ACUMULACIÓN DE RIQUEZA PARA UNS, PRECARIEDADE PARA OUTROS
Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 3 de febreiro do 2026
gmc, gmc pd4501, greyhound, america, collect, leisure time, hobby, modelling, model cars, transports, traffic, buses, antique car, greyhound, greyhound, greyhound, greyhound, greyhound, buses, buses

Monopolios, concentración sectorial e precariedade

O transporte en tren é fundamental a nivel estatal, e en Galicia vertebra o Eixo Atlántico, iso si, en agarda da unión en condicións co Norte de Portugal, que demora hai décadas polo centralismo de Madrid e Lisboa. Pero se hai un transporte que é relevante hoxe en día en Galicia a nivel de vertebración do territorio por causa do espallamento de núcleos de poboación, ese é o autobús, especialmente en ausencia dunha rede funcional de proximidade ferroviaria. Ata hai relativamente poucos anos, o sector do transporte en autobús estaba caracterizado por ser un sector moi atomizado, o que permitía conectar parte dos núcleos rurais con certa independencia respecto doutros traxectos interurbanos. Ademais, o modelo de pequenas empresas permitía fixar poboación e crear valor noutras localidades diferentes das cidades, certo que ás veces a custo de perder certa eficiencia económica. Mais nos últimos anos foise producindo no sector do transporte en autobús unha concentración do mercado pola vía de transmisións de titularidades, compras ou fusións, que foron expulsando do mercado ás empresas pequenas e medianas. Ademais, as licitacións e conformacións de unións temporais de empresas foron favorecendo estas dinámicas.
Liñas de investigación Economía
Idiomas Galego

Sen dúbida, contar con empresas fortes no transporte permite concentrar o capital, efectuar investimentos e acudir a competir en mercados externos con máis solvencia. Claro, favorécese a eficiencia económica. Tamén é certo que ao aumentar o poder de mercado, a mala utilización deste podería levar a un exceso de presión á baixa sobre os salarios e á precarización das condicións laborais. Outro efecto non desexado -se non pensamos mal- podería ser a supresión de competencia e a conformación de oligopolios ou monopolios, o que sen dúbida iría en contra dos principios do liberalismo económico, por outorgar ás empresas un poder omnímodo na fixación de prezos de mercado. Para quen sería iso beneficioso iso?, podería preguntarse calquera. Ou, por que se permiten concentracións excesivas nalgúns sectores?, sería outra pregunta lóxica.

Neste punto é preciso explicar a idea de monopolio natural, para aclarar posibles confusións. O monopolio natural prodúcese cando unha empresa domina o mercado e se sitúa como única oferente dentro do mercado fronte a unha gran cantidade de demandantes. A idea é que a capacidade competitiva desa empresa permítelle posicionarse como a empresa que ofrece o produto ao mellor prezo e da mellor calidade, desprazando aos demais competidores. Algúns exemplos clásicos dos monopolios naturais son o abastecemento de servizos básicos como a auga potable, a enerxía eléctrica, ou a subministración de gas, xa que o custo das infraestruturas necesarias actúa como barreira de entrada ao sector para a maioría das empresas, que non poden asumir ese elevado investimento.

Mais o exemplo do transporte de autobús, que non é un monopolio natural, non é máis do que a punta do iceberg das estratexias de concentración sectorial que estamos a padecer de maneira cada vez máis evidente. Que se a banca debe fusionarse para competir en Europa e a nivel internacional -resultado, os clientes cada vez teñen máis comisións e menos puntos de atención en persoa-. Que as empresas do automóbil deben competir contra outros mercados -resultado, vehículos xenéricos entre 30.000-40.000€-. Ou que é necesaria a fusión das farmacéuticas para afrontar investimentos e facer fronte aos grandes grupos mundiais -tratamentos médicos cada vez máis caros-. Outro exemplo paradigmáticos son o sector tecnolóxico, no que a concentración é xustificada axitando o medo a unha posible proliferación de empresas non occidentais -resultado, monopolio das empresas GAFA sobre os datos dos usuarios-. Tamén acontece no sector das enerxías renovables (resultado, custos medioambientais e ocupación do espazo público coa instalación de parques enerxéticos). Non falemos xa da proliferación da concentración no sector da cultura -resultado, grandes festivais musicais organizados por unhas poucas empresas e arrase ás salas de concertos pequenas, case desaparecidas hoxe-.

Mentres todo isto acontece, a xeografía do descontento medra en Europa, e en Galicia aumenta a franxa de precariedade e a fraxilidade económica (a denominada vulnerabilidade). Será que ten algo que ver coa proliferación da concentración sectorial e os modos de consumo impostos? O debate está servido.