Alex Salmond, primeiro ministro esoccés e líder do SNP

Novos folgos para o independentismo escocés

Do punto de vista político, falar de Escocia hoxe en día equivale a falar do proceso independentista aberto polo nacionalista Scottish National Party (SNP), pois que constitúe a primeira ameaza seria e real á unidade territorial do Reino Unido, un dos Estados do occidente europeo que até hai pouco a se pensaba inmutable no que se refire ás súas fronteiras.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

Alex Salmond, primeiro ministro esoccés e líder do SNPDo punto de vista político, falar de Escocia hoxe en día equivale a falar do proceso independentista aberto polo nacionalista Scottish National Party (SNP), pois que constitúe a primeira ameaza seria e real á unidade territorial do Reino Unido, un dos Estados do occidente europeo que até hai pouco a se pensaba inmutable no que se refire ás súas fronteiras. Non é esaxerado aseverar que todas as nacións sen Estado do mundo, e particularmente as europeas, están a acompañar con expectación e de modo estreito o devir deste pequeno, frío e fermoso país, en que tan facilmente nós, galegas e galegos, nos sentimos na casa.

É o SNP o partido que con maior decisión e impacto impulsa o proxecto independentista e, por iso, as posibilidades da independencia relaciónanse en boa medida cos seus resultados electorais nacionais e coa súa capacidade para demostrar que un Estado escocés é viable a través da súa acción de goberno. De feito, as porcentaxes de voto do SNP nas eleccións que se teñen desenvolvido nos últimos anos e as porcentaxes de apoio á independencia teñen, en boa medida, coincidido. Segundo un inquérito levado a cabo por ICM Research o pasado xaneiro, tal apoio sitúase no 40% actualmente.

O pasado 3 de maio tiveron lugar eleccións aos poderes locais escoceses. Tanto o SNP como o Labour Party foron os claros vencedores das mesmas, conseguindo entre ambos máis do 70% do total de concelleiras e concelleiros do país, mais manténdose o SNP lixeiramente por diante, cun 37,2% de concellarías, en comparación co 34,6% do laborismo. Nos dous casos o aumento, significativo, foi do 5%. Mais cabe lembrar aquí que os resultados nacionalistas se producen a pesar de estar no goberno nun momento particularmente complicado para calquera executivo europeo.

O SNP parece ter algunha dificultade para convencer nos ambientes máis tradicionalmente industriais, tendo ficado lonxe de conseguir a ansiada maioría absoluta en Glasgow, aínda que mellorando os seus resultados. Diríase que a clase traballadora industrial non acaba de confiar no esquerdismo do SNP. O feito pode ter algunha base, pois a pesar de que o goberno nacionalista ten adoptado medidas avanzadas dun punto de vista da redistribución da riqueza desde que chegou ao goberno nacional, en 2007, o índice de Gini mostra un aumento das desigualdades que se ten mantido de modo sistemático desde 2005 até 2010 (último ano para o que existen datos).

Trátase, de calquera xeito, dun novo bo resultado que dará folgos a un partido que ten conseguido que a independencia sexa tema persistente e dominante nos medios de comunicación e na rúa. En ambos os casos, a batalla dialéctica entre independentistas e unionistas tende a producirse cada vez máis entre escoceses e ingleses, antes que entre os propios escoceses, que pouco a pouco van decantándose máis pola independencia ou, simplemente, considerándoa unha posibilidade aceptable que, en todo o caso, se dirimirá nunha votación democrática sen maior trauma.

Do lado inglés, diríase que a principal preocupación das elites consiste na perda do petróleo e gas natural que as augas escocesas entesouran. Nun plano máis xeral percíbese a molestia do desconcerto provocado en quen se sente abandonado sen entender o porqué. Do lado escocés, o argumentario é máis diverso e acostuma estar mais solidamente apoiado, sen dúbida debido á maior dificultade que a súa empresa envolve. Con todo, os beneficios que se derivarían da explotación do seu petróleo e gas están entre os argumentos chave. A nivel popular, á par da esperada mellora económica, quizá destaque a idea de recuperación dunha independencia política roubada con nocturnidade e aleivosía en 1707, grazas ao entendemento mutuo entre a elite política escocesa (na altura non popularmente electa e si corrupta) e inglesa (que necesitaba unha Escocia mansa para poder centrarse nos seus conflitos continentais).

Co apoio á independencia a crecer conforme pasa o tempo, a data do referendum parece fundamental. É esta a razón, e non outra, pola que o goberno de Westminster quere a consulta o antes posible, no 2013, e o SNP de Holyrood durante o seu último ano de lexislatura, durante o 2014.