A cidade mexicana de Monterrey acollerá durante toda esta semana a Conferencia Internacional sobre a Financiación para o Desenvolvemento, primeira reunión ó máis alto nivel organizada pola ONU para tratar sobre as necesidades financeiras que prantexa o desenvolvemento mundial. O obxectivo fundamental do cumio é a búsqueda dos fondos que permitan acadar as cotas de desenvolvemento propostas en setembro de 2000, durante o "Cumio do Milenio", de cara a 2015. Para iso, no proxecto de consenso elaborado nas comisións preparatorias prantéxanse seis áreas fundamentáis das que obter fondos: a mobilización de recursos financeiros nacionais nos propios países en desenvolvemento, a mobilización de inversións estranxeiras directas, o comercio internacional, a Axuda Oficial ó Desenvolvemento, o alivio da Débeda Esterna e as aportacións dos sistemas financeiro, monetario e comercial internacionais.
Coa vista posta en Monterrey, pero no eido da Unión Europea, durante a pasada semana tamén se mantiveron diversas reunións tanto na Comisión coma no Consello para chegar a un principio de acordo non vinculante co que acudir a México e polo que se incrementaría progresivamente a Axuda Oficial ó Desenvolvemento (AOD) dos Quince. A intención, moi lonxano aínda o obxectivo do 0,7 por cento do PNB, é a de que os Estados membros con AOD inferiores á media comunitaria, 0,33 por cento, a acaden en 2006. Como resultado, a media ascendería ó 0,39 por cento, que se convertiría en novo obxectivo a acadar en 2010.
A proposta, apoiada con reticencias dende a Presidencia española, non sería máis que un punto intermedio de consenso entre a situación óptima dos países que superan de longo a media ou xa acadaron o obxetivo do 0,7 por cento (Países Baixos, Suecia, Dinamarca e Luxemburgo) e os máis reticentes á cooperación como son Portugal (0,26 por cento), Austria (0,22), Grecia (0,19), Italia (0,13). Incluso Alemaña, que achega un 0,27 por cento do seu PNB, situaríase nese grupo xa que coa proximidade das eleccións e en plena recesión da súa economía non albisca como frear a saída deses fondos máis que argumentando a necesidade dunha mellor xestión das axudas por riba do incremento das cantidades.
A Axuda Oficial ó Desenvolvemento, nembargantes, e a pesares da proximidade da Conferencia de Monterrey, non está de moda. España estancou as súas partidas de AOD de forma que achega actualmente o 0,24 por cento do seu PNB, cifra idéntica á de 1995 e que únicamente foi superada puntualmente en 1998 por un 0,25 por cento. A mesma situación obsérvase no resto do mundo desenvolvido, e incluso o enviado especial do Secretario Xeral da ONU para a Conferencia de Monterrey, o francés Michel Camdessus, chegou a solicitar durante o último mes ós Quince que lideren o aumento do fluxo internacional de AOD, xa que Xapón (0,27 por cento), "polos seus problemas económicos", e Estados Unidos (0,1 por cento), "por estar centrado nos seus propios intereses", renunciaron a ese papel. Entre a Comisión Europea (11 por cento) e os Estados membros (44 por cento), a UE aporta o 55 por cento do fluxo mundial de AOD, pese a só supor o 0,33 por cento do seu PNB total.
De calquera forma, e antes incluso de que comece a conferencia, a coordinadora española de ONGs xa indicou que o "Consenso de Monterrey", que deberán ratificar no cumio mexicano os Xefes de Estado de máis dun cento de países, ten moi pouco contido, carece de compromisos concretos e incluso de ideas innovadoras.