Nas Américas

A nova xira continental do presidente Fraga e a súa ampla comitiva, consolida as expectativas da acción exterior de Galicia en relación ás Américas, un espacio territorial que, globalmente, a pesar dos seus problemas, abriga importantes oportunidades. Que o contido principal da axenda se oriente ós aspectos económicos é especialmente relevante. Galicia precisa transcender esa variable asistencial e clientelista que privilexia América como unha recorrente comunidade electoral, obxecto de permanente trifulca no debate político. Certo que pasarán anos ata que as colonias galegas asentadas nestes países adquiran e desenvolvan esa cultura de lobby que tanto poderia beneficiarnos a todos. Pero nese esforzo deberían centrarse os principais empeños.

O prolongado cultivo das múltiples afinidades bilaterais debe ir cristalizando en fórmulas institucionais. Esta é a duodécima xira presidencial dende 1990, a quinta visita a Brasil, e algúns instrumentos e convenios asinados nos últimos anos están a vertebrar esa rede de comunicación, intercambio e cooperación, no político e no económico, debuxando un escenario que comeza a transcender, con máis e plurais implicacións, o mero impulso presidencial. Cómpre ter en conta, como sinala o profesor García Pérez da Universidade de Santiago, que, sen gran esforzo, Galicia obtén en América Latina un nivel de representación e recoñecemento absolutamente impensable en calquer outro escenario internacional. E podemos e debemos tirar proveito desa situación.

Por iso, en realidade, o gran salto por dar cara ás Américas está aquí, entre nós, habida conta desa persistente e fácil incapacidade para establecer unha alianza por Galicia no eido exterior que asuma estas actuacións como un marco de compromiso das diferentes forzas políticas con presencia no país. Urxe visión de futuro.