí o groso industrial do país. A pesar de diferentes misións de paz e da asistencia de numerosos negociadores internacionais, esta franxa de terra, cun ancho nalgunhas partes non superior a doce quilómetros, nada puido facer para cambiar as posicións de ambos bandos. O último documento significativo remóntase ao ano 1997 co Memorando de Moscova.

O punto neurálxico da situación ségueo mantendo Rusia. De feito, segundo o estudo xa mencionado e como puiden comprobar persoalmente, a maioría de poboación en Transnistria considérase rusa.

Os problemas mais delicados aínda por resolver neste conflito conxelado, afectan á presenza do exército ruso. A día de hoxe, permanecen en Transnistria uns 2.600 soldados que o presidente Smirnov considera necesarios para asegurar a paz da rexión. Máis complicada é a cuestión da inmensa cantidade de armas que quedaron en Transnistria logo da caída da URSS. Segundo os acordos estipulados no momento da disolución da URSS, as armas pertencerán ao país en onde se atopaban nese momento. Rusia e Moldavia asinaron máis dun documento para o seu traslado pero ningún foi posteriormente ratificado. O motivo principal é que Transnistria considera súas as armas, e polo tanto é o que debe negociar.

Outro dos puntos a ter en conta, é o aumento mercado negro que implica a todos os países fronteirizos. A principal mercadoría é o tráfico de armas e de persoas. Resulta alarmante coñecer que unha muller por cada dúas familias en Moldavia, está atrapada nalgunha rede de prostitución en Europa, Rusia ou Oriente Medio.

Ante tal situación, as organizacións internacionais xunto á Unión Europea intentan establecer diversos programas para reducir tan lamentables estatísticas. Con todo, pretenden xogar un papel discreto, que non derive nun deterioro das relacións co Kremlin.

Mentres, a República de Moldavia vese no dilema de mirar cara a Occidente por unha parte, ou cara a Rusia e os seus aliados por outra, presionado por unha sociedade mozo que reclama un goberno estable, fóra de toda sospeita de corrupción e que escoite a voz dos seus concidadáns.