Unha reflexión de Sara Collazo Santaclara

Nacer muller e indíxena en América latina

América Latina é unha rexión acosada por altísimos niveis de desigualdade, sendo as territoriais e o racismo os fenómenos mais destacados. A desigualdade de xénero é un fenómeno que dificulta o desenvolvemento das mulleres, e acentúase cando se combina coa marcada pobreza que sofren moitos sectores da sociedade. As desigualdades danse entre homes e mulleres, pero tamén entre as mulleres, concretamente en relación coa raza, etnia, clase ou situación xeográfica –urbana ou rural-. 

Apartados xeográficos América Latina
Idiomas Galego

América Latina é unha rexión acosada por altísimos niveis de desigualdade, sendo as territoriais e o racismo os fenómenos mais destacados. A desigualdade de xénero é un fenómeno que dificulta o desenvolvemento das mulleres, e acentúase cando se combina coa marcada pobreza que sofren moitos sectores da sociedade. As desigualdades danse entre homes e mulleres, pero tamén entre as mulleres, concretamente en relación coa raza, etnia, clase ou situación xeográfica –urbana ou rural-. 

O traballo das mulleres na defensa dos seus dereitos e na loita polo seu empoderamento vai dando froitos, adquirindo representación política e concentrando a atención da sociedade internacional. A pesar disto, a discriminación adopta moitas formas: o acceso ao mundo laboral, as condicións de traballo, a remuneración, o acceso á educación e saúde…

A poboación indíxena atópase nunha situación de exclusión e marxinación social, e neste contexto, as mulleres indíxenas son mais vulnerables con respecto aos homes. O Foro Permanente sobre Cuestiones Indígenas das Nacións Unidas denominou este fenómeno a ‘Feminización da pobreza indíxena’.  O limitado acceso aos servizos sanitarios, a escaseza de información preventiva e o altísimo índice de nacementos son variables que converten ás mulleres indíxenas nas grandes vítimas da pobreza.  

O contexto con que conviven as mulleres indíxenas é moi peculiar, xa que engloba tres tipos de discriminación: xénero, etnia e clase social. Esta tripla opresión relaciona a poboación indíxena coa non indíxena, e da conta de que estas mulleres teñen que soportar altísimas presións e a través de diferentes frontes. A identidade indíxena vai da man dunha presunción de pobreza que converte a introdución no mercado laboral nunha difícil misión, así como tamén acceder a atención sanitaria e educativa de calidade por parte dos servizos públicos.

As comunidades indíxenas son vítimas cotiás dos despoxos das terras por parte do Estado e a falta de recoñecemento dos seus dereitos colectivos provoca que as mulleres queden totalmente excluídas dos mecanismos de herdanza, o cal significa que perden toda posibilidade de autonomía. As dificultades de acceso a un traballo remunerado desprazaron as mulleres a tarefas de coidado dos recursos naturais, da terra e a familia. A consecuencia disto, moitas mulleres indíxenas migraron ás cidades en busca de traballo asalariado nos diferentes sectores formais e informais, o cal non mellorou a súa situación porque a miúdo son explotadas e maltratadas.

A violencia, tanto directa como estrutural, é a variable mais significativa que converte esta discriminación nun gravísimo problema e provoca profundas fendas sociais. A invisibilidade da situación de violencia que viven as mulleres indíxenas encóntrase tamén con trabas no momento de reportar e denunciar as situacións ás que están sometidas.

Atendendo a este marco contextual, en 1995 a Red de Mujeres Indígenas, na Conferencia de Beijing afirmou a necesidade dun cambio no paradigma da loita destas mulleres polos seus dereitos. Foi entón cando as mulleres indíxenas tiveron que crear espazos propios dende os que poder organizar a súa loita e compartir as súas experiencias.

En América Latina creáronse marcos relevantes  como a Coordinadora Nacional de Mujeres Indígenas de México. En 1995 tamén, a IV Conferencia Internacional de la Mujer aprobou a Declaración de las Mujeres Indígenas, o paso definitivo que elevou a problemática destas mulleres á esfera internacional. Nesa mesma conferencia, cinco anos máis tarde, creouse o Foro Internacional de Mujeres Indígenas (FIMI), que hoxe en día é a plataforma mais relevante no eido internacional para a coordinación das organizacións de mulleres indíxenas do mundo.

Este labor por parte da sociedade internacional, das organizacións non gobernamentais e, sobre todo, destas mulleres na busca da visualización, da toma de conciencia e da construción dunha identidade feminista na que se conxuguen o xénero e a etnia, está dirixido a favorecer o seu empoderamento. Este é o elemento fundamental para a mellora das súas condicións e das súas posibilidades de desenvolvemento. O recoñecemento dos seus dereitos individuais e colectivos, como persoas indíxenas libres, é unha das ferramentas que precisan para a emancipación e para se converter en suxeitos protagonistas da súa vida e do seu futuro.

Esta liña de acción por parte dos pobos e comunidades indíxenas latinas tamén deu resultados a nivel nacional en cada uns dos países que conforman a rexión latinoamericana. As diversas conferencias antes mencionadas nos anos noventa, sustentaron o nacemento do que agora son os Mecanismos de Adelanto de la Mujer (MAM).

Os MAM teñen como misión articular as demandas e a elaboración dunha axenda de xénero global, aprobada polos diferentes gobernos e que ten unha importancia substancial á hora de incorporar a discusión das políticas públicas en relación co xénero e a discriminación. As competencias dos MAM dependen do executivo de cada país e a ‘autonomía’ que este estime oportuno outorgarlles.

Os MAM de México, Venezuela, Guatemala, Chile o Ecuador son dos mais activos. Nas últimas décadas deron grandes froitos institucionais e estableceron alianzas e relacións firmes entre eles en torno á cuestión de xénero indíxena.

Nacións Unidas traballa en prol da satisfacción destas necesidades a través da combinación dos instrumentos de protección dos dereitos humanos, a perspectiva de xénero e os dereitos das minorías indíxenas e aínda que na declaración sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas non inclúe ningún apartado específico para as mulleres, en numerosos artigos son mencionadas como principais afectadas pola desigualdade.

A pesar deste labor, cómpre un maior traballo de campo neste ámbito, atender a un enfoque educativo na cuestión de xénero e penalizar firmemente a violencia. Aínda que esta cuestión leva décadas presente nas axendas dos organismos nacionais e internacionais, precísase dunha mellor canalización da xustiza e de mecanismos que permitan un empoderamento real e operacional para estas mulleres, mecanismos que lles permitan ser suxeitos libres con dereitos que podan exercer sen temor a represalias.